CONTIDOS DAS COMPOSICIÓNS DAS ABAU. Século XX

Sitio: IES Sánchez Cantón de Pontevedra
Curso: Historia de España 2023-24. Prof. Humberto Martínez Gargamala
Libro: CONTIDOS DAS COMPOSICIÓNS DAS ABAU. Século XX
Impreso por: Usuario convidado
Data: venres, 23 de agosto de 2024, 04:33

Descrición

Temática sobre as que poden estar baseadas as composicións

A quenda pacífica entra en crise a finais do s. XIX a raíz principalmente do aumento dos grupos sociais que non se sentían representados polo sistema turnista. Estes grupos, principalmente urbanos, consolídanse co desenvolvemento da industrialización e o aumento consecuente da taxa de urbanización. As clases medias urbanas abrazan o republicanismo, o movemento obreiro  consolídase ao igual que o nacionalismo periférico e actuarán como opositores ao réxime oligarca. Outros elementos desestabilizadores serán o asasinato en mans dun anarquista de Cánovas en 1897 e a morte de Sagasta en 1903 provocando o fraccionamento,  unha crise de liderazgo en ambas formacións e a descomposición dos partidos dinásticos. Pero o que causa un notorio impacto foi a crise de 1898, que sería a principal crise da rexencia de María Cristina de Habsburgo. O desastre do 98 provoca un xeral descontento da poboación no país. O réxime da restauración entrou nunha nova fase marcada polas intervencións de Alfonso XIII na vida política. O seu reinado estivo marcado polo espírito rexeneracionista que pretendía revisar o sistema, modificando o necesario para superar os problemas do país e adaptarse ás novas demandas sociais e políticas, mais as intervencións do monarca dificultaron a modernización, provocaron unha gran inestabilidade gubernamental, derivando no rechazo cara o sistema e cara a monarquía que foi a principal causa que levou a Primo de Rivera a pronunciarse en 1923 co propósito de solventar os problemas do país.
A derrota, cualificada como desastre do 98, causou en España un forte impacto na opinión pública, nos partidos políticos e nas clases medias. Os intelectuais desenvolveron unha reflexión crítica sobre España marcada pola desmoralización, o pesismismo e a idea de decadencia. Os militares sentíronse frustrados e responsabilizaron do fracaso aos políticos e pecháronse progresivamente nunha actitude de defensa corporativa dos seus intereses. Prodúcese o divorcio entre o turnismo e os militares. O exército español vai a involucionar a partir deste momento.
  
Tras a morte dos fundadores dos partidos dinásticos, os seus sucesores máis destacados, Maura e Canalejas, tentaron unha rexeneración dende arriba do sistema. Primeiro, o partido conservador de Maura coa proposta dunha reforma electoral para evitar a influencia do caciquismo, mais a entrada en vigor do artigo 29 impide que esta reforma se leve a cabo pois permitía a elección automática dos candidatos se estes eran os mesmos ou menos que os escanos en liza por cada circunscrición.
Esa tensión dará lugar a unha serie de momentos críticos que precederon a grande crise de 1917:
  • o ataque de militares á revista satírica catalana Cu- Cut en 1905, que dará lugar a Lei de Xurisdiccións e demostrará a subordinación da política ante a presión militar 
  • Semana Tráxica de Barcelona de 1909, como unha negativa dos reservistas a embarcarse nunha nova guerra colonial en Marrocos e que entre outras consecuencias motivará a creación do sindicato anarquista CNT en 1910.

A presenza española no norte de África vén despois da atribución a España dunha parte de Marrocos (O Rif) na Conferencia de Alxeciras (1906). Os ingleses prefirían ter na zona a unha potencia menor, como era o caso de España, controlando o paso do estreito de Xibraltar. Francia, potencia imperialista no norte de África e competidora dos ingleses na expansión polo continente, estaba tendo problemas crecentes con Alemania polo recoñecemento do protectorado marroquí para o país galo. A comunidade internacional pretende así compensar a España pola perda de Cuba, Puerto Rico e Filipinas no desastre de 1898. España aproveitará a súa presenza na zona para fortalecer os encraves de Ceuta e Melilla, construír o ferrocarril e explotar a minas de ferro existentes no Rif. Para facer efectivo o dominio, enviáronse tropas cara Ceuta e Melilla. A derrota española no Barranco do Lobo e o ataque directo ao prestixio nacional e aos intereses económicos que isto supuxo, levou ao goberno presidido por Maura á mobilización  dos reservistas, que desembocou nun forte malestar social que fixo desta guerra un conflito impopular e provocou a Semana Tráxica de Barcelona, revolta de carácter anticlerical e antimilitarista reprimida con moita dureza por Maura. Foi unha explosión do descontento popular. Entre os amotinados había anarquistas, republicanos e catalanistas que toman as calles da cidade durante unha semana. Aparece o anticlericalismo pois inícianse ataques contra a Igrexa queimando conventos e destrozando os seus bens 

A partir deste conflito, as forzas opositoras ao sistema, marxinadas polo mesmo, van sentíndose cada vez máis fortes, producíndose unha aproximación entre republicanos e socialistas que se salda na elección de Pablo Iglesias como deputado, en 1909 (primeira fisura evidente do control electoral do caciquismo no espazo urbano). Os partidos republicanos acadan moita forza co Partido Radical de Lerroux.  Os anarquistas seguen ensanchando as súas bases de apoio. En 1910 crean o seu sindicato, a CNT. En Cataluña, País Vasco e Galicia fan a súa aparición os partidos nacionalistas. 
Toda esta situación de crise acelérase co comezo da Primeira Guerra Mundial en 1914España, baixo a presidencia do conservador Eduardo Dato, declárase neutral. Pese a esto xorden dos bandos, os aliadófilos, a favor dos aliados (maioritariamente os liberais) e os xermalófilos, que defendían ás potencias centrales (principalmente os conservadores). Esto provocou rencillas entre os turnistas. Debido á guerra, España aumenta as súas exportacións aos países combatentes, como Francia, pero pola contra isto produce un incremento dos prezos dos produtos básicos ao dirixir o groso desta produción ao exterior co conseguinte empobrecemento das clases populares.
En 1917 prodúcense tres grandes crises en España:
  • Unha crise no seno do exército (Xuntas de Defensa). O exceso de oficialidade, os baixos salarios e o polémico sistema de ascensos desemboca na creación de Xuntas de Defensa que aspiran a poñer remedio aos problemas do exército. Xorden dous grupos: os africanistas, que defenden a ascensión por méritos de guerra e os peninsulares que defenden os ascensos por antigüidade. Os africanistas volveranse no futuro a parte conservadora do exército e os que se levanten contra a república en favor de Franco.
  • Unha crise política creada pola convocatoria dunha Asemblea Parlamentaria organizada polos parlamentarios cataláns para provocar unha reforma constitucional, pero sen éxito. 
  • Unha crise social: Os sindicatos (UXT e CNT) convocan unha folga xeral revolucionaria para acabar co turnismo e a corrupción, instigados pola grave crise económica causada pola primeira guerra mundial. O conflito concidiu coa Asemblea Parlamentaria e levou ao PSOE e a UXT a convocar unha folga xeral, co fin de derrocar o réxime. Acabou cunha forte represión e foi maioritaria en Barcelona, Madrid, País Vasco e Asturias. A folga fracasa e a represión política é moi grave, polo que morre moita xente.
 O réxime seguía vivo, mais a quebra do sistema era evidente, os partidos dinásticos estaban rotos. A conflitividade provocou a radicalización das posicións da patronal e os sindicatos. Para enfrontarse a esa inestabilidade apareceron gobernos de concentración nacional nos que chegaron a participar nacionalistas cataláns da Lliga rexionalista.  Constisten nun aglutinamento de ambos partidos. Se denominarán conservadores se a maioría dos ministros que os conforman son conservadores, e liberais se a maioría dos ministros son liberais.
En 1918 comeza un período de gran convulsión social coñecido como o "trienio bolchevique" que se estende ata 1921. Hai un aumento da conflitividade obreira estimulada polo exemplo da revolución rusa de outubro de 1917. Os obreiros comezan a pensar que outro sistema político é posible. Os xornaleiros realizaron revoltas campesiñas en Andalucía e Extremadura e os atentados anarquistas seguiron sendo frecuentes e alcanzaron tanto as autoridades do Estado (Eduardo Dato, no ano 1921), coma a empresarios ou eclesiásticos. A resposta da patronal a esa espiral violenta foi o pistolerismo (cae o líder anarquista Salvador Seguí) e a creación de sindicatos "libres" ou amarelos para contrarrestar o amplo apoio á CNT.
En 1921, ante a falta de progreso na loita contra cábilas rifeñas, o xeneral Silvestre realizou unha manobra arriscada. Planeou un ataque en pinza para dividir ó inmigo, pero non asegurou a retagarda. As tropas de Silvestre quedaron asediadas nas montañas e as cábilas, lideradas por Abd el-Krim, matan a todolos soldados (máis de 10000), deixando só vivos a oito oficias que usarán como moeda de cambio. Este fracaso coñécese como desastre Annual. Provocou un forte impacto na opinión pública e acentuou a impopularidade da guerra e do exército. Ante a esixencia de atopar culpables, ábrese unha comisión de investigación (Expediente Picasso). Investigan o comportamento dos militares e se difunde a sospeita de que detrás da acción de Silvestre estaba a intervención de Alfonso XIII. Para excusar ao rei de calquera responsabilidade, o militar Primo de Rivera protagoniza un golpe de Estado xusto antes da lectura do informe no parlamento. A razón coa que Primo de Rivera argumenta o seu golpe de estado é a crise na que estaba sumida España. Ante a cantidade de problemas, o réxime tiña dúas posibilidades para sobrevivir: democratizarse (alterando as bases sociais e políticas do sistema) ou impor unha solución non democrática encabezada por un "ciruxán de ferro" que puxese remedio aos problemas do país. Unha resposta ditatorial ante a crise e a incapacidade do réxime da Restauración de transformarse pola vía democrática.

A ditadura de Primo de Rivera foi o réxime político que se implantou en España como consecuencia do golpe de Estado protagonizado polo Capitán Xeneral de Cataluña, Miguel Primo de Rivera, o 13 de setembro de 1923. O rei Alfonso XIII en lugar destituir aos militares sublevados respaldou o golpe, unindo o seu futuro político ao de Primo de Rivera toda vez que suspendeu a constitución de 1876 e eliminou a lexitimidade democrática. Este réxime durará ata a dimisión de Primo de Rivera o 28 de enero de 1930.

Diversos factores explican que a ditadura militar comezara a contemplarse como unha solución á crise entre a alta burguesía, gran parte das clases medias e o exército: O descontento do exército tras o desastre de Annual, ocorrido en Marrocos, e o afán de evitar as consecuencias do expediente Picasso para algúns importantes xenerais e o propio rei.  O auxe dos nacionalismos periféricos, o crecente apoio das formacións republicanas entre a clase media e un movemento obreiro moi activo cun número de afiliados crecente e o exemplo da implantación dun estado comunista en Rusia. Os atentados terroristas cun elevado número de vítimas que provocaban un forte impacto na opinión pública. Por último, o triunfo do fascismo Italiano tras a Marcha sobre Roma en 1922 e o ascenso ao poder de Mussolini que constituiu un importante exemplo para a situación española do momento. Todos estes factores estimularon a Primo de Rivera a presentarse a si mesmo como o " ciruxán de ferro" do que falara Joaquín Costa. Presentábase como unha solución para os problemas do país (caciquismo, corrupción política, separatismo, terrorismo, guerra en Marrocos...) e con vocación de facelo de forma rápida e excepcional. O seu pensamento político tiña unha base católica e conservadora, impregnado de militarismo autoritario, populista e influenciados nos aspectos organizativos polo fascismo italiano. 

O réxime da Constitución do 1876 foi substituido no medio da indiferencia popular salvo polo partido comunista e os anarquistas que manifestaron a súa oposición a este réxime. Os socialistas non se opuxeron abertamente ata 1925. A pesar de querer erradicar o caciquismo, o novo goberno recibiría os apoios do bloque de poder que dominou o país durante a Restauración, a oligarquía de terratenentes e industriais.

O seu goberno personalista dividese en dúas etapas:

Directorio Militar (1923-1925): Tras o golpe, o ditador Primo de Rivera configurou un goberno formado exclusivamente por militares.

O ditador implantou por decreto unha serie de medidas conducentes ao que entendía por rexenerar a vida política, restaurar a orde pública, a defensa da unidade da patria e  acabar coa guerra de Marrocos.

