As Cortes de Cádiz e a constitución de 1812

En maio e xuño de 1808, durante a Guerra de Independencia, numerosas vilas e cidades formaron Xuntas Locais de Defensa para enfrontarse ao ocupante francés. De composición moi variada, e controladas na maioría dos casos polas élites dominantes ( militares, clérigos, funcionarios, profesores universitarios, nobres), representan unha nova concepción do poder revolucionaria no senso de non recoñecer a España oficial representada por Xosé I. En cada poboación xurdiu una xunta local. Para maior coordinación aparecen unha xuntas provinciais que a súa vez formaron a Xunta Suprema Central de España e Indias que exerceu o goberno de España ( 35 representantes das xuntas provinciais. Floridablanca a preside). Estas asumen a soberanía entre xullo de 1808 ata xaneiro de 1810 en que delegou o seu poder en mans dun Consello de Rexencia que foi o que convoca as Cortes en Cádiz 

Durante a guerra, xurdiu a necesidade de convocar unas Cortes Xerais e Extraordinarias para lexitimar acción política ante o baleiro de poder, coñecer a vontade do país e implementar reformas. A maioría dos nobres e eclesiásticos trataban de restablecer o sistema político tradicional, pero os liberais eran conscientes da oportunidade presentada para unha transformación política que restrinxira o poder real e establecera una Constitución baseada na soberanía da nación e separación de poderes.

Estas Cortes reuníronse en Cádiz o 24 de setembro de 1810 por ser unha cidade libre do dominio francés e defendida pola armada británica. Predominaron os deputados de clases medias, aínda que tamén tiñan moito protagonismo os eclesiásticos, avogados, militares… sempre divididos ideolóxicamente en liberais e absolutistas.

A elección dos representantes foi por sufraxio universal indirecto en tres niveis: a nivel de parroquia, a nivel de partido do correximento e a nivel provincial. En España naquel momento tiña unha diversidade de niveis territoriais: 11 reinos, 2 principados, 1 señorío, 20 provincias.

Houbo moitas dificultades para que puideran achegarse todos os deputados polo que houbo moitos suplentes gaditanos. Por rexións, Galicia, Cataluña, Valencia estaban moi representadas. A comisión redactora estaba formada por 15 deputados.

Os liberais ( Argüelles, Toreno, Muñoz Torrero) convencen de que a Constitución entronca co pasado e a tradición para poder convencer ao sector realista. Utilizan como argumento a idea de que historicamente en España a monarquía sempre necesitou das Cortes como representación do pobo xunto ao seu rei. A chegada dos Borbóns desnaturalizou esa tradición. Os absolutistas debateron estas ideas.

Estas Cortes promulgaron numerosos decretos nos que se eliminaban as estruturas e os fundamentos xurídicos do Antigo Réxime e se establecía un novo modelo político, administrativo, social e económico baseado nos principios do liberalismo, por iso eran considerados revolucionarios.

  • Declaran a liberdade de imprenta
  • Anulación dos gremios
  • Tímida desamortización.
  • Abolición da Sta. Inquisición
  • Extinción dos señoríos xurisdiccionais. Os territoriais son asimilables ás propiedades agrícolas que son respectadas.
  • Igualdade de dereitos políticos entre os peninsulares e os americanos

Pero esta acción política era obra dunha élite, as masas populares influidas pola Igrexa consideraron estas reformas atentatorias contra a relixión e os costumes tradicionais.

O 19 de marzo de 1812 foi aprobada a primeira constitución española, “A Pepa”. Recollía o espírito e as ideas liberais que establecían un modelo político baseado na soberanía da nación (soberanía popular), a participación da cidadanía a través do sufraxio universal masculino e indirecto e a monarquía como forma de goberno, pero cun poder restrinxido e limitado pola Constitución. Establecíase unha ríxida separación de poderes, no que o poder executivo era exercido polo monarca (xefe de Estado e de Goberno); o poder lexislativo compartido entre as Cortes e o monarca, onde as leis eran elaboradas polas Cortes, pero promulgadas polo monarca, coa posibilidade por parte deste de exercer o dereito de veto suspensivo. As Cortes eran unicamerais para evitar a posible creación dunha cámara aristocrática que truncara os cambios. Reúnense anualmente. O mandato dun deputado dura dous anos e resulta incompatible co cargo de ministro.

Finalmente, o poder xudicial estaba en mans dos tribunais de xustiza coa posibilidade de realizar xuízos con xurado popular para determinados tipo de delitos.

Aparecían, distribuidos ao longo do articulado da constitución, os dereitos e liberdades dos cidadáns, especialmente a liberdade de imprenta e de opinión, a igualdade de todos ante a lei e ante as cargas do Estado sexan estas fiscais (pago proporcional á riqueza) ou militares (servizo militar obrigatorio). Se recoñecia a propiedade individual como un dereito básico garantido polo Estado e para asegurar a orde pública e a defensa das liberdades contémplase un corpo de seguridade, a Milicia Nacional.

Fronte á diversidade administrativa e lexislativa do Antigo Réxime impúxose una lexislación que eliminaba os particularismos dos antigos reinos e os privilexios forais (unitarismo e centralismo político). Ademais, declarábase a España como un Estado confesional católico.

En síntese, trátase dun texto revolucionario no senso de alterar as bases políticas e sociais do Antigo Réxime, pero tamén facía concesións á tradición na declaración do Estado confesional.

Nin a Constitución nin as leis emanadas das Cortes tiveron una aplicación práctica polo estado de guerra no que se vivía. Fernando VII, a súa volta, derrogou a Constitución e a obra lexislativa das Cortes de Cádiz, pero significou un referente e unha inspiración dos textos posteriores.

Para saber máis: https://www.nuevatribuna.es/articulo/historia/cortes-cadiz-y-constitucion-1812/20161206095202134522.html

https://www.congreso.es/cem/const1812