SUBTEMAS DAS ABAU. Séculos XVI, XVII

Sitio: IES Sánchez Cantón de Pontevedra
Curso: Historia de España 2023-24. Prof. Humberto Martínez Gargamala
Libro: SUBTEMAS DAS ABAU. Séculos XVI, XVII
Impreso por: Usuario convidado
Data: venres, 23 de agosto de 2024, 04:51

Descrición

Posibles temas das ABAU

Isabel I de Castela e Fernando II de Aragón, ambos da dinastía Trastámara, acadaron o trono de Castela en 1474 trala vitoria na guerra civil sobre Juana “a Beltranexa,” filla do irmán de Isabel e anterior rei de Castela, Enrique IV. Juana foi apoiada polo rei de Portugal, Afonso V, e o rei de Francia ademais de membros da alta nobreza que temían unha monarquía forte e autoritaria. Isabel foi apoiada polo rei de Aragón, Juan II, e pola pequena nobreza e oligarquía das cidades. A derrota dos partidarios de Juana  na batalla de Toro (1476) marcou o desenlace da guerra civil.  A renuncia efectiva dos dereitos sucesorios de Juana ratificaríase non Tratado de AlcaÇovas en 1479.

En 1479, Fernando herda o trono da Coroa de Aragón, unificando, deste xeito, os dous grandes reinos peninsulares baixo o poder do matrimonio, pero no documento denominado Concordia de Segovia (1475) os consortes pactaron que ambos os dous conservarían o seu poder en cada territorio ante o temor por parte de Isabel de que Fernando pretendera ser declarado o único herdeiro lexitimo por ser varón nos dous reinos. Esta unión era, polo tanto, de tipo dinástico e en ningún caso implicaba unha unión política de ambos reinos. Tiñan en común as persoas dos reis que as gobernaban conxuntamente, pero cada reino conservaba a súa independencia política.

Os RRCC acometeron unha fonda reforma administrativa e política e son considerados pola historiografía española como os monarcas que inician a transición do medievo á modernidade. Estas reformas estaban orientadas a fortalecer o poder dos monarcas fronte o da nobreza apoiándose nas cidades, marcando o nacemento da monarquía autoritaria e extinguindo a feudal.

Entre as reformas máis importantes destacan a consolidación da figura do corrixidor como representante do poder real no goberno das cidades de reguendo de Castela con funcións de tipo xudicial e policial.

As Cortes, onde se reunían os estamentos privilexiados e os representantes das principais cidades do reino foron convocadas con menor frecuencia. Para o goberno dos territorios e os asuntos do reino foi tomando cada vez máis importancia o Consello Real ou Consello de Castela. Reforzado coa figura do Secretario Real, era meramente consultivo e estaba formado por letrados, nobreza e eclesiásticos da confianza real. As decisións dos reis eran executadas polos diferentes consellos. Había dous tipos de Consellos: os territoriais ( Castela, Aragón) e temáticos ( Facenda, Sta. Inquisición).

Para garantir a orde pública e pacificar o mundo rural apareceu a Sta. Irmandade. Un corpo policial sufragado polas cidades que serviu de control real para someter á nobreza díscola.

Para mellorar os ingresos e poder desenvolver un exército e unha burocracia real crearon o Consello de Facenda. Os monarcas obtiñan os seus ingresos do quinto real do comercio americano, dos impostos aos xudeos e mudéjares, das rendas derivadas das ordes militares e das rendas eclesiásticas derivadas do Padroado Rexio e da Bula da Cruzada existente pola loita contra o islam

O papa Alejandro VI entregoulle o Mestrazgo das ordes militares a Fernando o que supuxo unha forte inxección de diñeiro e o aumento do seu poder territorial.

Creouse un sistema xudicial centralizado, tribunais reais de apelación ( as Chancelerías con  sedes en Valladolid e Granada) e as Audiencias, como un nivel superior de impartir xustiza por riba do sistema xudicial feudal desempeñado polos señores nos seus territorios.