  • Declarou o estado de guerra, a supresión das garantías constitucionais e a disolución das Cortes. Estaba a poñer fin á monarquía constitucional
  • Substitución das autoridades existentes por outras adictas ao novo réxime. Nomea delegados gubernativos que informarán das necesidades dos concellos. O goberno controlou a vida municipal a pesar de ter redactados novos estatutos municipais e provinciais.
  • Ao declarar o estado de guerra restrinxiu as liberdades públicas o que lle permitiu perseguir ao sindicalismo da CNT e as actividades de partidos como o comunista o que se traduciu nunha diminución drástica das folgas. En Cataluña aparece o Somatén que é unha organización formada por paisanos que colaboran coa Garda Civil para minar a acción do sindicalismo e defender a propiedade privada.
  • Decretou a prohibición das bandeiras e himnos que non foran o español de forma que pasou a atacar aos nacionalismo periféricos, restrinxindo o uso da lingua propia deses territorios ao ámbito privado.
  • Creación  da Unión Patriótica, unha organización cívica de apoio ao novo réxime que acabou sendo un partido único baixo a dirección dun militar. Tratábase de seguir o modelo fascista de Mussolini en Italia.
  • O grande éxito do Directorio, que contribuiu a súa popularidade, tivo lugar en África. Nunha contraofensiva conxunta entre os exércitos franceses e españois nos seus respectivos protectorados, prodúcese o desembarco de Alhucemas, en 1925, que  puso fin á resistencia das cábilas do Rift. O seu lider Abd-el-Krim  entregouse ás autoridades do Marrocos francés.

Directorio Cívil (1925-1930): A finais de 1925, un goberno cívil, presidido por Primo de Rivera, substituíu ao Directorio Militar. Tratábase de institucionalizar a Ditadura agora con ministros vencellados á Unión Patriótica como Calvo Sotelo, Aunós ou Yanguas.

Nesta fase da ditadura de Primo de Rivera pesa a influencia do fascismo italiano á hora de configurar un réxime político de tipo corporativo. En 1926, recollendo o modelo social do fascismo italiano, estableceu  a Organización Corporativa  do Traballo, para arbitrar entre os patróns e obreiros a través da creación de comités paritarios presididos por un representante do Goberno. Este modelo busca a superación do conflito de clases a través da mediación do Estado. Parte do principio de que a patronal e as organizacións obreiras deben contribuír ao engrandecemento da nación e polo tanto deben estar subordinados á regulamentación do Estado para conseguir ese fin. En principio vai contar co respaldo das centrais sindicais católicas e mesmo da UXT para a mellora das condicións de traballo e salarios. Publicouse un Código de Traballo e tomáronse unha serie de medidas sociais destinadas a mellorar a formación profesional dos traballadores e a superar as necesidades básicas de alimentación e vivenda (casas baratas).

En 1927, consituíuse una Asamblea Nacional, de carácter consultivo e formada polas distintas corporacións do Estado: membros da Unión Patriótica, representantes dos Concellos e Deputacións e sectores económicos elixidos por sufraxio restrinxido. Vai a elaborar os proxectos de lei ao Goberno. Primo continuaba a seguir o modelo italiano, neste caso o Consello Fascista. Esta Asamblea fracasou no seu intento de redactar unha lei fundamental que fixera o papel da Constitución da ditadura. Esta constitución contemplaba unha Asamblea con membros nomeados polo rei, por representación corporativa e un terzo elexidos por sufraxio universal. Contemplaba tamén a creación dun Consello do reino, un estado confesional e unha organización territorial única. Presentada en 1929, tivo moita contestación e o proxecto foi retirado.

O réxime vai adoptar unha política proteccionista, co intervencionismo do Estado na economía, creando unha serie de monopolios estatais, como era o caso de CAMPSA ou Telefónica, controlando os prezos e fomentando a produción nacional. Vai potenciar a modernización das infraestruturas de transporte terrestre, a electrificación e a creación de pantanos para ampliar as zonas de rega. O Estado convértese así nun actor económico moi importante, impulsando os sectores  básicos onde non chega a iniciativa privada. Para poder facer esta política modernizadora precisa de ingresos pola vía da fiscalidade. Calvo Sotelo, o ministro de Facenda pretendeu unha reforma fiscal para introducir os impostos progresivos, pero fracasou pola oposición dos máis ricos. Este fracaso ía a agravar o déficit do Estado e comprometía futuras iniciativas gubernamentais. 

Este período foi de crecemento económico, se ben os problemas estruturais da economía española van persistir a a gravarse pola chegada da crise económica mundial de 1929.

Nese momento as críticas ao réxime foron incrementándose dende varios sectores da sociedade:

  • Estudantes: A través da FUE (Federación Universitaria Escolar) amosaron o seu rexeitamento a unha reforma dos plans de estudos
  • Partidos republicanos: En 1926 fundaron Alianza Republicana e en 1929, en Galicia, ORGA
  • Anarquistas: seguiron coa súa política de atentados e radicalizaron as súas accións a través da creación en 1927 da FAI (Federación Anarquista Ibérica)
  • Partidos nacionalistas: Van a ir radicalizando as súas demandas ante o centralismo do réxime
  • Os liberais promoveron a Sanjuanada e mesmo no propio exército, o corpo de artillería, ao ser disolto, pasou a engrosar as filas dos simpatizantes republicanos.

Ante a falta de apoios entre o estamento militar, Primo de Rivera dimite en xaneiro de 1930 e marcha cara o exilio. O rei nomeaba xefe do goberno a Dámaso Berenguer, outro xeneral, coa intención de restablecer o réxime constitucional de 1876.

Tras a dimisión do ditador Miguel Primo de Rivera o 29 de xaneiro de 1930, tivo lugar unha serie de gobernos que tentaron devolver ao debilitado réxime monárquico á senda constitucional e parlamentaria, a pesar da febleza e o descrédito dos partidos dinásticos. Alfonso XIII nomea presidente do goberno ao xeneral Dámaso Berenguer. Este período será coñecido como ditablanda debido ás pretensións do Presidente de restablecer o sistema de 1876. A lentitude na aplicación de reformas foron a causa do fracaso de Berenguer. Durante o seu goberno, tivo lugar o Pacto de San Sebastián (17 de agosto de 1930). Nel, a Alianza Republicana e outras personalidades políticas de ideoloxía socialista ou nacionalista, acordaron a estratexia para poñer fin ao reinado de Alfonso XIII e instaurar a República. A oposición política crea un Comité Revolucionario para coordinar as accións contra a monarquía. Nese Comité hai personalidades republicanas de dereitas como Alcalá Zamora, republicanas radicais como Lerroux, de Acción republicana como Azaña, republicanos radicais socialistas como Marcelino Domingo, nacionalistas como Maciá, Santiago Quieroga por ORGA e socialistas como Indalecio Prieto ou Largo Caballero. Ademais, en decembro dese ano, tiveron lugar varios intentos frustrados de impoñer a república pola forza con escasa preparación. Os máis salientables foron os acontecidos en Jaca, levado a cabo polos capitáns Fermín Galán e Ángel García Hernández, cun resultado de detención e  fusilamento destes militares e a outra intentona foi a protagonizada por Ramón Franco e Queipo de LLano que ttomaron o aeródromo de Cuatro Vientos, pero que acabaron fuxindo a Portugal ao ver que a súa intentona non tiña contestación a través dunha folga xeral en Madrid. Como resultado destas accións a maioría dos membros do Comité revolucionario foi detida.

Berenguer foi remplazado polo almirante Juan Bautista Aznar en febrero de 1931. O novo goberno convocou, o 12 de abril, eleccións municipais. Estas adquiriron un carácter de plebiscito a favor ou en contra da monarquía. O triunfo das candidaturas republicanas nas grandes cidades e capitais de provincia (41 das 50 capitais de provincia)propiciou a proclamación da 2ª República o 14 de abril de 1931 cun gran fervor popular nas rúas.  Sen apoios, Alfonso XIII exíliase. O Goberno provisional, que fora deseñado no Pacto de San Sebastián, proclamou presidente do goberno a Niceto Alcalá-Zamora. Unha das primeiras accións foi viaxar a Cataluña para reconducir a proclamación da República Catalana dentro da república española baixo a promesa dunha rápida concesión de autonomía política a Cataluña en canto estivera aprobada a Constitución da República española. Dende abril a decembro dese mesmo ano,o pais estivo presidido por un Goberno Provisional no que se aprobaron unha serie de decretos que abordan temas pendentes na política española ( modernización do exército, secularización da sociedade, tema autonómico...) e a Constitución de 1931. Para redactar esta constitución foi preciso celebrar unha eleccións a Cortes Constituintes o 28 de xuño de 1931. Por primeira vez en España había unhas eleccións limpas nas que particpou un 70% do electorado. O resultado electoral pouco variou das municipais e deu maioría a coalición republicano - socialista. De 470 deputados, O PSOE era o partido con máis representación parlamentaria, 115 deputados, o segundo grupo político era o partido republicano radical con 94 deputados, a dereita non republicana tiña 50 deputados. Había ata 19 partidos políticos distintos na cámara.

Os traballos para redactar a constitución irían dende o 14 de xullo en que se configuraron as Cortes ata o 9 de decembro en que foi aprobada polo parlamento. As Cortes estaban presididas polo socialista Besteiro. A comisión parlamentaria que redactou o borrador para os debates parlamentarios foi o socialista Luís Jiménez de Asúa. Moitos artigos desta constitución deron lugar a intensos debates como foi o caso da declaración de laicicidade do Estado, algo que incomodou ao propio Alcalá Zamora e Miguel Maura que dimitiron dos seus cargos no goberno, ou a oportunidade política de conceder ou non o voto feminino que deu lugar a un debate parlamentario entre a republicana radical Clara Campoamor  ( a favor) e a republicana radical socialista Victoria Kent ( en contra).

Esta constitución declara a España como unha República Parlamentaria de traballadores de toda clase e laica. Un Estado integral onde cabe a posibilidade de crear un Estado autonómico alí onde se solicite. Algúns dos seus rasgos máis característicos son: o sufraxio universal masculino e feminino (levado á práctica por primeira vez en 1933), soberanía popular, unha ampla declaración de dereitos nos que aos dereitos individuais clásicos se lle unen a liberdade de reunión, asociación, dereito á educación, dereitos de tipo social que significan un avance significativo respecto ás anteriores constitucións. O Presidente da República sería elixido polas Cortes ( órgano unicameral) por un período de 6 anos e ten a potestade de nomear ou destituír ao Presidente de Goberno, pero sempre coa conformidade das Cortes. Un sistema de controis mutuos entre as Cortes e a Presidencia da República. A primeira presidencia da República sería para Alcalá Zamora, mentres que a presidencia de goberno iría para Azaña.  Esta constitución defende a propiedade privada, pero contempla a posibilidade da confiscación en caso de interese común.

A proclamación da República tivo unha forte repercusión no panorama político, dividindo á sociedade en polos opostos, feito que desencadeará no 36 a Guerra Civil. Na dereita, nun primeiro momento cunde a desorientación pola proclamación da República, pero despois aparecen reorganizadas en torno á CEDA. Son partidos monárquicos, partidos de perfil autoritario ( FE- JONS) ou católico e nacionalistas españois. Renovación española, Comunión Tradicionalista,  o Partido Agrario,son algunhas desas opcións. Na esquerda destacan o PSOE, o PCE, o POUM ( comunistas de tendencia trostkista) e o anarquismo da CNT e a FAI. Na liña de pensamento republicano temos formacións de dereitas, de centro dereita populista como o Partido republicano radical de Lerroux ou de esquerda como é o caso de  Acción Republicana de Manuel Azaña ou ORGA de Casares Quiroga. No nacionalismo periférico destacan partidos de dereita como o PNV vasco ou a Liga catalana e partidos de esquerda como Esquerra republicana de Cataluña.

Tras a vitoria dos partidos republicanos nas grandes cidades e capitais de provincia nas eleccións municipais convocadas polo almirante Aznar, o 12 de abril de 1931, o rei Alfonso XIII renuncia ao trono e marcha de España, dando pé a un cambio de sistema político, proclamándose a Segunda República. O Goberno Provisional creado ata a aprobación da nova Constitución, presidido por Alcalá Zamora,  inciou unha serie de reformas que máis tarde serían sancionadas polo texto constitucional.

