OS DECRETOS DE NOVA PLANTA E OS SEUS EFECTOS

Os Decretos de Nova Planta foron impostos por Felipe V de Borbón trala súa vitoria na Guerra de Sucesión (1714) e consistían na abolición dos privilexios forais da Coroa de Aragón, e polo tanto das unidades políticas que a conformaban (Aragón, Cataluña, Valencia e Baleares), impoñendo as institucións e as leis de Castela. Estas reformar de carácter administrativo tiñan como obxectivo centralizar a administración e robustecer o poder da monarquía absoluta (iniciada en España baixo o seu reinado segundo os modelos de Luis XIV e Bossuet) en detrimento dos privilexios forais dos diferentes territorios. Lográbase así o que no seu día pretendera coa Unión de Armas, sen éxito, o Conde Duque de Olivares. Esta nova dinastía unha das primeiras transformacións que realiza é a concernente á Lei sálica, seguindo o modelo francés, para solucionar posibles conflitos sucesorios.

A pesar do acordado en Utrecht de non ter represalias cos territorios que apoiaron aos Austrias, Filipe V coa introducción dos Decretos de Nova Planta implanta un modelo centralista decretando a desaparición dos reinos como tales e dos vicerreis; se compartimentan estes reinos en provincias a fronte das cales había un gobernador e un capitán xeneral. Igualmente se decreta a anulación das Cortes de cada reino, desaparición de todos os foros, costumes e o uso exclusivo do castelán como lingua administrativa. O seu modelo de territorio será centralista, con capital en Madrid, división do territorio en provincias e cortes únicas castelás. Neste caso o que fai é eliminar todos os elementos intermedios, unificar todo o territorio e unha uniformidade institucional, cunha salvedade, non se amplía a uniformidade ás provincias vascas e navarras pola súa colaboración no conflito de sucesión. Deste xeito, o novo monarca castigaba a falta de lealdade duns territorios que xuraron fidelidade a Felipe V no inicio do seu reinado.

Politicamente a desaparición dos privilexios forais dos territorios da antiga coroa de Aragón (Valencia e Aragón en 1707, Cataluña 1715) poñía fin ao modelo pactista de relación entre o monarca e eses territorios que durara tantos anos dende a chegada do Estado Moderno. Se antes esa pluralidade de territorios tiña como elemento común ao rei, agora o monarca daba un paso decisivo na liña de vertebrar un Estado- nación con institucións comúns a todos os territorios e onde o rei se poida impoñer sobre as institucións representativas do reino. Tan só permanecen as Cortes de Castela, pero incluso esta limitada a actos protocolarios. O resultado da aplicación deste novos principios é unha profunda alteración da constitución tradicional da monarquía española, como agregado de coroas e reinos, que mantiñan as súas propias institucións e leis. Con todo este proceso de centralización resulta incompleto porque aínda perviven moitas prácticas do pasado e institucións tradicionais propias do Antigo Réxime. As estruturas sociais non mudan polo que se produce unha superposición entre as esixencias da administración do Estado e o exercicio do poder da nobreza e o clero nos territorios da súa xurisdicción. 

A Reforma do modelo de Estado conclúe coa acumulación dos poderes na figura do rei, a introdución dos Secretarios de despacho escollidos en función da súa preparación e non por privilexios, antecedente dos ministros, e o único Consello que mantén a súa independencia é o de Castela. A transcendencia histórica destas medidas foi o reforzamento do poder da monarquía, mediante a configuración dunha administración mais eficaz e directa.

O mantemento dos privilexios forais vascos e navarros é un dos xermolos das futuras Guerras carlistas tralos intentos de uniformización dos liberais, así como a toma de Barcelona en 1714 e a imposición dos Decretos de Nova Planta será un dos feitos simbólicos clave para artellar as reivindicacións históricas do nacionalismo orgánico-historicista catalán a partir do último terzo do século XIX.