Creouse o tribunal da Santa Inquisición para velar pola unidade relixiosa acadada en 1492 trala conquista do Reino Nazarí de Granada, último reduto do Al- Andalus, e trala expulsión dúas xudeus e musulmáns ese mesmo ano, iniciando a cuestión dos cristiáns vellos e novos e dos conversos.

En 1512 iníciase a anexión de Navarra por parte de Fernando de Aragón baixo o pretexto dun enfrontamento co monarca francés pola coroa deste reino. As Cortes de Castela declararon a anexión do Reino de Navarra, en 1515, formando un Estado que sería denominado posteriormente como Monarquía hispánica. Á fronte de territorios como Navarra ou Aragón situaron aos Vicerreis.

Cada unha das antigas coroas que ou formaban conservarían as súas propias leis e institucións denominados Privilexios forais que serán abolidos case definitivamente cos Decretos de Nova Planta de Felipe V en 1716. Asistimos, polo tanto, á fundación mediante a Unión dinástica dos RRCC do primeiro estado moderno.

Resultado de imaxes para reinado de los reyes catolicos

Tras o falecemento do rei “católico” Fernando, e os problemas relacionados coa suposta tolemia da herdeira ao trono de Castela (a súa filla Juana), o fillo desta, Carlos, nado en Gante, vai herdar o trono da Monarquía Hispánica en 1516, á idade de 16 anos, completando así a unión dinástica iniciada polos seus avós. Falamos dun territorio enorme e heteroxéneo, se temos en conta que non se limita aos territorios peninsulares de Castela e Aragón. De Castela comprende as Canarias, as prazas africanas ( Melilla, Bugía, Orán, Argel) e as posesións americanas recentemente acadadas e de Aragón as históricas posesións en Italia (Nápoles, Cerdeña-Sicilia). Esta sería a herdanza por parte materna. A estes territorios habería que engadirlles a herdanza paterna: os territorios europeos herdados da Casa de Borgoña coma Flandres, o Franco Condado e Charolais ao que haberá que engadir, en 1519, tras a morte do seu avó Maximiliano I de Austria, Austria, o Milanesado e o Sacro Imperio Xermánico, xa que Carlos é elixido Emperador, co que pasará a considerarse coma a cabeza da “Universitas Christiana” por riba de Rei das “Españas”.

A carreira imperial, a idea de manter ese imperio herdado e a obsesión pola creación dunha monarquía católica universal lévalle a enfrontarse a Francia, o seu gran rival, aos protestantes alemáns, ao mesmo Papa ou ao “turco” (Imperio Otomano). Toda esa empresa imperial supón un enorme dispendio para as arcas castelás, xa que o monarca, ademais de solicitar préstamos a banqueiros xenoveses e alemáns, esixirá o pago de innumerables tributos que recaerán fundamentalmente sobre os “pecheiros” da Coroa de Castela, sendo este o motivo principal da revolta das “comunidades” castelás e o que é máis grave, derivarán nunha crise económica de gran repercusión, que levará a declaración de bancarrota da facenda real no ano 1557.

O seu fillo e sucesor, Felipe II (1556-1598), o segundo “Austria maior”, personalizará un modelo de autoritarismo monárquico máis perfeccionado. A diferencia do seu pai, gobernará dende Castela, creando unha capital permanente, Madrid e preto desta, o Mosteiro e pazo do Escorial, imaxe de poder e austeridade, pretendidas sinais de identidade do monarca. Centrado nas posesións hispánicas (xa que os dominios Imperiais alemáns pasaron a mans do seu tío Fernando de Austria), e, a partir de 1580, nos dominios portugueses acadados tras un conflito sucesorio no país veciño que se resolve no seu favor por ter dereitos dinásticos ao trono portugués, manterá esa obsesión herdada por presentarse como líder da cristiandade católica. Combaterá á monarquía francesa (San Quintín, 1557) e aos turcos musulmáns (batalla de Lepanto, 1571) en conflitos herdados do reinado do seu pai. Con Francia chegará a un tratado de paz, Cateau Cambresis, en 1559, que significou a renuncia dos franceses sobre as posesións italianas da monarquía hispánica. Con Turquía chegarase a unha entente obre o Mediterráneo. Combaterá tamén contra os protestantes calvinistas das rebeldes Provincias Unidas acaudillados por Guillermo de Orange,(1566) nun conflito que ten causas relixiosas, pero, sobre todo, de tipo económicas e políticas onde a monarquía hispana demostrou pouca habilidade en manexar o problema. Enfrontarase á monarquía inglesa de Isabel I, adalide da loita anti-hispánica e apoio de todos aqueles que lle fixeran fronte no continente.

