CONTIDOS DAS COMPOSICIÓNS DAS ABAU.Século XIX

Sitio: IES Sánchez Cantón de Pontevedra
Curso: Historia de España 2023-24. Prof. Humberto Martínez Gargamala
Libro: CONTIDOS DAS COMPOSICIÓNS DAS ABAU.Século XIX
Impreso por: Usuario convidado
Data: Domingo, 21 de Xullo de 2024, 13:29

Descrición

Temática sobre o que poden estar baseadas as composicións

 A crise da monarquía absoluta (abdicacións, ocupación napoleónica)

Os efectos da revolución francesa e o conflicto dinástico  de 1808 en España abriron un enfrontamento entre dous modelos políticos e ideolóxicos ben diferenciados, por un lado, o absolutismo e, por outro, o liberalismo. As influencias ideolóxicas da revolución francesa  comezada en 1789 e a invasión napoleónica de 1808 marcaron  o inicio da revolución liberal española que tivo a súa máxima expresión nas Cortes de Cádiz na Constitución de 1812.

A invasión napoleónica, comezada en 1808, foi debida á negativa de Portugal de aceptar o bloqueo continental decretado por Napoléon sobre Inglaterra. O emperador francés planifica entón a conquista de Portugal, pero para iso tiña que contar co apoio de España para acceder a Portugal. Godoy, que era o secretario de Estado de Carlos IV, autorizou o paso  por España das tropas francesas acordando tamén o mutuo reparto de Portugal  e as súas colonias  e a creación dun reiando dos Algarves para Godoy. Este era o contido asinado no Tratado de Fointeneableau en 1807.

A influencia sobre os reis e a acumulación de poder e títulos de Godoy xerou un forte resentimento en Fernando VII , fillo de Carlos IV. Temeroso de verse privado da sucesión na coroa foi aglutinando o descontento dunha facción nobiliar que recibiu o nome do grupo Fernandino. Este partido tiña como obxetivo  desprestixiar o valido e aos reis e conspirar para lograr desprazar a Godoy do goberno e conseguir que Carlos IV abdicase no nome do seu fillo. As súas intencións foron descubertas no Motín do Escorial.

A partir de 1808 comezou o malestar popular debido a entrada e presenza das tropas francesas en España. Cando Godoy comprende que a ocupación de Portugal implica tamén a ocupación de España decide trasladar a familia real a América como xa o fixera a coroa portuguesa, refuxiada en Brasil. Isto provocou que, en marzo de 1808, tivera lugar o Motín de Aranxuez onde grupos de alborotadores contando có apoio de gardas e grupos de nobres defensores de Fernando VII asaltaron  o pazo real e obrigaron a Carlos IV a abdicar no nome do seu fillo, sendo proclamado rei de España.

Tras estes sucesos, Carlos IV  pediu axuda a Napoleón. Coa excusa de mediar nas disputas familiares reuniu a Carlos IV e Fernando VII en Baiona (Francia), logrando que Fernando VII devolvera o trono ao seu pai quen a súa vez entrega os dereitos dinásticas a Napoleón. A cambio, ambos foron recompensados con cuantiosas posesións, rendas e privilexios en Francia.

Despois das Abdicacións de Baiona, Napoleón proclamou como rei de España ao seu irmán Xosé Bonaparte. Para dotar de maior lexitimidade a este acto, Napoleón reúne en Baiona a unha serie de notables españois ( acudiron sesenta e cinco persoas, a maioría nobres) para que enmenden un texto redactado polo propio emperador, o Estatuto de Baiona. O texto foi aprobado o 7 de xullo de 1808. Era unha carta outorgada onde o rei recoñecía certa limitación no exercizo do seu poder, concedía determinados dereitos e establecía unha serie de institucións que en ningún caso desprazarían ao rei do centro de todo o sistema. Era un híbrido conservador e revolucionario como acontecía cos documentos elaborados por Napoléon aos que se lle engadía algún rasgo propiamente hispano ( confesionalidade). 
As Cortes, o Consello de Estado, o Senado e os ministros son meros órganos consultivos do rei. O Senado, cuxos membros eran de elección rexia, vitalicio era o encargado de velar polo cumprimento das liberdades enumeradas na constitución: liberdade de imprenta, liberdades individuais, igualdade contributiva, supresión de privilexios, supresión de fueros, inviolabilidade do domicilio, habeas corpus, prohibición do tormento, garantías procesais, os funcionarios obterán o cargo por mérito e capacidade

As Cortes eran de composición estamental, con carácter deliberativo sobre os proxectos presentados.