As reformas atacaron  moitos dos problemas enquistados na vida política española:

  • A reforma do exército tiña como obxectivos reducir o número de oficiais e modernizar as súas estruturas e o equipamento. Eliminaron tres das cinco academias militares, plantearon un sistema de retiros anticipados co soldo íntegro para reducir o número de oficiais, crearon un corpo para manter a orde pública nas cidades e leal ao principios da República, os Gardas de Asalto, eliminaron a lei de Xurisdiccións e someteron aos militares ao sistema político, obrigándoos a xurar fidelidade á República.
  • Outra das reformas foi a educativa co intento de eliminar o grave problema do analfabetismo, que en rexións como a andaluza alcanzaba porcentaxes próximos ao 50%. Para isto crearon numerosas escolas e institutos e formaron aos profesores nos sistemas pedagóxicos máis innovadores seguindo a estela da Institución Libre do Ensino. A idea era crear un ensino laico, obrigatorio e gratuíto que elevara o nivel de formación da poboación española como paso necesario para unha modernización do Estado. Tentaron levar a cultura ao rural, pero sen desmerecer a sabedoría popular que podía ofrecer este medio. Entre outras experiencias merece destacarse ás Misións Pedagóxicas que levaron cine, teatro, conferencias e libros a onde non chegaba este tipo de cultura. Compañías  teatrais como La Barraca, dirixida por García Lorca fixeron representacións polos pobos de obras clásicas e populares. O grande problema que se atopou esta reforma foi o contexto de recesión económica que se vive coa crise dos anos trinta e que priva ao Estado dos ingresos necesarios para facer fronte aos numerosos gastos que implica esta reforma.
  • Abordar a cuestión relixiosa conlevou unha crise no interior do Goberno Provisional que se saldou coa dimisión de Alcalá Zamora e Miguel Maura. O texto constitucional ratificaría a idea dun Estado laico, con separación de Igrexa - Estado e liberdade de cultos. Retirouse o sostemento económico da igrexa, esta institución foi considerada como unha asociación máis que debía solicitar permiso das autoridades gubernamentais se quería saír en procesión. Aprobouse o matrimonio civil, o divorcio e secularizáronse cemiterios. A igrexa debeu deixar de impartir docencia e se lle prohibiu calquera actividade económica. Asemade decretouse a disolución da orde dos xesuítas. Moitas destas medidas supoñían alterar o Concordato coa Santa Sede asinado dende 1851.Esta reforma foi obra de Azaña.

Dúas reformas levaron máis tempo e tiveron que ser aprobadas no ano 1932. A posibilidade de solicitar ante as Cortes a aprobación dun Estatuto de autonomía e a reforma agraria.

  • A Constitución de 1931 recollía no seu texto que España era un Estado unitario coa posibilidade de establecer autonomías naqueles territorios que así o solicitaran. Deste xeito trataban de dar satisfacción ás demandas dos nacionalismos periféricos, en especial ao nacionalismo catalán que nos primeiros intres da proclamación da República xa se adiantaran a proclamar o Estado catalán, algo que foi freado coa promesa de poñer en marcha as condicións para a autonomía política. Con este fin fíxanse os criterios para  solicitar a autonomía política: a aceptación por parte da asemblea de municipios pertencentes a esa rexión, a aprobación do estatuto en referendum por unha maioría dos dous terzos e a presentación do texto ante as Cortes. A primeira comunidade en avanzar cara a autonomía foi Cataluña. A intentona de golpe protagonizada por Sanjurjo acelerou o proceso de aprobación despois dun inicio lento e polémico. Aparece así o goberno da Generalitat co seu parlamento e tribunais de xustiza propios. Cataluña disporía así de autonomía en educación, facenda, transportes e orde pública ( Mossos de Esquadra). Macíá, de Esquerra Republicana,  foi elixido o seu primeiro presidente Os seguintes territorios en presentar estatutos para a súa aprobación serían País Vasco e Galicia, se ben estas dúas comunidades experimentarían un retraso maior polo cambio de goberno despois da vitoria da dereita nas eleccións de novembro de 1933  quen paraliza todos procesos de autonomía. Ata xuño e xullo do 36 non habería un novo impulso, pero no caso galego o estourido da guerra impide que as Costes deliberen na última etapa do Estatuto galego.
  • Un dos elementos centrais do amplo proceso reformista impulsado polos gobernos republicanos foi a reforma agraria. O seu obxectivo era facer fronte á desigual distribución da propiedade da terra, para mellorar a situación do campesiñado e incrementar a produtividade agrícola. A existencia de amplas masas de campesiños sen terras, xornaleiros das rexións latifundistas do sur e de pequenos propietarios e arrendatarios ó límite da subsistencia nas rexións setentrionais, constituía un problema endémico en España. Por iso a  reforma agraria converteuse nunha das principais reivindicacións do campesiñado. Socialistas e republicanos non se poñían de acordo no tipo de reforma. Para o socialismo está debía ser a oportunidade para colectivizar e socializar a terra mentres que para os reptublicanos era o fomento dunha nova clase de propietarios. Antes da súa aprobación en 1932, o goberno provisional de Niceto Alcalá-Zamora xa implantara unha serie de leis que aspiraban a mellorar a situación dos traballadores no campo. Entre elas estaba o decreto de termos municipais que obrigaba a priorizar a contratación de xornaleiros do municipio, a xornada laboral de oito horas, os xurados mixtos para dirimir as disputas entre propietarios e xornaleiros, o decreto de laboreo forzoso, a prolongación dos contratos de arrendamento, entre outras medidas. Pola súa banda, a Lei da Reforma Agraria regulaba a redistribución da terra, facultando ó Estado á expropiación e reparto de terras particulares nunha serie de  supostos. Entre elas estaban as terras incultas ou mal cultivadas, as comunais non explotadas de maneira directa, ou as carentes de rego pola desidia dos seus donos. Posto que a lei tamén prevía a indemnización dos propietarios expropiados, creouse o Instituto de Reforma Agraria, para desenvolver este proceso e facilitar créditos ás familias campesiñas beneficiadas pola medida.

Para a aplicación desta lei foi creado o Instituto de Reforma Agraria (IRA). A reforma tivo que afrontar grandes problemas, sobre todo, a radical oposición dos propietarios agrícolas. Isto provocou o incremento da conflitividade social no campo, especialmente en Andalucía e Estremadura. A complexidade burocrática do proceso e as  limitacións orzamentarias fixeron que a reforma se aplicase con grande lentitude e afecta se a moitos menos campesiños dos previstos. Ademais, como todas as reformas emprendidas durante o Bienio reformista, o seu desenvolvemento estaría condicionado pola conxuntura política. Así, derrogouse durante o Bienio conservador, mentres o triunfo da Fronte Popular nas eleccións de 1936 conlevou o seu restablecemento. Con todo, o levantamento militar do mesmo ano impediu a súa aplicación e calquera intento de reforma.

Estas reformas ían contra sectores sociais moi dominantes ( Igrexa, terratenentes, patronal, exército) e levantaron moitas protestas por parte dos grupos políticos da dereita. O triunfo nas eleccións de novembro de 1933 da CEDA e dos republicanos radicais significaron un freo a estas reformas que serían retomadas con moita forza en febreiro do 36

A experiencia do bienio de dereitas (1933-1936) coa aplicación dunha política contrarreformista, a presión da CEDA para entrar no goberno en coalición co partido republicano radical para desmantelar a Constitución de 1931, a enorme desconfianza da oposición cara esta política que radicalizará ao PSOE e que con Largo Caballero fala abertamente de revolución social fronte á dereita e, sobre todo, a dura represión despois da revolución de 1934 aproximou de novo a republicanos de esquerda e a socialistas para formar unha coalición de cara a futuras confrontacións electorais.

O escándalo da concesión do xogo da ruleta a Strauss e Perlo que salpica ao partido republicano radical e a desconfianza do Presidente da República, Alcalá Zamora, cara as intencións da CEDA de Gil Robles provocaron a disolución das Cortes e unha nova convocatoria de eleccións para febreiro de 1936. A esas eleccións os bandos políticos dividíronse en coalicións de esquerdas (Fronte Popular) que agrupaba á Izquierda republicana, a socialistas, comunistas e trostkistas (POUM) e de dereitas (Bloque Nacional). O ambiente estaba moi polarizado. A esquerda levaba no seu programa a amnistía para os presos da revolución do 34, a reanudación das reformas e do impulso autonómico freado polo bienio de dereitas. As eleccións foron gañadas pola Fronte Popular con pouca distancia en votos, pero si en escanos. O acordo electoral entre republicanos de esquerda e socialistas deixaba claro que nesta ocasión os socialistas non participarían das tarefas de goberno. Nun ambiente político que se irá polarizando, a opción reformista de esquerda republicana de Azaña vai quedar superada polos acontecementos. Azaña foi elixido en Abril do 1936 Presidente da República toda vez que se estimou que Alcalá Zamora fixera uso da súa prerrogativa de disolución das Cortes por dúas veces e perdera a confianza das forzas maioritarias nas Cortes. Santiago Casares Quiroga, membro da ORGA, foi elixido Presidente do Goberno.

A derrota electoral da dereita e o medo desta á revolución social proclamada pola esquerda conduciuna a planificar proxectos golpistas. Para evitalo, o goberno de Azaña, por consello do xeneral Masquelet, dispersou en rexións militares distantes aos xenerais máis contrarios á República (Franco, Sanjurjo, Mola…), por ser sospeitosos de trama golpista. 

A reanudación das reformas interrompidas durante o bienio de dereitas, a prohibición das procesións e a impartición de docencia ao clero, o impulso autonómico vai provocar a reacción das forzas sociais e políticas a disgusto coa República. Os terratenentes, a Igrexa, empresarios, militares tradicionalistas e monárquicos, partidos políticos da dereita (CEDA, Renovación Española, Falanxe) non pensan noutra solución para defender os seus intereses que un golpe militar. A idea dun "Alzamento Nacional" para salvar a relixión , a orde e defensa da propiedade privada e a unidade da patria vai tomando corpo. As sesións parlamentarias son moi tensas. Líderes da dereita como Calvo Sotelo empregan unha linguaxe que induce a pensar nunha acción militar para acabar co réxime republicano. Fálase abertamente de rebeldía fronte ás institucións. Os enfrontamentos na rúa entre forzas paramilitares falanxistas  e militantes socialistas son frecuentes. Mentres na esquerda (socialistas e comunistas) comezan a falar da necesidade de defender a República fronte ao fascismo e acelerar a entrega de terras aos campesiños.  

O 28 de xuño ten lugar o referendum de autonomía en Galicia dando comezo así o trámite de aprobación do estatuto galego nas Cortes españolas. Do mesmo xeito, no País Vasco tamén procederon a presentar o estatuto nas Cortes para o mes de xullo. Porén cando estaban a debater os textos estatutarios nas Cortes españolas estoupou a guerra. A diferenza foi que mentres no País Vasco continuou a República en Galicia, dende o 20 de xullo do 1936 era zona sublevada polo que o proceso para Galicia quedou interrompido, mentres que o País Vasco, zona republicana, puido aprobalo en outubro do 36.

O asasinato do militante de esquerdas e garda de asalto José Castillo a cargo dun comando de extrema dereita e, ao día seguinte, como represalia, o asasinato do deputado de dereitas Calvo Sotelo van actuar como aceleradores da trama golpista. O 17 de xullo de 1936, as tropas situadas no Protectorado de Marrocos, ao mando do xeneral Franco, levantáronse en contra da República e, o día 18 fixéronno na Península. O xeneral Mola, un dos promotores do golpe, o "Director" para os golpistas,  dende Pamplona, Fanjul en Madrid, o xeneral Goded en Cataluña, Queipo de LLano en Sevilla. Á fronte do golpe estaría Sanjurjo que establecería un Directorio militar, pero a súa morte nun accidente aéreo ao despegar de Estoril impediuno.

Este golpe non foi secundado en toda a península e, como consecuencia, xorden dous bandos en conflito:

  • O bando autodenominado nacional ou os sublevados, formado por oficiais intermedios do exército de Terra, a Garda Civil, salvo en Barcelona, os terratenentes, as masas católicas e conservadoras (monárquicos, carlistas, falanxistas, CEDA) respaldadas por unha Igrexa española que interpreta o golpe como unha cruzada para salvar a España do ateismo comunista. Esa rebelión militar se estaba a producir contra a legalidade e contra as reformas impulsadas pola Fronte Popular. Este bando era moi heteroxéneo a nivel ideolóxico: Mola era partidario da instauración dunha ditadura militar republicana, a CEDA empurraba por unha nova restauración dos Borbóns, os carlistas desexaban unha monarquía tradicionalista e a Falanxe unha ditadura de tipo fascista.  
  • O bando defensor da República, coñecidos como os vermellos polas forzas sublevadas, que estaban constituídos por xenerais do exército de Terra, a mariñeiría da Armada, a Aviación, Gardas de Asalto, os partidos de esquerda e nacionalistas co respaldo conseguinte do proletariado e a pequeña burguesía urbana. 