En 1588, Felipe decide enviar unha poderosa flota, a chamada “Armada Invencible”, composta por 127 navíos á costa inglesa, máis a expedición fracasa estrepitosamente, marcando para algúns historiadores o comezo da decadencia na política exterior hispana.

Estes enormes gastos derivados das campañas bélicas levadas a cabo polos Austrias “maiores”, así como a incapacidade de xestionar o “tesouro americano”, unha errada política monetaria, e o desinterese das clases rendistas (nobreza e clero) en investir os seus beneficios en actividades produtivas “proto-capitalistas”, coma o comercio ou a industria, determinan o paso a un século XVII dominado pola idea de atraso, decadencia e crise. Como vemos, si ben é certo que os chamados Austrias “menores” non se mostraron especialmente interesados e capacitados nos asuntos de goberno, sería inapropiado dende unha análise rigorosa responsabilizar exclusivamente a estes do período de crise que vivirá a Monarquía ata o último terzo do XVII.

 

 

Resultado de imaxes para mapa europa carlos I Imaxe relacionada

5. Conquista e colonización de América: leis de Indias, a revolución dos prezos.

Despois do descubrimento de América en 1492 comeza unha longa fase de exploración, conquista e colonización coa intención de incorporar as terras do Novo Mundo baixo o control da Monarquía Hispánica co obxectivo fundamental de obter beneficios económicos a través da explotación dos seus recursos naturais e o sometemento dos pobos indíxenas.  

A conquista organízase de xeito privado, a través de acordos outorgados pola coroa hispana aos conquistadores interesados na exploración e colonización dos novos territorios. Estes acordos, chamados capitulacións, estipulaban as condicións do dereito de conquista, o reparto de riquezas e a obtención de cargos políticos a cambio de poñer o novo territorio baixo autoridade da Coroa e de entregarlle a esta un quinto da riqueza, o denominado quinto real. Entre os máis destacados conquistadores temos a Hernán Cortés que someteu ao Imperio azteca, no actual México, e Francisco Pizarro que acabou co Imperio inca na zona andina do actual Perú, principalmente. Esta conquista deuse en varias fases, principalmente ao longo do século XVI. A partir de aí os españois iniciaron un intenso período de colonización onde trataron de poboar o territorio e artellalo mediante a fundación de numerosas cidades nas que adoptaron un plano en cuadrícula. Esta conquista foi posible grazas á superioridade tecnolóxica dos españois, á división interna dos grandes imperios precolombinos e, sobre todo, ao brutal impacto das enfermidades euroasiáticas (varíola ou gripe principalmente) sobre as poboacións indíxenas americanas. Ao redor dun 90% da poboación pereceu por esta causa.

Como sistema de explotación do traballo indíxena empregouse a encomenda. Os conquistadores obtiñan un número determinado de indíxenas por parte da Coroa a cambio de protección e da obriga de evanxelizalos. Como retribución por isto, os indios debían traballar para os conquistadores a cambio de salarios moi pequenos. Para a explotación mineira, o sistema aproveitado foi o da mita (un tributo laboral establecido anteriormente no imperio inca) onde as comunidades indíxenas proporcionaban os traballadores necesarios para as grandes minas de prata como Potosí, a maior de todas, en Perú,  ou Zacatecas, en Nova España. Traballaban case como escravos. A diminución da man de obra indíxena estimulou outro dos sistemas de explotación: a importación de escravos negros africanos,  un dos grandes negocios na Idade Moderna.