Contén os elementos dunha reforma política e social que limita á nobreza e trata de potenciar á burguesía: liberdade de industria e comercio, supresión dos privilexios comerciais, supresión das aduanas interiores, diminución dos morgados.

España sería unha monarquía limitada e hereditaria. O rei está no centro pero debe respectar os dereitos cidadáns proclamados no texto. 

Xosé I tomou diversas iniciativas e reformas (aboliuse a Sta. Inquisición, reducíronse as ordes relixiosas, suprímense os señoríos, emprendeu unha desamortización, deseñouse unha reforma administrativa e territorial)  que non tiveron  a eficacia desexada e provocou un malestar social que desencadenou a denominada Guerra de Independencia (1808-1814). Nesta guerra foron enfrontados, por un lado, os españois que defendían a Xose Bonaparte que recibiron o nome de afrancesados e os que defendían o regreso de Fernando VII onde había absolutistas, pero tamén liberais que aproveitaran a situación para impulsar unha revolución política.

Nesta guerra  a superioridade militar tanto en homes como en armas por parte dos franceses obrigou aos españois a realizar unha guerra de guerrillas axudados por Inglaterra e mandos militares españoles que se rebelan contra o poder establecido por Xosé I.

Tres fases: Unha primeira onde a resistencia española sorprende aos franceses e mesmo obtéñense victorias como a de Bailén o que obrigará a Napoleón a despregar a Grand Armee para controlar o territorio peninsular

Unha segunda fase de dominio francés con algunhas resistencias como os sitios de Zaragoza ou de Girona

Unha terceira fase onde o desprazamento da Grand Armee a Rusia vai ser aproveitado por Inglaterra para iniciar unha contraofensiva dende Portugal que se traducirá nunha serie de victorias contra os franceses ( Ciudad Rodrigo, Arapiles, Vitoria e San Marcial) que obrigaron a estes a ir repregándose ata a fronteira. 

En 1813, polo Tratado de Valencay, Napoléon renuncia e devolve o trono español a Fernando VII quen reinaría ata a súa morte en 1833.  O seu regreso significou a volta aos principios do Antigo Réxime e o absolutismo monárquico e a derrogación da obra lexislativa das Cortes de Cádiz. 

Textos de apoio:

El Sr. Rey D. Carlos Quarto se sirvió expedir el real decreto siguiente:

«Como los achaques de que adolezco no me permiten soportar por más tiempo el grave peso del gobierno de mis reinos, y me sea preciso para reparar mi salud gozar en clima más templado de la tranquilidad de la vida privada; he determinado, después de la mas seria deliberación, abdicar mi corona en mi heredero y mi mui caro hijo el Prí­ncipe de Asturias. Por tanto es mi real voluntad que sea reconocido y obedecido como Rei y Señor natural de todos mis reinos y dominios. Y para que este mi real decreto de libre y espontánea abdicación tenga su exacto y debido cumplimiento, lo comunicaréis al consejo y demás a quienes corresponda. Dado en Aranjuez, a 19 de marzo de 1808.- Yo, el Rey.- A don Pedro Cevallos».

Gaceta de Madrid, 25 de marzo de 1808.

Carta de Carlos IV a Napoleón. Marzo, 1808   

 «Señor mi hermano: V. M. sabrá sin duda con pena los sucesos de Aranjuez y sus resultas; y no verá con indiferencia a un rey, que forzado a renunciar la corona, acude a ponerse en los brazos de un grande monarca aliado suyo, subordinándose totalmente a la disposición del único que puede darle su felicidad, la de toda su familia y la de sus fieles vasallos. Yo no he renunciado en favor de mi hijo sino por la fuerza de las circunstancias, […] Yo fui forzado a renunciar; pero asegurado ahora con plena confianza en la magnanimidad y el genio del grande hombre que siempre ha mostrado ser amigo mío, yo he tomado la resolución de conformarme con todo lo que este mismo grande hombre quiera disponer de nosotros y de mi suerte, la de la reina y la del Príncipe de la Paz.     

Dirijo  a V. M. I. y R. una protesta contra los sucesos de Aranjuez y contra mi abdicación. Me entrego y enteramente confío en el corazón y amistad de V. M., con lo cual ruego a Dios que os conserve en su santa y digna guarda. De V. M. I. y R. su muy afecto hermano y amigo. Carlos» 

Abdicacións de Baiona

De Fernando VII en Carlos IV.

Mi venerado padre y señor: Para dar a Vuestra Majestad una prueba de mi amor, de mi obediencia y de mi sumisión, y para acceder a los deseos que Vuestra Majestad me ha manifestado reiteradas veces, renuncio mi corona en favor de Vuestra Majestad, deseando que Vuestra Majestad pueda gozarla por muchos años. Recomiendo a Vuestra Majestad las personas que me han servido desde el 19 de marzo.