No momento do golpe, Santiago Casares no autoriza ás milicias de esquerda a posibilidade de armarse para defender a República polo temor a que aproveitaran a circunstancia para asaltar o poder. Dimite o día 19 de xullo. A Santiago Casares vai substituilo Diego Martínez Barrio quen fracasa no seu intento de negociar cos militares rebeldes. Ao día seguinte será Giral quen dirixa o goberno e quen autorice a entrega de armas ás organizacións obreiras para a defensa da orde constitucional da República. Comezaba así unha guerra que ía durar tres anos e que pode considerarse como un prólogo da Segunda Guerra Mundial. Un enfrontamento entre os partidarios da defensa da democracia fronte ao fascismo e á vez unha loita de clases entre patronos e obreiros, entre terratenentes e xornaleiros e incluso un enfrontamento entre a Igrexa e o anticlericalismo.

Rapidamente o conflito orixinou implicacións internacionais, debido ás tensións políticas existentes nese momento en toda Europa. O auxe do fascismo en Italia e Alemaña provocara unha grande preocupación en países coma Gran Bretaña e Francia. Estes últimos tentaron non conferir un carácter internacional ao conflito para evitar unha nova guerra en Europa, acordando coas potencias fascistas un Comité de Non Intervención en agosto de 1936. Italia e Alemaña non cumpriron o establecido e proporcionaron material bélico e voluntarios, como Os Camisas Negras italianos ou a Lexión Cóndor no caso de Alemania. As forzas sublevadas tamén contaron co apoio de Portugal, que enviou aos viriatos (10.000 voluntarios). Alemaña xogou un papel fundamental xa que, grazas á súa ponte aérea, os militares rebeldes puideron atravesar o Estreito de Xibraltar, protexido pola Armada, afín á República. Por outro lado, a República case non tivo apoios, excepto a Unión Soviética e, en menor medida, México. A URSS, dirixida por Stalin, mostrouse prudente inicialmente mais, coa intervención de Hitler e Mussolini, decidiu colaborar co goberno da República e enviar asesores militares e armas. Ese gasto militar pagaríaselle a Rusia con reservas ouro do Banco de España.

Ademais, acudiron a participar na Guerra Civil as Brigadas Internacionais, partidas de voluntarios (entre 40.000 e 60.000 en toda a guerra) procedentes de diversos países, estimuladas pola Internacional Comunista ou Komitern para defender a democracia fronte ao fascismo e que se destacaron na defensa de Madrid e en elevar a moral das tropas republicanas. Entre eles estaban escritores como Hemingway ou Orwell

Ese verán do 36, España quedou dividida en dúas zonas: a sublevada, que abarca rexións de perfil agrario (Galicia, Navarra, parte de Andalucía, Castela León) fronte á España que se mantivo fiel á República que englobaba rexións de perfil máis urbano e industrial ( Cataluña, Levante, País Vasco, Asturias, Madrid), pero tamén rexións agrarias como Castela- Mancha o que inicialmente daba unha vantaxe aos republicanos. Porén os primeiros momentos foron moi importantes para a evolución do conflito. Faltou unidade de mando nas tropas republicanas e había diferentes criterios de actuación por parte das milicias obreiras. Pola contra no bando rebelde había un mando concentrado no xeneral Franco . A guerra librouse no campo de batalla, pero tamén na retagarda onde se aplicou unha política de terror e aniquilación do contrario. O avance dos sublevados significaba a detención de alcaldes, gobernadores civis, concelleiros, sindicalistas e de todo aquel que se significara na defensa da República. A declaración do estado de guerra permitiuilles substituír aos xuíces por tribunais militares. As sacas e os paseos por parte dos cívicos e forzas da falanxe foron moi frecuentes. No bando republicano esa violencia foi contestada con detencións dos líderes dos partidos da dereita, terratenentes, queima de igrexas,  morte de preto de 7000 membros do clero, ocupación de fincas e  fábricas; unha revolución social en toda regra.

Mapa Guerra Civil


O resultado da Guerra Civil (1936-39) foi a consolidación do réxime ditatorial que os sublevados contra a República democrática comezaran a construír na denominada "España nacional" dende outubro do 36. Nos seus case 40 anos de existencia, o franquismo mantívose, con escasos cambios, como unha férrea ditadura militar, moi conservadora, baseada na represión feroz dos seus opositores e a eliminación dos dereitos e liberdades dos españois.

A vitoria dos militares sublevados na Guerra Civil significou a liquidación da experiencia democrática republicana e a instauración dun réxime ditatorial baseado nos chamados ideais do 18 de xullo:

- Un estado forte e centralizado que garantise a unidade de España e unha orde social e moral baseada na doutrina da igrexa e no ideario fascista da Falanxe (o nacional- sindicalismo, o corporativismo): familia tradicional (submisión da muller), catolicismo, propiedade privada, centralismo e orde.

- A concentración do poder en mans do xeneral Franco: o Caudillo reuniu na súa persoa a xefatura do Estado, do Goberno, das Forzas Armadas, do partido único e o poder lexislativo. Empregou un poder absoluto e represor, suprimindo os dereitos e liberdades e exaltando a figura do líder ao estilo fascista. Concentrou nas súas mans un poder ilimitado do que segundo el só respondería “ante Deus e ante a Historia”.

- A defensa da proclamada verdadeira tradición española, asociada ao mitificado esplendor da España imperial dos séculos XVI e XVII, contra a influencia estranxeira do liberalismo, a masonería, o socialismo, o comunismo…

Basicamente tratouse dunha ditadura militar, moi conservadora e católica (nacional-catolicismo) que mantivo sempre un carácter represivo e contou cunha forte oposición, pero que gozou tamén dun notable apoio social. O exército e a igrexa foron as columnas vertebrais do réxime. Compartían o poder con outras familias políticas do réxime: os falanxistas, os monárquicos, os católicos e os tecnócratas do Opus Dei.

Impulsou un ríxido control social e ideolóxico a través da educación e a censura de prensa, cine e cultura. Tamén utilizou os medios de comunicación para exaltar a figura do caudillo e convencer aos españois dos logros e beneficios do réxime. A Fronte de Xuventudes e a Sección Feminina axudaban a adoutrinar a poboación.O franquismo caracterizouse por unha extraordinaria capacidade de adaptación tanto ao contexto internacional como aos cambios socioeconómicos experimentados polo país durante este longo período. Ao comezo da Segunda Guerra Mundial, mentres as forzas do Eixe tiveron éxitos militares, o réxime amosábase identificado cos valores fascistas e ainda que oficialmente mantivo a neutralidade apoiou á Alemania nazi co envío de materias primas e a División Azul. A partir de 1942 cando comeza a mudar o signo da guerra o réxime opta por ir eliminando ese entusiasmo fascista para evitar ser identificado como un aliado. Esa suavización das formas fascistas non impediu á ONU emitir unha declaración de illamento internacional á ditadura de Franco por tela identificada co fascismo. A chegada da Guerra Fría abriulle ao franquismo a posibilidade de presentarse ante USA como o primeiro réxime que derrotou a ameaza de revolución comunista en Occidente. A partir de aí o réxime recibe o recoñecemento de USA e o Vaticano o que lle permitirá saír do illamento internacional e iniciar unha nova fase dentro do seu autoritarismo característico, algo ao que nunca renunciou.    

A ditadura só se xustificaba a se mesma pola vitoria obtida na Guerra Civil. Para poder perpetuarse debía lexitimarse a base de construír un entramado pseudoconstitucional, a base dunhas leis fundamentais que responderon as necesidades políticas de cada momento e que definiron o réxime como unha democracia orgánica fronte á democracia parlamentaria:

  • Foro de traballo (1938): Regulamentaba o mundo laboral, complementado pola lei de Unión Sindical de 1940, creando así o sindicato vertical ao que se terían que afiliar todos os traballadores organizados en corporacións. Tres áreas de afiliación: mundo campesiño, o mundo do mar e o industrial que daba como resultado  a Organización Sindical do Movemento. O Foro do Traballo imitaba a Carta di Laboro italiana e regulaba o traballo nocturno, o descanso dominical, festivos e contemplaba subsidios de vellez, invalidez, enfermidade e maternidade.
  • Lei de Cortes (1942): Creaba as novas Cortes orgánicas con función deliberante e consultiva. Non había división de poderes polo que esta cámara so serviu para reunir en Cortes ás estruturas de apoio ao réxime. Os seus membros denominábanse procuradores. Eran membros destas Cortes os ministros, os representantes dos Sindicatos Nacionais, os conselleiros da FET e das JONS, os alcaldes das capitais de provincias, rectores das Universidades e os nomeados por Franco.
  • Foro dos Españois(1945): Táboa de dereitos e deberes a modo de Carta Outorgada. No artigo 2 dise que "Os españois deben fiel servizo á patria, lealdade ao Xefe do Estado e obediencia ás leis". É dicir subordinación a Franco e aos principios fundamentais do réxime.  
  • Lei de Referendo (1945): Daba participación á opinión pública para sancionar as leis fundamentais que decidía o Xefe de Estado. No tempo da ditadura celebráronse dous referendos nos que poderían participar os homes e mulleres maiores de 21 anos: para aprobar a Lei de Sucesión e para aprobar a Lei orgánica do Estado.
  • Lei de Sucesión (1947): España quedaba definida como un reino; Franco era ratificado como Xefe do Estado. Realmente o franquismo no restaura a monarquía senón que instaura unha nova monarquía deseñada dende o respeto e fidelidade aos principios do Movemento Nacional. Franco tómase a liberdade de elixir ao seu sucesor. En 1969 elixe como sucesor a Juan Carlos de Borbón en detrimento do seu pai Juan de Borbón que non tiña boas relacións con Franco precisamente polo carácter que debería ter a futura monarquía.
  • Lei de principios do Movemento (1958): Establecía os principios inmutables e permanentes do réxime: unidade de España, centralismo, condición de reino católico, sometemento dos individuos ao Estado e intervencionismo deste nas relacións económicas e sociais e fixaba as unidades naturais na vida social: familia, municipio e sindicato. A única formación política autorizada sería a do Movemento Nacional, as demais serían perseguidas.
  • Lei orgánica do Estado (1967): Compendio definitivo da democracia orgánica, síntese e actualización das anteriores normas. Intento publicitario do réxime de dar unha imaxe de democracia ante o exterior. Unha novidade é a elección de dous procuradores por provincia a Cortes polos cabezas de familia. Control do Movemento Nacional e do Sindicato Vertical sobre vida municipal na elección dos alcaldes e concelleiros.

Unicamente a morte co ditador, en Novembro do 1975, abriría o camiño cara a democracia onde se aprobaría a Lei para a Reforma Política (1977) que sería a última lei fundamental do sistema político franquista aprobada tras a morte do ditador e que paradoxicamente signifcaba a fin do réxime.

A economía española durante a época do franquismo pódese dividir en dúas etapas.

  • A primeira etapa é a autarquía caracterizada por unha buscada autosuficiencia económica, propia do ideario fascista, e un obrigado illamento internacional que comeza no momento en que os sublevados militares gañan a Guerra civil. 
  • A segunda etapa parte do ano 1959 cando se aproba o Plan de Estabilización Nacional e España abre a súa economía ao exterior e comezan a chegar os investimentos estranxeiros atraídos pola man de obra abundante e barata.

O período de autarquía tiña como obxectivo lograr a autosuficiencia económica para non depender economicamente do exterior, impulsando a produción interior e dificultando as importacións mediante a imposición de elevados aranceis, é dicir, a aplicación dunha política proteccionista e un nacionalismo económico que se traduce nun intervencionismo do Estado.

Na agricultura descendeu a produción debido a escaseza de abonos e á baixa produtividade o que se traduciu en problemas no abastecemento de alimentos, obrigando ao Estado ao establecemento dunha cartilla de racionamento. Para  lograr incrementar a produción agraria  tomáronse medidas como a explotación de novas terras  coa creación do Instituto Nacional de Colonización que, entre os anos 1945 e 1970, construíu  máis de 300 novos núcleos de colonización. En 1952 aprobouse a Lei de Concentración Parcelaria  para evitar o minifundismo e facer máis rendibles estas explotacións. A pesar da propaganda oficial que se fixo destas medidas, estas non lograron ningún tipo de éxito.

No ámbito industrial seguiuse a política intervencionista coa creación do Instituto Nacional de Industria (1941) para o control da produción dos sectores industriais básicos cuxo maior inversor e promotor era o Estado. Aínda evitando o contacto económico có exterior a dependencia tecnolóxica e enerxética do estranxeiro provocou que non se cumprisen os  obxectivos marcados.

No transporte destacou a nacionalización da rede de ferrocarrís de vía ancha e a creación en 1941 de RENFE.