A cantidade de prata extraída de América provocou na península un proceso de inflación tal, que se coñece como a revolución dos prezos. O aumento de metal circulante en España fixo que os prezos escalasen de maneira descontrolada. A prata americana foi clave na financiación das guerras europeas da Monarquía Hispánica e tamén contribuíu ao crecemento económico e á expansión do comercio mundial durante a época moderna.

Para administración das novas terras, denominada As Indias, que pertencían á Coroa de Castela,  creáronse institucións e leis concretas. Para o seu goberno  cráronse o Consello de Indias e para centralizar, controlar e regular o comercio a Casa de Contratación. Instalados inicialmente en Sevilla, converteron a esta cidade, no XVI e XVII, na máis poboada de España.

Creouse toda unha lexislación propia para América (civil, política, social e económica) que se compilou nas chamadas Leis de Indias (fundamentalmente as Leis de Burgos de 1512 e as Leis Novas de 1542). Estas leis regularon a relación entre os colonos e a poboación indíxena (súbditos da coroa), toda vez que Frei Bartolomé das Casas criticou abertamente os abusos dos encomendeiros no trato dispensado aos indios. Nas Leis Novas limítase o traballo forzoso e o sistema de encomenda. O cumprimento destas leis non sempre tivo unha aplicación efectiva.

En América a administración territorial foi dividida en Gobernacións, Audiencias e Vicerreinados.

Se ben é certo que a colonización trouxo consigo melloras técnicas para as poboacións americanas, podemos afirmar que as relacións foron brutalmente asimétricas. A metrópole obtiña grandes beneficios económicos das colonias, administrados por poboación de orixe español principalmente (os crioulos) e os indíxenas e os escravos eran explotados salvaxemente, sendo un dos maiores xenocidios da Historia da humanidade.

Na historiografía tradicional hai unha tendencia a presentar ó século XVI como un período de auxe e prosperidade e á centuria seguinte coma todo o contrario. O desexo de manter íntegro o imperio e a defensa do catolicismo dos Austrias maiores (Carlos I e Felipe II) fíxoos pasar á historia coma grandes monarcas, mentres que segundo esta mesma visión, a falta de capacidade e interese polos asuntos da Coroa dos Austrias menores (Felipe III, Felipe IV e Carlos II) tivo coma resultados crise e decadencia. Sendo certo en parte isto último, esta interpretación crea unha versión sesgada dos feitos. Na actualidade debemos asumir que a crise económica e demográfica comeza no último cuarto do século XVI, a partir de 1580, e aparecen síntomas de recuperación aproximadamente un século despois.

Esta decadencia ou crise responde a unha explicación multicausal:

  • Os excesivos gastos da política imperial de Carlos I e as campañas bélicas deste e o seu fillo Felipe II no exterior, obsesionados pola hexemonía da monarquía hispánica no mundo e líderes universais da cristiandade, debilitan fondamente á facenda real
  • Unha dependencia excesiva dos empréstitos da banca estranxeira (asentos) e unha frecuente emisión de débeda pública (xuros); recordemos que en 1557 declárase a primeira bancarrota e a partir de aquí sucédense outras nos anos 1575, 1596, 1607,1627,1647,1652,1662.
  • A chegada masiva de metal precioso de América (ouro e, sobre todo, prata) ten como consecuencia un aumento exponencial da moeda circulante que incide na brusca subida da inflación (isto é, aumento dos prezos moi por riba do aumento dos salarios).
  • O arcaísmo do sistema produtivo nacional, insuficiente para abastecer o mercado interno e americano.
  • Un gusto polos produtos estranxeiros, que desequilibra a balanza comercial, e unhas clases privilexiadas que non invisten as súas ganancias na actividade económica produtiva. O dominio dunha mentalidade rendista en quen ten o poder económico explica a progresiva decadencia de Castela. As grandes riquezas americanas acabaron por beneficiar ao resto de Europa.
  • Unha política monetaria errada dos primeiros “Austrias menores”, baseada na acuñación de moeda de menor valor (o vellón), agrava a inflación e a dependencia cara o exterior.

