CONTIDOS DAS COMPOSICIÓNS DAS ABAU.Século XIX
Temática sobre o que poden estar baseadas as composicións
A restauración de Fernando VII e do absolutismo: as etapas do reinado (delimitación temporal e características principais)
Despois de asinar o Tratado de Valencay, a finais de 1813, Napoléon renuncia ao trono español e entrega a coroa a Fernando VII quen retornou a España en 1814 e reinou ata a súa morte en 1833. Durante este tempo gobernou dunha maneira vingativa, empregando todos os medios para actuar como un monarca absoluto. Enfrontouse aos liberais e anulou o sistema político creado en Cádiz. No seu reinado diferéncianse tres períodos: o Sexenio Absolutista, o Trienio Liberal e a Década Ominosa.
O Sexenio Absolutista comeza no ano 1814 e remata no 1820. En marzo de 1814 Fernando VII foi recibido en España con grande entusiasmo popular, pero o seu retorno político representou unha volta ao Antigo Réxime. Os liberais esixían que o rei acatase e aprobase os decretos e a Constitución de 1812, pero os absolutistas defendían que o rei debía recuperar a plenitude da súa soberanía e declarar nulas todas as reformas. Así llo pediu un grupo de deputados a través do documento Manifesto dos Persas. O retorno ao absolutismo e ao Antigo Réxime causou unha escasa oposición nas masas populares, que identificaban as reformas liberais como agresións á relixión e aos costumes tradicionais. Ao mesmo tempo, a derrota de Napoleón en 1814 permitiu a restauración do absolutismo en toda Europa.
O goberno de Fernando VII foi ineficaz e corrupto. Volven as ordes relixiosas, a Inquisición, os xesuítas, os décimos, a Mesta, o réxime señorial, cun Estado en bancarrota polos gastos militares 12.000 millóns de reais. A débeda ascende a 14.000 millóns de reais ( 14 veces o orzamento do Estado). Manter o imperio torna unha empresa complicada pola sublevación en América.
Os liberais foron perseguidos e tiveron que recorrer á conspiración e ao pronunciamento, é dicir, ao levantamento de parte do exército que se pronuncia a favor da substitución da monarquía absoluta por unha monarquía liberal inspirada nos principios da Constitución de Cádiz, para poder chegar ao poder. O exército emerxe como un instrumento de cambio político. O exército saído da guerra de independencia é outro, imbuído de liberalismo, descontento polo deficiente abastecemento, polos numerosos guerrilleiros que pasaron a engrosar as súas filas, con moitos oficiais.
O liberalismo aparece entón como unha ideoloxía feble en España: pouca presenza da burguesía, país moi rural, analfabeto e cun poder civil moi feble.
Moitos dos pronunciamentos fracasaron, pero houbo un que triunfou e deu lugar ao inicio da seguinte etapa do reinado de Fernando VII, o Trienio Liberal. En xaneiro de 1820, o mando das tropas preparadas en Andalucía para ir combater aos independentistas americanos, Rafael Riego, esixiu en Sevilla o restablecemento da Constitución do 12. Ese levantamento foi secundado en Galicia. Ante o triunfo liberal, Fernando VII viuse obrigado a aceptar a Constitución o 10 de marzo de 1820.
O primeiro goberno estaba presidido por Argüelles, o goberno dos presidiarios, por estar formado por persoas que sufriran cárcere polas súas ideas liberais. O lema era liberdade con orde. Restableceron a lexislación aprobada polas Cortes de Cádiz: Constitución, Cortes, eleccións baseadas no sufraxio universal indirecto, Milicia Nacional...Ademáis deron un novo pulo as transformación sociais, económicas e administrativas. Prodúcese a supresión dos señoríos xurisdiccionais, dos morgados, supresión das ordes relixiosas con menos de 25 membros, abolen as aduanas interiores, os monopolios do sal, tabaco. Aparece o primeiro regulamento da Instrucción Pública, o primeiro código penal. O décimo redúcese a metade da súa cuantía
As diferenzas entre os liberais sobre temas como a necesidade ou non de modificar a Constitución, o poder da Coroa, a participación política ou a soberanía da nación, deron lugar á aparición de dúas correntes, os moderados e os exaltados. Esta división liberal favoreceu os intentos absolutistas de restaurar o Antigo Réxime, contando co apoio de Fernando VII, que nunca acatou sinceramente á imposición da Constitución. Nese tempo o rei utilizou o veto suspensivo.
Os partidarios do A. Réxime organízanse en guerrillas contrarrevolucionarias. O exército realista chega a proclamar unha rexencia na Seo de Urgel que pide unha volta ao absolutismo. Tivo importancia nas áreas máis cercanas de Navarra e Cataluña. Foi derrotada polos exércitos liberais.
A Década Ominosa absolutista comeza no ano 1823 e remata no 1833. O medo á extensión da revolución por Europa levou á Sta. Alianza a decidir a súa intervención en España para restaurar o goberno absolutista de Fernando VII. A intervención do Cen Mil Fillos de San Luís, tropas francesas ao mando do Duque de Angulema coa axuda dos voluntarios realistas, permitiron unha nova restauración absolutista e unha nova etapa de dura represión contra os liberais. Moitos dos seus lideres e simpatizantes foron perseguidos ou executados. A pesar da persecución, os liberais seguiron conspirando para restablecer as liberdades en España, fracasando nos seus intentos.
Houbo unha depuración no exército e na administración pública. Toda a poboación estivo sometida ao control da policía e dos corpos de Voluntarios Realistas. De novo houbo un regreso do Antigo Réxime, pero a Sta. Inquisición xa non volveu ser restaurada e aparecen os orzamentos anuais, a creación do Consello de Ministros, un servizo de dilixencias, a redacción dun Código de comercio,a creación da Bolsa de Madrid. Os ultrarrealistas acusaron de pusilánime a Fernando VII e fóronse agrupando arredor do seu irmán Carlos quen, ante a falta de descendencia do monarca, era considerado o futuro herdeiro do trono.
En 1829 Fernando VII casou con María Cristina de Borbón e consegue ter dúas fillas. Antes da súa morte derroga a Lei Sálica a través da Pragmática Sanción para que a súa filla Isabel II puidera gobernar o que dará lugar a un conflito sucesorio e a unha guerra civil.