As transaccións comerciais estaba fortemente intervidas polo Estado e o comercio exterior organizábase a través dun sistema de licencias  e acordos bilaterais mentres que o comercio interior estaba regulamentado pola Comisaría de Abastecementos e Transportes desde 1939.

A partir dos anos cincuenta iniciouse a recuperación económica que se produciu grazas a dous factores;

  • o primeiro foron as boas colleitas dos primeiros anos da década  que permitiron recuperar taxas de produción anteriores á guerra e ter excedentes agrícolas 
  • o segundo foi a importante cantidade de divisas, materias primas ,fontes de enerxías e bens de equipo  proporcionada polos acordos con EEUU. Ademais, a poboación española experimentou nos anos 50 un crecemento demográfico importante, o "Baby boom", que permitiu dispoñer de man de obra abundante.

En 1959 aprobouse un plano de Estabilización  que foi un programa de reformas realizado por un equipo de ministros e de altos cargos técnicos do OPUS DEI e  contou co apoio do Fondo Monetario Internacional.  O seu obxectivo era establecer un modelo baseado na liberdade económica máis acorde coa economía capitalista occidental. Esta economía baseábase na  flexibilidade de prezos e salarios, determinados polo mercado e non polo Estado, unha política monetaria que obrigaba a establecer a paridade da peseta respecto das divisas internacionais e a liberalización dos intercambios comercias. No sector público,  o Goberno comprometíase axustar os gastos aos ingresos, reducir a inflación e mellorar a recaudación do sistema fiscal.  O éxito máis destacable do Plano de Estabilización  foi sentar as bases para iniciar o forte crecemento da década dos anos 70, así como o abandono definitivo do modelo autárquico.

Na industria, entre os anos 1964 e 1973, aparecen os Polos de Desenvolvemento Industrial naqueles territorios onde o emprego industrial non era significativo. A aplicación destes plans atraen investimentos industriais xa que se crea solo industrial preparado con enormes vantaxes fiscais e incentivos para as empresas por situarse neses encraves. Tanto o investimento público como o privado aproveitaron estas vantaxes. Un exemplo é a creación da Zona Franca en Vigo que serviu de atracción para a localización de Citroën.

Cabe destacar que durante este segundo período aínda que  se produciu un desenvolvemento económico en España , o mercado interior non foi capaz de absorber a man de obra excedente polo que nesta década se produciu un gran incremento da emigración tanto do rural ás cidades como cara ao exterior, especialmente aos países europeos.

O crecemento económico non tivo en conta o impacto  ambiental nin unha axeitada política urbanística polo que o desenvolvemento do turismo, que foi conxuntamente coa construción un dos motores do despegue económico, transformou dun xeito notable o litoral mediterráneo.

Todo este desarrollismo finaliza coa crise económica do 73, cando se produce a suba dos prezos do petróleo, que en España se traduce en inflación e conflitividade laboral, deixando un legado de difícil xestión para a etapa política da Transición

Tras á Guerra Civil e a chegada de Franco ao poder, foron moitos os que se mostraron contrarios ao réxime, e dalgunha maneira ou outra, fixéronse ver durante esta longa etapa do franquismo. Por unha parte, os exiliados, obrigados a abandonar o país como consecuencia da súa derrota e co fin de escapar do represivo sistema. Unha parte deses exilados marchan a Francia onde serán concentrados en campos de refuxiados no sur do país e vivirán nunhas condicións lamentables ou tiveron problemas coas autoridades francesas cando, tras a ocupación nazi, buscaron a republicanos significativos (Compayns, Zugazagoitia, Joan Peiró) para entregalos ao réxime de Franco. Un sector deses exilados pasou a formar parte da Resistencia francesa contra a ocupación nazi. Dalgunha forma a Segunda Guerra Mundial servíalles outra ocasión para loitar contra o fascismo. Unha parte moi importante da intelectualidade española marchou para México e outros países latinoamericanos, quedando o país descabezado de pensamento. Á URSS, durante a guerra marcharon os denominados nenos da guerra (uns 3000) e membros do partido comunista.

Dende o exterior, figuras políticas e intelectuais tentaron manter viva a Segunda República sen moito éxito, sobre todo, porque o contexto internacional da Guerra Fría acabou por favorecer a Franco. Salvador de Madariaga foi un dos máis activos nas protestas contra o réxime fascista instalado en España. A finais dos anos 40, para maquillar a imaxe do réxime cara fóra, a intensidade da represión diminuiu e mesmo sairon da cárcere presos políticos.

No interior do país atopamos os maquis, guerrilleiros pertencentes a grupos ou partidos antifranquistas trasladados ao monte para continuar a loita e derrocar o sistema. Para eles a guerra non terminara e entregáronse a unha guerra de guerrillas esperando que o final da guerra mundial e a derrota dos fascismos tamén fora o final para o réxime franquista. Moitos destes guerrilleiros pertencían ao partido comunista. En Galicia a actividade maqui foi moi importante na contorna de Vila de Cruces na dorsal galega. Destacou a figura de Foucellas. En España estiveron moi activos en Asturias, León, Sistema Ibérico e Andalucía. Tamén chegou a producirse un intento de penetración das forzas opositoras polo val de Arán, en 1944 que fracasa estrepitosamente. A resistencia dos maquis dura ata os inicios dos 50 tanto pola acción da Garda Civil como pola chegada de novas consignas por parte do partido comunista de abandono da loita armada para concentrarse na oposición política. Dende mediados dos anos 50, Santiago Carrillo consideraba que o obxectivo primordial pasaba pola busca dunha reconcialición nacional, argumento que co tempo causaría escisións dentro do PCE.

Debemos destacar a postura tomada por figuras políticas españolas de diferente ideoloxía que dende o exilio fixeron unha petición no Congreso do Movemento Europeo, en 1962, para que as autoridades europeas  fixeran todo o posible para impedir que España entrara a formar parte da CEE mentres continuara o réxime de Franco. Este feito foi denominado pola prensa do réxime como o chamado Contubernio de Munich entendendo que era un acto de falta de patriotismo prexudicar a España na súa intención de integrarse en Europa. Salvador de Madariaga, presidente da Internacional LIberal organizou a asistencia a este evento da oposición española ao réxime franquista.

Xa nos anos 60, ao tempo que se liberalizaba e melloraba a situación económica, intensificábase aínda máis a oposición, que reclamaba un réxime democrático e critica a falta de lexitimidade do réxime franquista. Isto podía verse en ámbitos como as universidades, a partir de 1956, onde as protestas baseábanse principalmente en conseguir un sindicato de estudantes que substituíse ao oficial (SEU), ao que o Goberno sempre contestou cunha negativa, deixándoo claro mediante a suspensión de clases. Nesa protesta destacaría o labor de estudantes como Javier Pradera ou Ramón Tamames e acabaría por comprometer ao ministro de Educación, Joaquín Ruíz Jiménez, que sería destituido por esta crise. Máis tarde, no ano 1965, outra protesta universitaria conlevaría a apertura de expedientes aos profesores Aranguren, Tierno Galván e García Calvo. Xa a finais dos 60, á imitación do que estaba acontecendo en Francia e outros países europeos, os movementos esquerdistas acadan protagonismo e, no caso español, esta mobilización estudantil ten tintes de protesta contra o réxime represivo e de petición de democracia. O réxime endurece a resposta coa a detención e morte do membro do PC Julián Grimau (1963) e do estudante Enrique Ruano, pertencente ao Frente de Liberación Popular (FLP), coñecido familiarmente como Felipe, un movimento nacido en 1956 como oposición ao franquismo. Para frear esta oposición o réxime creou en 1963 o Tribunal de Orde Pública (TOP) que vén a substituír aos tribunais militares na represión política.

Outra peza moi importante na oposición ao réxime foi o movemento obreiro, que promovía folgas para obter dereitos como a redución da xornada, mellora de salarios... Disto nacen as Comisións Obreiras en 1962, clandestinamente, onde os seus lideres pretendían chegar aos obreiros con facilidade grazas a estrutura do sindicato vertical, infiltrándose nesta organización para conseguir melloras para a clase obreira, pero tamén para ir concienciando politicamente aos obreiros. Aínda así, os conflitos non tardaron en producirse en lugares como Asturias o Cataluña, sendo os líderes ( Marcelino Camacho, Julián Ariza) fortemente reprimidos. Con todo conseguiron que aumentara considerablemente a conflitivitade obreira e o número de folgas. A súa vez isto fixo que a afiliación aumentase. Debemos resaltar os sucesos de Ferrol en marzo de 1970 onde morreron dous traballadores a disparos da policía. Os actos de protesta por estas mortes tiveron moita repercusión en Galicia, en especial, na factoría Citroën de Vigo.

Incluso a Igrexa mostrouse oposta ao réxime tras os cambios acontecidos no seno interno do clero tras o Concilio do Vaticano II. Un documento de 1960, asinado por 339 sacerdotes, pero desautorizado pola xerarquía eclesiástica española,  denuncia os malos tratos e a falta de liberdades. Unha década despois, a Asemblea Conxunta de Bispos estivo a piques de aprobar unha resolución na que lamentaba o papel da igrexa durante a guerra. A igrexa comeza a tomar distancia respecto do réxime e xurde a Xuventude Obreira Católica e a Irmandade Obreira de Acción Católica como grupos de católicos de base opostos ao réxime.

Finalmente, a oposición política foi en aumento, sobre todo, nos anos 70. Nesta loita contra o réxime destacaría o labor do PC e en menor medida do PSOE.  En 1959 fundouse ETA, forma radicalizada do nacionalismo vasco, que en 1968 dá morte a un garda civil nun control de tráfico e a Melitón Manzanas, Xefe da Brigada Social de S. Sebastián, feito sobre o que o goberno reaccionou publicando a Lei de represión de bandidaxe e terrorismo que pasaba á xurisdicción militar os delitos de tipo político. Nos anos 70 aparecen bandas armadas de perfil comunista maoista como FRAP e GRAPO que cun discurso anticapitalista e antiimperialista buscan desestabilizar a ditadura e traer a república a través dun movemento insurrecional.

 

Tras a prosperidade económica dos anos 60 (freada pola crise de 1973), a sociedade española mudou o que fixo xurdir unha ansia xeral de cambio e de maiores liberdades. Xorden diferenzas nas filas franquistas entre os sectores máis conservadores (“bunker”) e aqueles que estaban a favor dunha pequeña apertura (“aperturistas”). Ademais, o estado de saúde do ditador e as crecentes dificultades políticas e económicas anunciaban a fin do réxime. Un réxime personalista que tiña moi difícil sobrevivir máis alá da morte de Franco, pero que a través da Lei de Sucesión deixaba claro o camiño a seguir para prolongar o réxime autoritario máis alá da morte do ditador, neste caso na figura do futuro monarca Juan Carlos I.

No ano 1973 prodúcese unha crise enerxética mundial (subida dos prezos do petróleo, acordada pola OPEP) que afecta gravemente a economía (aumento da inflación e do paro) deixando ao descuberto os defectos estruturais do desenvolvemento económico dos anos 60 (dependencia tecnolóxica do estranxeiro, elevado endebedamento de empresa pública, necesidade dunha reconversión industrial e de adaptarse ao novo ciclo tecnolóxico). Por outra parte, o deterioro físico de Franco obrigoulle a designar a Carrero Blanco (militar e home da súa máxima confianza, representante do sector “bunker”) como presidente de Goberno e a Arias Navarro como ministro de Gobernación. Nese mesmo ano 73 Carrero Blanco falece nun atentado de ETA (operación Ogro), afectando emocionalmente a Franco e privando ao réxime da persoa que podería dar continuidade ao Movemento despois do ditador. Carrero foi substituído por Arias Navarro, quen anuncia unha serie de reformas coñecidas como o espírito do 12 de febreiro: maior liberdade de prensa, elección de alcaldes, creación dunha lei de asociacións políticas (non de partidos políticos), unha reforma da lei sindical, pero sempre sen cambios radicais, dentro do marco normativo das Leis Fundamentais, e deixando fóra desa apertura ao comunismo. Este discurso timidamente aperturista quedou anulado polas duras críticas do "bunker" que, tendo sempre presente a guerra civil, está a defensiva ante o que presume é o final do réxime.