Todos estes factores, unidos á incidencia da peste atlántica, a un ciclo de malas colleitas producido por unha climatoloxía adversa e aos numerosos enfrontamentos bélicos que desangran a Castela, provocan un aumento da mortalidade e descenso da natalidade. A crise económica e demográfica terá efectos adversos na estrutura poboacional “española”, estancándose a poboación nuns 7,5-8 millóns de persoas durante o período sinalado.

Non obstante debemos establecer diferencias no comportamento demográfico dos territorios peninsulares: se ben o interior castelá, ata ese momento a zona máis poboada, sofre un decrecemento e iniciase un éxodo de poboación cara á periferia, no litoral (exceptuando Valencia, moi afectada pola expulsión dos mouriscos en 1609 e algunhas cidades moi afectadas polas epidemias de peste, coma Barcelona ou Sevilla) a situación é ben diferente: comeza o fluxo de campesiños dende o interior e chegan de América dúas especies que se cultivan na costa a pouca altura, e que producirán un alza demográfica ou cando menos mitigarán os efectos da crise: o millo e a pataca.

No aspecto político, o s. XVII caracterízase polo papel desenvolvido polos validos. Os denominados Austrias menores delegaron os asuntos de goberno en persoas de confianza. Durante o reinado de Felipe IV destaca o papel de Gaspar de Guzmán, o Conde- Duque de Olivares.

Olivares focalizou o seu labor en torno a tres obxectivos:

  • Mellorar a situación económica e financiera da monarquía.
  • Recuperar o prestixio interno e internacional da Monarquía Hispánica.
  • Uniformizar política e administrativamente uns reinos peninsulares que gozaban de amplas competencias e dereitos que foran respectados dende a Idade Media.

Con estes fins, redactou o “Gran Memorial”, onde lle mostraba ao Rei os males que aqueixaban a unha “España” en crise, e propoñía solucións para alcanzar os obxectivos anteriormente sinalados: debilitar o poder político e social de nobreza e Igrexa, incentivar a produción propia levando a cabo unha política mercantilista (intervencionista e proteccionista) co fin de activar un comercio “nacional” e internacional, impoñer progresivamente as leis de Castela nos diferentes territorios e repartir equitativamente o recrutamento de tropas e a recadación de tributos para facer fronte ás continuas campañas bélicas europeas no contexto da “Guerra dos 30 anos”.  Olivares argumentaba que a aportación de homes e tributos debería ser proporcional á cantidade de poboación e á riqueza dos diferentes reinos (ata ese momento a Coroa de Castela sostiña todo o peso fiscal e militar). Este proxecto foi coñecido coma a “Unión de Armas”.

As dúas últimas medidas sinaladas xeraron o rexeitamento dos territorios non castelás, o que tivo como consecuencia o estoupido da rebelión catalá e a independencia de Portugal en 1640, auspiciada por Francia e Inglaterra (lembremos que o país luso pertencía á Coroa hispánica dende 1580). No caso catalán, a rebelión xermina debido á obriga que tiña o principado de dar aloxamento aos soldados españois, en plena guerra con Francia no Rosellón. De feito, Cataluña chega a formar parte da Coroa francesa. Non podemos esquecer o contexto internacional no que se desenvolven estes acontecementos: a chamada Guerra dos 30 anos (1618-1648),  durante a cal prodúcense enfrontamentos cas Provincias Unidas, Suecia, Francia... moi prexudiciais para a Monarquía, o que non fixo senón agrandar os problemas da facenda real (bancarrota en 1627) e marcar o ocaso da hexemonía hispana en Europa.

Densidad de la población en el siglo XVI.
Imaxe relacionada

Economía e sociedade na Galicia dos Austrias (a agricultura e as súas transformacións, a importancia da pesca na Galicia litoral, a estrutura social: sociedade rendista e peso da fidalguía) 

A Galicia dos séculos XVI-XVII presenta, na súa dimensión socioeconómica, cambios máis tamén continuidades con respecto ó periodo pretérito.