Nesta etapa incrementáronse as forzas da oposición, tanto no interior de España como no exterior. No interior destacan: o grupo Tácito (serie de políticos e intelectuais que pretenderon unha transformación do réxime a posicións máis democráticas desde dentro do sistema. Apostaban pola apertura de novos vieiros de participación na vida pública e polo efectivo respeto dos dereitos fundamentais), o aumento das críticas e o distanciamento por parte da Igrexa (salienta o caso de Añoveros, bispo de Bilbao, que defenderá o uso do euskera nas igrexas e que estivo a punto de ser expulsado de España), a Unión Militar Democrática (un sector do exército que defendía que a institución militar non debía ser un obstáculo para a democracia), as numerosas folgas e protestas de obreiros, universitarios e entidades veciñais e os atentados terroristas levados a cabo por organizacións como ETA ou FRAP (5 membros destes dous grupos foron os últimos en pagar os seus crímenes coa súa vida, a pesar das diversas peticións internacionais de clemencia).

No exterior, distintos partidos e organizacións antifranquistas iniciaron un proceso de unidade para restablecer a democracia; en Francia: no ano 1974, créase a Xunta Democrática por iniciativa de Santiago Carrillo (líder do PCE) para liderar a oposición ao franquismo e o PSOE resolve a crise entre os afiliados do interior e os do exilio no Congreso de Suresnes, elixindo a Felipe González como secretario xeral. O PSOE impulsa a Plataforma democrática para aglutinar aos grupos políticos próximos a súa órbita ideolóxica. Os contactos entre ambos partidos deron lugar á formación da Plataxunta en 1975.

Por outra parte, en novembro de 1975, estando Franco en estado agonizante, a colonia africana do Sahara (onde o Goberno fixera unha promesa de realizar un referendo en 1973, xa que a Fronte Prolisaria reclamaba a independencia) é invadida en 1975 por unha marcha civil organizada polo rey Hassan II de Marrocos (Marcha Verde) coa que pretende invadir o territorio e anexionalo, ocupación que sería detida por petición da ONU. Días despois da retirada da marcha, asinouse en Madrid un acordo tripartito con Marrocos e Mauritania para que os dous países se repartiran a colonia do Sahara, sen ter en conta a opinión da poboación.

Finalmente, o ditador falece en novembro de 1975, deixando a presidencia en mans de Arias Navarro e a xefatura de Estado a Juan Carlos de Borbón, quen foi nomeado rei e capitán dos tres exércitos e iniciou os trámites legais para configurar a España como Estado social e democrático de Dereito nun proceso coñecido como transición democrática (1975-1978).

Tras a aprobación por parte das Cortes franquistas ( coñecidas como as Cortes haraquiri) da Lei de Reforma Política, en novembro de 1976, ratificada en referendum o 15 de decembro de 1976, que poñía as bases para a legalización dos partidos políticos, despois dun violento mes de xaneiro do 77 onde houbo secuestros do GRAPO e a matanza dos avogados laboralistas a mans da ultradereita, e tras a legalización do PCE na Semana Santa de 1977 contra o parecer da cúpula militar que puxera como condición para permitir o anterior paso a legalización das formacións políticas menos o PCE, o Presidente Adolfo Suárez convocou eleccións para unhas Cortes Constituíntes para o 15 de xuño de 1977. Estas eleccións serían as primeiras dende a Segunda República. Concorreron a estes comicios numerosas formacións. A victoria, sen maioría absoluta, foi para a UCD, a formación política creada por Adolfo Suárez para seguir controlando o proceso de transición política dende os antigos aledaños franquistas. A segunda forza más votada foi o PSOE. Tanto a formación creada por Fraga Iribarne, Alianza Popular, como o PCE foron as grandes perdedoras. Os partidos políticos extremistas quedaron foron do hemiciclo. A poboación española votaba moderación e consenso e rexeitaba aquelas formacións que lembraban ao conflito da Guerra Civil. 

En agosto do 77 quedou constituída unha comisión redactora do borrador do texto constitucional para sometelo despois a un proceso de enmendas e melloras que duraría ata outubro do 78 en que foi aprobada polas Cortes e o 6 de decembro de 1978, aprobada en referendum pola cidadanía. O resultado é un texto froito do consenso, intencionadamente ambigua para evitar que o texto puidera ser utilizado de forma partidista por unha formación, inspirada en anteriores constitucións españolas (1876 e 1931) e textos do estranxeiro, progresista e democrática e cunha estrutura dogmática, no que se refire aos principios, e unha parte orgánica no que se refire á organización do Estado.

A constitución española de 1978 recoñece a soberanía popular baixo un réxime de monarquía parlamentaria e establece que España é un Estado social e democrático de dereito. O rei reina, pero non goberna. Con todo ten a atribución de ser o Xefe das Forzas Armadas, aspecto este que lle permitiu parar o golpe de Estado de 1981. España, pola Constitucion do 78 defínese como un Estado unitario, pero descentralizado administrativamente en autonomías, recuperando a solución territorial habilitada na Segunda República. De feito, Cataluña, País Vasco e Galicia son tratadas como nacionalidades históricas polo que poden chegar aos estatutos de autonomía pola vía rápida do artigo 151 en lugar do 143 que afectará a todas as demais. Cada autonomía terá un parlamento propio, un goberno e un Tribunal Superior de Xustiza.

Esta constitución recolle que España é un Estado aconfesional, se ben recoñece que a relixión católica é a maioritaria do pobo español polo que terá unha consideración especial. Recolle os dereitos de deberes da cidadanía e o funcionamento das institucións do Estado. Recolle a posibilidade do divorcio, os dereitos sociais, dereitos de folga, de asociación, de liberdade de prensa, pluralidade política e sindical.

Esta constitución volve contemplar dúas cámaras nas Cortes. O Congreso dos Deputados, 350 deputados elixidos por sufraxio universal directo, en listas pechadas polos partidos, baixo o sistema D'Hont e de representación proporcional, e o Senado, elixido por un sistema de listas abertas e representación maioritaria. O Congreso exerce unha función de control sobre o goberno, dá a súa confianza ao mesmo e discute e elabora os proxectos de lei que unha vez aprobados deben pasar pola súa ratificación ou devolución no Senado. O Senado, a súa vez ten unha atribución de cámara para tratar os asuntos de tipo territorial que nunca foi ben densenvolvida. 

A UCD, formación política creada por Adolfo Suárez, logró gañar dúas convocatorias electorais,a de 1977 e a de 1979, pero en ambas non tiña a maioría absoluta. Esta formación era unha partido moi heteroxéneo, resultado da confluencia de individualidades políticas procedentes do antigo franquismo, democristianos, liberais e incluso da socialdemocracia. Os primeiros anos da Transición foron moi duros por varios factores: a crise económica do 73, sentida en España dun xeito máis tardío, xerou taxas de inflación altas e un paro crecente que xerou un enorme malestar social con numerosas folgas. A gravidade da situación motivou os Pactos da Moncloa como un acordo global entre sindicatos, partido do goberno e partidos da oposición para evitar o descarrilamento dos pasos dados de cara a normalización política en España. Por outro lado, estaba a actividade da banda terrorista ETA que neses anos comete numerosos atentados ("os anos de plomo") sobre membros das forzas armadas. A pesar da recén estreada autonomía vasca, as accións terroristas foron a máis creando un profundo malestar entre o exército e os sectores inmobilistas da sociedade española. Cada funeral polos asasinados era unha ocasión da ultradereita de manifestarse en contra do goberno. O proceso autonómico era visto neses sectores ultra como unha provocación contra a unidade de España. Isto viña a engadirse á desconfianza que o exército tiña sobre Adolfo Suárez dende a legalización do PCE en abril do 77 e á aprobación de medidas como a lei do divorcio que enconou os ánimos da xerarquía da igrexa católica e os sectores máis conservadores da UCD.

Neste ambiente de construción dunha democracia, Adolfo Suárez viuse acosado tanto pola esquerda ( PSOE) que lle chega a plantear unha moción de censura en 1980, e pola dereita (AP), de xeito que a súa supervivencia política estaba moi complicada, máxime se o seu propio partido comeza a darlle as costas de xeito que como formación acabou por implosionar nun ambiente político no que había rumores de golpe de Estado.

Esta situación política extrema obrigou a Adolfo Suárez a presentar a súa dimisión ante o rei en xaneiro de 1981. O 23 de febreiro, mentres se estaba producindo a votación no Congreso de Deputados para investir presidente do goberno a Leopolodo Calvo Sotelo, tamén da UCD, un grupo de Gardas Civis ao mando do Tenente Coronel Tejero ocupan a cámara á espera que un mando de maior rango pase a encabezar o golpe de Estado. En paralelo, en ValenciaMiláns del Bosch saca os tanques ás rúas e impón o toque de queda. Segundo os golpistas o rei está informado de todo, dando a entender a súa complicidade no golpe, pero finalmente fracasa pola intervención pública do monarca no que declara a súa adhesión á democracia recén creada e condena a acción dos militares golpistas. Esta intervención televisada impediu a incorporación de novas unidades ao golpe e obrigou aos golpistas a entregarse. Ese día confluiron dúas tramas, unha a protagonizada por Tejero, xa condenado anteriormente por outra intentona en decembro do 78 (Operación Galaxia), vencellado a sectores inmobilistas do bunker franquista, e a outra na que estaba implicado o xeneral Armada da que sairía un goberno de concentración nacional. As manifestacións na rúa ao día seguinte respaldando a democracia por parte da sociedade española e a posterior vitoria do PSOE en outubro do 82 alonxaron para sempre as tentacións golpistas do sector máis conservador do exército.

A vitoria por maioría absoluta do PSOE, en outubro do 82, permitiu aos socialistas volver ao goberno do país dende a Segunda República. Este PSOE estaba liderado por Felipe González, quen asumiu a Presidencia do Goberno e por Alfonso Guerra, ambos sevillanos, e que en anos anteriores conseguiron unha renovación da cúpula dirixente do partido e a aceptación da renuncia do marxismo en favor das posturas socialdemócratas en sintonía con outros partidos socialistas de Europa. Abandonar o marxismo permitiu ao PSOE vencer nas eleccións de outubro de 82 aproveitándose da desintegración da UCD e despertando unha vaga de entusiasmo e de cambio político en España. 

Unha vez no poder os socialistas tiveron que enfrontarse aos problemas herdados da etapa anterior e poñer en marcha un programa modernizador e reestruturador do país. En economía puxeron en marcha unha reconversión industrial que afectou fundamentalmente aos sectores maduros da industria: naval e siderúrxica. Esta medida poñía fin aos anos de investimento do Estado na economía, avanzaba na idea dunha flexibilidade laboral e produtiva á par que unha modernización tecnolóxica necesaria para adaptarse ás necesidades do mercado. As rexións máis afectadas foron as do norte de España onde houbo unha forte contestación social. Outra medida era a modernización e renovación do exército para alonxar a pantasma do golpismo. O PSOE que, no ano no que a UCD meteu a España na estrutura militar da OTAN, manifestou a súa oposición, agora estaba a favor de manter a España dentro da organización militar. Outras medidas salientables tomadas nesta etapa son a reforma educativa e universitaria, a aprobación da lei do aborto e o deseño dunha política exterior con tres piares básicos: a relación con Europa, extremar unha boa veciñanza con Portugal e Marrocos, fortalecer os lazos con Latinoamérica e manter moi boas relacións con USA así como reclamar a devolución de Xibraltar. Na idea de entrar na CEE, o 1 de xaneiro de 1986, comezamos a formar parte desta organización económica o que impulsou o proceso de europeización de España, a consolidación da democracia, unha oportunidade de modernizar o sistema produtivo español para adaptarse a un entorno de elevada competitividade e a chegada de axudas europeas para modernizar as nosas infraestruturas viarias. Cos socialistas prodúcese unha posta en marcha do Estado de Benestar e un impulso do Estado das autonomías co seu proceso de transferenzas de competencias do Estado central ás autonomías.

Os socialistas venceron por maioría absoluta as eleccións do ano 86 e 89 debendo chegar a acordos cos nacionalistas cataláns e vascos nas do ano 93. Neste tempo o país camiñou por unha senda de crecemento económico que tivo o seu momento culminante no ano 92 cando se celebrou a olimpiada de Barcelona e a Expo de Sevilla. España aparecía ante o mundo como un país cunha democracia consolidada e moderno. Despois dos fastos do 92 comezou un período de crise económica que unido ao descredito do PSOE en casos de corrupción por financiación ilegal (caso Filesa), práctica de terrorismo de Estado contra ETA ( os Gal), apropiación indebida dos fondos reservados para a loita contra o terrorismo por parte de altos cargos do Ministerio de Interior (caso Roldán) levaron a súa derrota electoral no ano 96 a mans do Partido Popular de José María Aznar.

A situación da muller no s. XX

O século XX foi un período no que a vida das mulleres españolas pasou por diferentes etapas, con momentos nos que as súas reclamacións de participación política foron escoitadas e onde a muller comeza a deixar de ser invisible nun contexto de sociedade patriarcal (durante a Segunda República) e outros de verdadeiro retroceso nos que volveu ao papel pasivo e de subordinación ao varón ( durante o franquismo) para acabar o século nun proceso imparable de empoderamento progresivo que pode ser catalogado de revolución feminista que vai transformar a sociedade española. Ese desafío vai mudar as estruturas herdadas en distintos ámbitos, desde o laboral ata o familiar e o político. A historia da muller española no século XX marca a evolución da sociedade española e convertese no auténtico motor da loita polos dereitos e a igualdade de xénero.

Ao comezo do século, a muller española estaba sometida nunha sociedade profundamente patriarcal, onde as súas oportunidades e roles estaban estritamente limitados polas expectativas tradicionais. O acceso á educación para as mulleres era limitado e, en moitos casos, centrado en ensinanzas consideradas adecuadas para o seu suposto papel no fogar. A muller estaba principalmente relegada ao ámbito doméstico, cunha participación limitada na vida pública.

 A súa participación no ámbito laboral estaba circunscrita a traballos mal remunerados, era a man de obra máis barata, e carecía de recoñecemento. A comezos do século apareceron unhas normas que regulaban o traballo das mulleres (Real Decreto sobre o Traballo das Mulleres e dos Menores" de 1900) ao considerar a necesidade de protexelas das duras condicións do traballo industrial para poder garantir as mellores condicións para a procreación e para o coidado da familia, pero sen descoidar a vantaxe competitiva que ten o seu concurso na produción industrial toda vez que está peor pagada. Detrás dese discurso paternalista do Estado sobre a protección da muller está a ocultarse que o sistema require dela un dobre traballo: na casa e na fábrica.

Con todo, esa situación comezou a mudar a medida que o século avanzaba. As asociacións de mulleres reavivan o debate sobre o rol social feminino e reivindican un papel máis activo na sociedade.  Durante a Ditadura de Primo de Rivera, no novo estatuto municipal, en 1924, dispoñía que no censo electoral de cada municipio houbera un apéndice para as mulleres maiores de 23 anos, non suxeitas á patria potestade, autoridade marital ni tutela e tamén se sinalaba como elixibles a mulleres cabeza de familia, mentres non perdan esta condición. Isto permitiu o acceso das mulleres ás institucións (7 mulleres foron alcaldesas durante ese período da ditadura). De feito, na Asemblea Nacional de 1927 houbo unha representación de 15 mulleres.

Durante a Segunda República (1931-1939), España viviu un período de significativas transformacións sociais e políticas. A Constitución de 1931 recoñeceu o dereito ao voto para as mulleres maiores de 23 anos sen ningún tipo de restrición, un paso importante cara á igualdade de xénero. Ademais os cambios no código civil e nas leis trouxeron o principio de igualdade entre conxugues no matrimonio, o matrimonio civil e o divorcio. No ámbito laboral, a anulación da prohibición ás traballadoras de casarse ou despedilas si se casaban, así como o despido por maternidade e, ademais, aparece un seguro obrigatorio de maternidade. Un decreto de 1935 abolía a prostitución. O emprego das mulleres era moi numeroso en determinados sectores industriais, caso do conserveiro, o téxtil e o sector servizos.  Por outra banda, a República impulsou reformas educativas que permitiron ás mulleres acceder a unha educación máis ampla e variada, abríndolles as portas ás profesións máis alá das tradicionais, e reduciron o analfabetismo feminino. As escolas eran mixtas e coeducativas. O papel das mestras nese período democrático da historia recente foi moi importante  dada o interese que o réxime daba á educación. Comezan a chegar mulleres no ámbito universitario.

O golpe fracasado de xullo de 1936 que derivou na Guerra Civil  e na implantación do réxime franquista significou un brusco freazo na visibilidade da muller e un retroceso en todos os avances de dereitos conseguidos durante a República. A ideoloxía nacional católica promovida polo réxime defendía un modelo de muller submisa consorte á autoridade patriarcal e ao servizo da familia e a igrexa. O ideal de muller era o que defendía o fascismo, representado no caso español pola Falanxe Española que unha vez integrada no Movemento Nacional, a través do protagonismo de mulleres como Pilar Primo de Rivera, vai ditar como debe comportarse a muller nesa sociedade. Están prohibidos os anticonceptivos, o divorcio e o aborto. A educación das mulleres é dunha moral moi estrita. Deberían facer o Servizo Social e a súa educación pivotaba en torno ao coñecemento dos labores do fogar ( costura, cociña) con contidos que promovían unha imaxe conservadora e conformista da muller. A muller viuse condenada a cumprir co papel tradicional de esposa e nai. Non estaba ben visto que a muller traballara fóra da casa e se ocupara á vez da familia. A represión das mulleres que militaron en partidos de esquerda ou daquelas que padeceron humillacións por ser esposas de militantes de partidos e sindicatos de esquerda foi moi dura. Cortes de pelo, sinalamento social eran as formas de sometemento aos novos principios do réxime ditatorial franquista. As mulleres non tiñan dereito de voto toda vez que era o cabeza de familia quen tiña a capacidade de participar nas eleccións que o réxime organizaba para elixir aos alcaldes.

Na etapa desarrollista dos anos sesenta, a chegada de turistas estranxeiras abre os ollos sobre a represión moral existente no país. Comeza un progresivo proceso de secularización da sociedade e de modernización que no caso das mulleres se traduce nunha chegada en maior número á universidade e a unhas formas de gozo do lecer que significan un escándalo para a ríxida moral do réxime. O feminismo vai abríndose paso no mundo da clandestinidade.

A chegada da Transición democrática coa morte de Franco volve  ser un tempo onde a muller recupera aquela visibilidade que comezaba a ter na etapa republicana. A Constitución de 1978 recoñeceu formalmente a igualdade de xénero. O recoñecemento dos dereitos políticos e dereitos civis que terminaban coa subordinación da muller aos homes liberan ás mulleres que inician unha busca de protagonismo  social en todos os ámbitos. Esa busca do seu espazo tradúcese nunha prolongación do tempo de formación co obxectivo de iniciar unha carreira profesional que retrasa a idade de maternidade e a conseguinte caída da natalidade . A loita por rachar co teito de cristal que impedía ás mulleres acceder a postos de responsabilidade vai provocar unha enorme revolución social en España.

Os anos 80 foron un período crucial para os dereitos das mulleres en España. Aparece o divorcio de novo e se despenaliza o aborto pero só en tres supostos: malformacións do feto, perigo para vida da nai e embarazos produtos dunha violación. A creación do Instituto de Mulleres en 1983 tamén foi unha ferramenta importante para promover a igualdade de xénero e desenvolver políticas específicas neste ámbito. A incorporación masiva das mulleres ao mercado laboral e a súa presenza en ámbitos educativos antes reservados aos homes foron cambios fundamentais. O movemento feminista comezou a gañar forza e a alzar a súa voz, reclamando igualdade salarial, dereitos reprodutivos e o fin da violencia de xénero.

No século XXI, as mulleres españois seguen avanzando na súa loita pola igualdade. O movemento feminista continúa a ser unha forza poderosa. A incorporación de mulleres a cargos políticos de relevancia tamén é un indicador do progreso en termos de igualdade de xénero, pero a loita aínda non rematou. A sensibilización e a educación seguen a ser ferramentas clave para avanzar na consecución dunha igualdade de xénero real e duradeira.

España en Europa e no mundo

O século XIX termina para España cun papel insignificante a nivel mundial. A perda de Cuba, Filipinas, Puerto Rico e os arquipélagos no Pacífico, coñecido como o desastre de 1898, provocou unha vaga de críticas nas que destacaba as do Rexeneracionismo que pedía europeizar España e modernizar o país a través da loita contra a fame e o analfabetismo. O século comezaba ademais cun deterioro da credibilidade da monarquía e do seu sistema político, a Restauración. O final dese sistema pola substitución dunha ditadura militar acabou por esgotar o escaso crédito que lle quedaba a Alfonso XIII, se ben, eses anos vinte significaron un proceso de modernización das infraestruturas e un aumento dos indicadores de produción que terminaron abruptamente pola crise económica mundial dos anos trinta. Así, con ese panorama crítico a nivel internacional, nacía a Segunda República, un réxime que abordou unha chea de reformas coa intención de acabar cos principais problemas do país, pero que ao afectar nas súas medidas aos intereses particulares do bloque de poder tradicional en España (terratenentes, Igrexa, patronal e Exército), contribuiu a crear un ambiente político e social cada vez máis polarizado. O choque entre o fascismo e o seu autoritarismo contra a democracia establecida e os sonos revolucionarios das clases traballadoras fixeron da II República unha oportunidade perdida de estabilidade política. A Guerra Civil foi un acontecemento moi seguido no exterior. Os fascismos apoiaron ao bando rebelde mentres que a URSS respaldou ao exército republicano a pesar do chamamento internacional a non intervención. Unha vez establecido o franquismo,  o illamento internacional decretado pola ONU contra un réxime nacido da colaboración fascista  acentuou este alonxamento de Europa e da esfera internacional. O contexto da Guerra Fría permitiu á ditadura de Franco saír do illamento co  recoñecemento do réxime por parte de USA, en 1953, por motivos de tipo militar e estratéxicos. En  1955 ingresamos na ONU como un membro máis. O Plan de Estabilización Nacional de 1959 abre a  España aos mercados exteriores e á chegada de investimentos estranxeiros, propiciadores do despegue económico dos anos sesenta (o sobrante de man de obra española migra aos países europeos máis ricos) facendo concibir esperanzas ao goberno franquista de poder ser aceptado como membro da CEE. A falta de democracia e liberdades retrasa o noso ingreso nas institucións europeas ata a Transición Democrática. En 1981, non sen polémica, coa UCD no goberno, pasamos a formar parte da OTAN e o 12 de xuño de 1985, co PSOE, ingresamos por fin na CEE, 8 anos despois de formular novamente o desexo de formar parte desta institución. Estes pasos normalizaron o proceso de transición democrática e axudaron a consolidar un proxecto europeista comezando entón unha resurrección de España no contexto internacional.

En relación á integración española en Europa, debemos destacar que España ingresou case trinta anos despois da súa constitución. As negociacións para entrar foron difíciles, dado que España ofertaba produtos agrícolas e pesqueiros que ofrecían outros países europeos como Francia ou Italia e que sentían os seus intereses ameazados. A súa integración tivo importantes consecuencias para España.

Politicamente, a entrada na CEE permitiu afianzar a democracia e o Estado de dereito en España, así como a súa visibilidade internacional. A nivel europeo o ingreso de España e Portugal fortalecía a idea dunha Europa unida e democrática.

Economicamente, a entrada na CEE estimulará a modernización e a competitividade  da economía española, iniciando un proceso de flexibilización do mercado laboral, de adaptación aos avances da terceira fase da revolución industrial, de privatización das empresas dos sectores industriais básicos en mans do Estado, de promoción da economía de mercado. España ampliaba o mercado e as súas expectativas de venda a unha poboación moito maior, abandonando así o atraso que sufría dende había décadas. Para axilizar ese proceso de reformas, España recibiu da UE numerosas axudas económicas para melloras estruturais. Esta política de axudas tamén beneficiou aos socios europeos que incrementaron os seus investimentos e as súas vendas en España.

A nivel social, o ingreso na CEE supuxo a consolidación do Estado de Benestar e a universalización da sanidade e a educación así como unha harmonización deses sectores aos estándares europeos. A nivel cultural impulsou a mobilidade das persoas para viaxar ou estudar en países membros

España é o segundo estado máis extenso da UE e o quinto máis poboado, o que repercute no número de deputados no Parlamento Europeo e os seus votos no Consello da Unión Europea. A nosa localización xeográfica favorece o seu papel de mediación entre a UE e os ámbitos atlántico e mediterráneo.

España practica unha política dentro da UE de achegamento a Alemania, Francia ou Italia. Un dos obxectivos é o de formar parte do grupo de países máis influíntes, para beneficiarse dos logros da UE (Fondo de Cohesión, política de asilo e inmigración...) e para favorecerse nas relacións internacionais en aspectos como a firma de acordos pesqueiros con África.

Ainda que o PIB español é importante dentro do ámbito da UE, a estrutura económica española en comparación con outros socios europeos presenta algúns problemas: altas taxas de paro na mocidade, á súa especialización en sectores económicos de baixa cualificación (construción, hostalaría e turismo), unha inversión mellorable en I+D+i, un alto nivel da economía somerxida e un menor nivel de formación na súa man de obra. Ademais, a industria do noso país sofre a competencia dos custes de produción máis baixos en países da Europa Oriental, cun alto risco de deslocalización cara esa zona da UE que está a captar as axudas e investimentos europeos en detrimento de España.