Dende un punto de vista estrutural, podemos afirmar que Galicia, ao igual que o resto de territorios conformantes da Monarquía Hispánica, presenta as características básicas do sistema feudal: sociedade estamental moi xerarquizada e con escasas oportunidades de ascenso social, desigualdade ante a lei e liderada por sectores rendistas (non productores, son a nobreza e o clero), que son señores territoriais e xurisdiccionais sobre os seus feudos e viven fundamentalmente do cobro de rendas aos campesiños que traballaban as terras destes. En relación con esta realidade, cómpre destacar o papel dos fidalgos, unha sorte de baixa nobreza que se incardina no sistema entre o pagador campesiño e o cobrador señor, facendo de intermediario e aumentando o seu patrimonio e importancia social (claramente perceptible na erección de maxestuosos pazos). É perceptible que para moitos grandes señores, desinteresados en labores contables e moito menos “manuais”, todo o que supuxera evitar o traballo era dignificante, polo que arrendan esta xestión ós fidalgos.

A poboación galega, ao igual que o conxunto peninsular, é moza, presentando unha esperanza de vida curta, arredor dos 40 anos. Máis de 4/5 do total da poboación vive no ámbito rural, os centros urbanos son moi pequenos, resulta ser analfabeta (as mulleres na súa práctica totalidade) e traballa nos labores do campo, xestionando unha economía agraria de subsistencia ou autoconsumo (importancia na exigua dieta das fariñas de trigo e centeo, o viño, verduras, pouco consumo de carne…) con apeiros rudimentarios, ausencia de fertilizantes e innovacións salientables. Estes condicionantes explican que dificilmente se xere un excedente unha vez os campesiños teñen que facer fronte á gran cantidade de tributos sobre o producido (décimo eclesiástico...), o empregado (moenda, montazgo...), o consumido (alcabala…) e ó pago das rendas forais. Estes pagos soíanse facer en especie. Debido a esta insuficiencia produtiva da agricultura para xerar benestar na vida cotidiana, foron moitos os que optaron por realizar outras tarefas complementarias ás agrarias na propia casa, coma o fiado de liño, ou decidiron emigrar a Castela, Portugal por un tempo curto ou definitivo.

No que ten que ver coas innovacións chegadas ao sector da agricultura, ante a ausencia de melloras técnicas, temos que resaltar o relevante cambio producido na realidade demográfica galega a partires de mediados do século XVII cando se consolidan na nosa terra os cultivos de dous produtos americanos, millo e pataca, aumentando os niveis produtivos e as terras en labor, e con isto propiciando un crecemento poblacional que mitiga a crise demográfica do século XVII que afecta á toda a península.

Na Galicia costeira, a exigua produción dos minifundios vese aliviada polo traballo no mar, que en todo caso tampouco permite superar o nivel de subsistencia para a meirande parte dos mariñeiros, debido a problemas análogos ós da agricultura (de feito, as innovacións relevantes a nivel técnico e organizativo no terreo da pesca chega cos emprendedores cataláns no S XVIII, ca introdución da arte do arrastre e as fábricas de salgadura), se ben é certo que os gremios de mareantes, coma no caso de Pontevedra, chegaron a ter relevancia económica dentro da súa comunidade. Portos coma os desta cidade, Baiona, Vigo, Coruña… comerciaban con cidades costeiras españolas (Sevilla, Bilbao) e europeas coma Lisboa, Porto, Amberes, Rouen… exportando viños, sardiñas, polbos, pescadas, castañas, cítricos… ou importando cereais, aceite ou sal, que proviña fundamentalmente da cidade lusa de Aveiro e era unha mercadoría básica, xa que permitía a conservación do peixe. Tamén, ainda que en moi contadas ocasións, organizaban campañas de altura, coma a que os levaba a Terranova na busca de bacallau.

A nivel da vida urbana, o rico comercio marítimo vivido nos séculos finais da Idade Media e as actividades artesanais van entrar en decadencia a partir do último terzo do século XVI. A  situación marxinal de Galicia dentro da coroa hispana así como a imposibilidade dos portos galegos a participar no emerxente comercio americano e a inseguridade xerada polos piratas e  a conflitividade internacional son razóns que poden explicar esta decadencia. O  lugar preponderante que ocupan os comerciantes nas ciudades vai ser substituido polos fidalgos, escribanos e notarios.