España, dende mediados dos 90, pasou de ser un país de tránsito a converterse nun destino de migrantes. Pola súa posición xeográfica forma parte da fronteira sur da UE o que a impulsa a reclamar unha política migratoria común toda vez que ve moi tensionadas de migrantes irregulares as costas máis próximas a África.

En relación ao contexto mundial, España incrementou, nas últimas décadas, as súas relacións internacionais, tanto no ámbito político como no económico. Pertence a diversas institucións e organizacións internacionais (ONU, FAO, Banco Mundial, OCDE...), concede  axudas oficiais para o desenvolvemento dos países con dificultades, favorece a cooperación, a seguridade e a paz a través destes organismos internacionais, colabora con ONGs como Mans Unidas, Médicos Sen Fronteiras..., fomenta unha diplomacia económica para defender os nosos intereses e a imaxe de España no exterior, a través de multinacionais como Repsol ou Inditex e a través dun incremento do comercio exterior español e das relacións financeiras internacionais o que fala da integración da economía española no ámbito mundial, ocupando unha posición intermedia. Ademais practica unha diplomacia cultural para promover as relacións culturais internacionais e difundir a riqueza e cultura do país.  

A situación estratéxica de España, nunha encrucillada de camiños, condicionou a orientación da súa política exterior: interlocutor válido nas relacións europeas co mundo Mediterráneo, en especial, co norte de África e mediador da política europea con América.

A relevancia da nosa política exterior medrou a finais dos anos oitenta tras o ingreso de España na CEE. Co PSOE no goberno perfiláronse os eixos da nosa política exterior: Europa en primeiro lugar, Norte de África, en especial Marruecos, polas cuestións fronteirizas e de mercado enerxético, e Latinoamérica, participando en todos os cumios dos países de América Central e Sur. Por suposto, o feito de pertencer á OTAN e de ser un país da órbita occidental fai que teñamos unha relación de amizade e de aliado político a USA. 

Durante a etapa de goberno de José María Aznar, do Partido Popular, houbo unha reorientación na política exterior de forma que se intensificaron as relacións coa USA do republicano George Bush. Ese maior peso da política atlantista tivo o seu colofón na participación de España na guerra de Irak da man de USA e Gran Bretaña, inmortalizado na icónica fotografía do cumio das Azores, onde participamos pola suposta existencia de armas de destrución masiva por parte de Sadam Husein o que xustificou unha intervención militar en Irak, pero sen a autorización do Consello de Seguridade da ONU, a diferenza da 1ª Guerra do Golfo. Ese conflito acabou por desgastar a credibilidade do PP e, nas eleccións do 2004, a volta do PSOE da man de José Luís Zapatero,  provocou unha volta ás anteriores prioridades encabezada pola Unión Europea.  Este presidente, no 2007,  promoveu a nivel internacional a Alianza de Civilizacións dentro do marco da ONU co fin de combater o terrorismo internacional e fraguar unha aproximación entre Occidente e o mundo islámico para buscar  respostas diferentes ás militares fronte ás provocacións do radicalismo islámico.

Para finalizar no ano 2012 o goberno de Mariano Rajoy creou a denominada Marca España, unha política destinada á promoción e mellora da imaxe de España no exterior para aumentar o nivel de exportacións, as inversións estranxeiras, a internacionalización das empresas e o turismo.

Evolución e cambio na España actual

A inicios dos anos 90, a caída da Unión Soviética significou o final da Guerra Fría e a desaparición da tensión internacional derivada da carreira armamentística. Nese contexto, o neoliberalismo, defendido por Reagan ou Thatcher nos anos 80, semellaba ser o triunfador desa pugna ideolóxica entre capitalismo versus comunismo e as súas ideas de menos Estado, menos regulación e máis mercado reforzaban politicamente un proceso imparable de globalización dos fluxos de capital, mercadorías, información e mesmo persoas, auspiciado polo protagonismo indiscutible das multinacionais.

Ese novo tempo consolidado a finais do século XX, grazas ao avance nas tecnoloxías da información e comunicación e ao abaratamento dos medios de transporte, implicou unha descentralización produtiva das grandes empresas e un proceso de deslocalización industrial que afectou a España. O noso país experimentou a competencia da man de obra máis barata dos países do surleste asiático primeiro e despois, dentro da propia Europa, dos países do leste. Moitas empresas españolas seguiron deseñando os seus produtos aquí, pero a produción trasladáronna a outras latitudes onde os custes laborais ou medioambientais son menores ou menos esixentes. Un exemplo constitúeno as empresas de confección. Como consecuencia o mercado laboral experimentou un proceso de flexibilización cun aumento da temporalidade e unha enorme variedade de situacións contractuais. A industria sométese a nunha profunda metamorfose debido á dixitalización dos procesos produtivos, ao desenvolvemento da intelixencia artificial, a robotización ou a explotación do big data. Os ocupados deben ter un nivel educativo máis elevado e nas empresas imponse a formación continua. As tarefas máis mecánicas ou repetitivas son destinadas aos robots que elevan a produtividade das empresas. Esa redución de man de obra empregada no sector secundario e a desindustrialización desencadeou a crise ou o declive de certos espazos de tradición industrial, como a ría de Bilbao, Asturias, Sagunto, baía de Cádiz, Ferrol ou o Baixo Llobregat en Cataluña, especializados en sectores maduros (téxtil, siderurxia, construción naval…) onde os procesos de reconversión industrial non sempre foron exitosos.

A crise económica de 2008, de tipo financeiro, pero que no caso español puxo fin ao boom inmobiliario, afectou a moitas PEMES. Estas víronse na obriga de reestruturarse para defenderse mellor da crise e dos cambios tecnolóxicos e ser competitivas no mercado. A maiores, a crise do mercado interior abocou ás empresas a intensificar a súa internacionalización.

A nivel cultural, a globalización propiciou unha expansión das pautas culturais occidentais por todo o mundo. España polo seu atractivo turístico está ben situada no escaparate mundial aumentando cada ano as súas cifras de visitantes auspiciado polo febre global de viaxar. A oferta turística española atrae non só a un cliente tradicional europeo, senón tamén a poboación do leste e asiáticos. O patrimonio cultural, a gastronomía, o clima, as compras, incluso o atractivo futbolístico son a nosa oferta nun contexto global. Dende mediados dos 90, España convértese nun país de oportunidades para moitos inmigrantes o que nos aboca ao reto de integrar esa multiculturalidade territorializada nos barrios das metrópoles como os do Raval, en Barcelona. O cosmopolitismo e ese mestizaxe chegados polo maior grao de internacionalización de España esperta tamén debates sobre a preservación da identidade cultural e os valores tradicionais.

A globalización tamén nos asoma aos desafíos comúns derivados do cambio climático. España, como país socio da UE, está moi preocupada por limitar o consumo de combustibles fósiles e aumentar a produción de enerxías alternativas como a solar ou a eólica, fomentar a eficiencia enerxética e obrigar ás empresas a desenvolver unha economía circular, limitando os refugallos e depurando e reusando as augas residuais. Para coordinar estes esforzos en preservar os recursos e a biodiversidade creouse o Ministerio de Transición Ecolóxica en 2018.

O Estado de Benestar é unha política que comparten os diferentes partidos políticos dende os tempos da Transición Democrática. A idea de ter un Estado asistencial, que procure uns mínimos de calidade de vida para toda a cidadanía e a creación dun sistema fiscal progresivo que estableza maior carga tributaria en función da renda e que permita unha sustentabilidade dos servizos públicos, garante uns índices maiores de xustiza social. A crise de 2008 e a chegada de gobernos conservadores recortaron esa financiación e mesmo impulsaron medidas para derivar parte destas prestacións ao sector privado. Unha das ameazas sobre este modelo é o custe crecente das pensións e o seu sistema de financiación. España destinou en 2016 a metade do seu gasto en protección social a pagar pensións de xubilación e viuvez, en concreto o 50,4 % do total. O proceso de avellentamento experimentado pola caída da natalidade dende os anos setenta e o aumento da esperanza de vida está a provocar unha inversión da pirámide de poboación coa conseguinte ameaza sobre a viabilidade do sistema de pensións actual construído sobre a solidariedade interxeracional no que os actuais activos (nunha cantidade reducida cada ano) financian aos xubilados (os baby boomers, máis numerosos). Por outra banda, está o fenómeno migratorio que, se ben, vén a ocupar o oco deixado no mercado laboral polas xeracións que agora están a xubilarse e animou unha deprimida natalidade, tamén supón un novo reto para a sociedade española toda vez que debe afrontar o discurso xenófobo en determinadas áreas do país onde a presenza da inmigración é moi notable en sectores como o da agricultura intensiva de invernadoiros (El Ejido) ou nas áreas metropolitanas máis importantes. A migración irregular obrigou a varias regularizacións e ao establecemento de acordos con países do norte de África, que fan o papel de dique de contención a cambio de cuantiosas inxeccións económicas por parte da UE. España é esa fronteira sur da UE e iso crea tensións asistenciais nas costas andaluzas ou canarias.

Precisamente as numerosas mortes de inmigrantes irregulares na perigosa travesía para chegar as nosas costas ou a necesidade de paliar as enormes desigualdades que hai nos países de orixe de moitos destes migrantes subsaharianos espertou unha corrente de solidariedade de voluntarios que despregan programas de cooperación internacional no ámbito educativo e formativo, na atención sanitaria, na creación de infraestruturas básicas. Existe tamén un voluntario social que atende ás persoas que teñen máis carencias materiais e colectivos marxinais dentro do país, complementando un espazo de atención que tradicionalmente estaba ocupado por organizacións católicas como Cáritas. O incremento da conciencia ecoloxista entre a cidadanía anima a existencia dun voluntariado ambiental.

Estas son organizacións cívicas (ONGs) que seguen os principios rectores da Carta de Dereitos Humanos e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS). España incorpórase nos anos oitenta á cooperación internacional, máis tarde que os países da súa contorna. En 1991 finaliza o proceso de incorporación de España ao sistema internacional de axuda e cooperación ao desenvolvemento, ao adherirse ao Comité de Axuda ao Desenvolvemento (CAD) da OCDE. Será nesta década dos 90 na que as ONG comezan a participar de forma masiva no ámbito de la cooperación que ata este momento estaba en mans dos gobernos. A aportación do voluntariado na consolidación dos valores democráticos e no desenvolvemento dunha convivencia cívica é un dos máis valiosos dos últimos 30 anos en España.

Xa no śeculo XXI e a raíz da crise financeira do 2008 que poñía fin a un ciclo expansivo de 12 anos da economía española xurden movementos cívicos moi críticos coa clase política dominante (PP e PSOE) e o seu discurso pouco conectado coas necesidades reais da poboación. Unhas cifras elevadas de paro na mocidade que, ademais, padece uns salarios insuficientes para poder conseguir a independencia económica, e os prezos desorbitados da vivenda; unha mala xestión bancaria que se transfire ao Estado ao ter que salvar ás entidades financeiras; unha oposición cidadá á reforma laboral aprobada polo PSOE, o efecto da Primavera Árabe e a publicación do manifesto: “Indignaos!!” de Stéphane Hessel que chama a unha insurrección pacífica contra o sistema anima a moitas persoas a unha concentración na Porta do Sol de Madrid que acaba en acampada dende o 15 de maio de 2011 ata xuño dese mesmo ano, creando un efecto de imitación nas prazas de numerosas cidades españolas en convocatorias impulsadas a través das redes sociais. A raíz do asemblearismo que caracterizaba estas concentracións foron redactándose unha serie de reivindicacións: cambios na lei electoral, cumprimento dos dereitos básicos da Constitución, unha condena da corrupción política, a recuperación da memoria histórica e a creación dunha banca pública. Desa mobilización xurdiron as “mareas”, en defensa dos sectores públicos fronte a unha tendencia crecente á privatización de parte deses servizos, un exemplo foi a plataforma Marea Verde en educación, a plataforma “Stop Deshaucios” , pero sobre todo, a creación dun novo partido político, Podemos, que canalizou a protesta cidadá da rúa ás institucións onde tivo representación.

Esta vaga de indignación contra un sistema político que se ve dominado polos intereses das grandes empresas e da banca, auténticos beneficiados da desrregularización dos mercados e da privatización de servizos públicos, pero que durante a crise foron salvados polo Estado nun proceso de transferenza de débeda privada a débeda pública, entronca cun cuestionamento dos beneficios da globalización e o neoliberalismo. Os movementos antiglobalización, dende finais dos noventa, foron collendo protagonismo ao poñer en cuestión a vitoria sen contestación do capitalismo global e a lexitimidade das institucións mundiais que o impulsaban.