 

 

O papel da muller na Idade Moderna.

 

A muller ten un papel fundamental na sociedade moderna a pesar de que fose relegado a un rol secundario debido ás estruturas patriarcais discriminatorias relacionadas coa sociedade tradicional estamental católica. Cargaban co peso das familias e das economías domésticas pero as oportunidades e os dereitos das mulleres estaban moi limitados sendo consideradas inferiores aos homes, estando sometidas á autoridade dos pais ou dos maridos. O seu rol social básico era o do ámbito doméstico (crianza dos fillos e mantemento do fogar) ou de coidadoras, fundamental para que outras actividades reservadas aos homes puideran desenvolverse. A moralidade da época facía que unha das cuestións máis importantes fora a da súa reputación, fundamentada na observancia destas ríxidas normas morais, o cal as sometía a unha privación da súa liberdade de movementos realmente opresiva.

 

Se ben é certo, como reflexo da sociedade estamental imperante na Idade Moderna, que dependendo do estamento e grupo social ao que pertencían a súa situación podía variar. As mulleres dos grupos non privilexiados tiñan como principal obxectivo o matrimonio e apenas tiñan capacidade de decisión nas familias. Tiñan que colaborar no traballo familiar sendo os principais cometidos á agricultura, a artesanía (téxtil principalmente) ou como servizo doméstico de familias adiñeiradas ou nobres. Raramente se retribuía economicamente o seu labor. As familias burguesas podían, a diferencia das campesiñas ou dos artesáns, permitir de maneira excepcional ás mulleres acceder a unha educación coa que poder aprender as normas da lectoescritura. Debemos recordar que o acceso á educación na época era xa de por si moi limitado e as taxas de analfabetismo elevadísimas, sendo moi superiores no caso das mulleres.

 

No caso das familias nobres a situación era similar, só que as taxas de alfabetización podían ser algo máis altas. As mulleres nobres, sen embargo, tiñan maior acceso á educación, que era sempre no ámbito do fogar, coidando a educación relixiosa, ás veces as artes e a música ou os idiomas. Eran excepcionais os casos nos que as mulleres, por ausencia da figura do varón, xestionaban o patrimonio da casa nobiliar. Eran empregadas principalmente como moeda de cambio na redes de alianzas entre as casas ou para fins  económicos a través dos casamentos. Outra opción das mulleres   era a de ingresar no clero como monxas, neste caso pasaban a vivir baixo as regras das ordes relixiosas ou do clero en xeral. Algunhas mulleres podían chegar a obter certo poder e influencia se chegaban a escalar na xerarquía eclesiástica chegando a abadesas dalgún mosteiro, aínda que debemos recordar que a estrutura eclesiástica eran un mundo dominado polos homes onde a relevancia das mulleres era totalmente marxinal.

 

Aínda así temos mulleres con especial relevancia como poden ser Beatriz Galindo “A Latina”, gran gramática e preceptora de Isabel a Católica, outra figura de enorme relevancia na Historia de España, Leonor López de Córdoba, poetisa que trataba o tema dos dereitos femininos, ou Francisca de Pedraza que presentou unha demanda legal ante o Tribunal da Inquisición por ter sido vítima de acoso sexual. A súa valentía de enfrontarse ás autoridades foi un acto de resistencia contra as normas patriarcais da época.. No campo das letras tamén destacou Santa Teresa de Jesús e no da pintura Sofonisba Aguissola. Outras das mulleres que tiveron gran influencia na vida política foron a Princesa de Éboli en tempos de Felipe II ou María Luisa de Parma, muller de Carlos IV e nai de Fernando VII.

 Será a Ilustración, a partir do s. XVIII, pero con moi limitada pegada en España, a que comece a reclamar unha máis que tímida posta en valor do papel da muller na sociedade con apenas impacto nesta época. Neste sentido destaca a defensa do  pai Benito Feijóo da capacidade intelectual das mulleres e da súa necesaria dignificación cultural como vía para producir  beneficios indubidables ao país.