De Carlos IV en Napoleón Bonaparte.

Su Majestad el rey Carlos, que no ha tenido en toda su vida otra mira que la felicidad de sus vasallos, constante en la idea de que todos los actos de un soberano deben únicamente dirigirse a este fin […] ha resuelto ceder, como cede por el presente, todos sus derechos al trono de España y de las Indias a Su Majestad el emperador Napoleón, como el único que, en el estado a que han llegado las cosas, puede restablecer el orden; entendiéndose que dicha cesión sólo ha de tener efecto para hacer gozar a sus vasallos de las condiciones siguientes:

1º. La integridad del reino será mantenida: el prí­ncipe que el emperador Napoleón juzgue debe colocar en el trono de España será independiente y los lí­mites de la España no sufrirán alteración alguna.

2º. La religión católica, apostólica y romana será la única en España. No se tolerará en su territorio religión alguna reformada y mucho menos infiel, según el uso establecido actualmente. 

 

  Señores Justicias de los pueblos a quienes se presente este oficio de mí el alcalde de Móstoles.

            Es notorio que los franceses apostados en las cercanías de Madrid y dentro de la corte han tomado la defensa sobre este pueblo capital y las tropas españolas; como españoles es necesario que muramos por el Rey y la patria, armándonos contra unos pérfidos que so color de amistad y alianza nos quieren imponer un pesado yugo, después de haberse apoderado de la augusta persona del Rey; procedamos, pues, a tomar las activas providencias para escarmentar tanta perfidia, acudiendo al socorro de Madrid y demás pueblos y alentándonos, pues no hay fuerzas que prevalezcan contra quien es leal y valiente, como los españoles lo son.

            Dios guarde a V. muchos años. Móstoles, 2 de mayo de 1808. Firmado: Andrés Torrejón. Simón Hernández.

As Cortes de Cádiz e a constitución de 1812

En maio e xuño de 1808, durante a Guerra de Independencia, numerosas vilas e cidades formaron Xuntas Locais de Defensa para enfrontarse ao ocupante francés. De composición moi variada, e controladas na maioría dos casos polas élites dominantes ( militares, clérigos, funcionarios, profesores universitarios, nobres), representan unha nova concepción do poder revolucionaria no senso de non recoñecer a España oficial representada por Xosé I. En cada poboación xurdiu una xunta local. Para maior coordinación aparecen unha xuntas provinciais que a súa vez formaron a Xunta Suprema Central de España e Indias que exerceu o goberno de España ( 35 representantes das xuntas provinciais. Floridablanca a preside). Estas asumen a soberanía entre xullo de 1808 ata xaneiro de 1810 en que delegou o seu poder en mans dun Consello de Rexencia que foi o que convoca as Cortes en Cádiz 

Durante a guerra, xurdiu a necesidade de convocar unas Cortes Xerais e Extraordinarias para lexitimar acción política ante o baleiro de poder, coñecer a vontade do país e implementar reformas. A maioría dos nobres e eclesiásticos trataban de restablecer o sistema político tradicional, pero os liberais eran conscientes da oportunidade presentada para unha transformación política que restrinxira o poder real e establecera una Constitución baseada na soberanía da nación e separación de poderes.

Estas Cortes reuníronse en Cádiz o 24 de setembro de 1810 por ser unha cidade libre do dominio francés e defendida pola armada británica. Predominaron os deputados de clases medias, aínda que tamén tiñan moito protagonismo os eclesiásticos, avogados, militares… sempre divididos ideolóxicamente en liberais e absolutistas.

A elección dos representantes foi por sufraxio universal indirecto en tres niveis: a nivel de parroquia, a nivel de partido do correximento e a nivel provincial. En España naquel momento tiña unha diversidade de niveis territoriais: 11 reinos, 2 principados, 1 señorío, 20 provincias.

Houbo moitas dificultades para que puideran achegarse todos os deputados polo que houbo moitos suplentes gaditanos. Por rexións, Galicia, Cataluña, Valencia estaban moi representadas. A comisión redactora estaba formada por 15 deputados.

Os liberais ( Argüelles, Toreno, Muñoz Torrero) convencen de que a Constitución entronca co pasado e a tradición para poder convencer ao sector realista. Utilizan como argumento a idea de que historicamente en España a monarquía sempre necesitou das Cortes como representación do pobo xunto ao seu rei. A chegada dos Borbóns desnaturalizou esa tradición. Os absolutistas debateron estas ideas.

Estas Cortes promulgaron numerosos decretos nos que se eliminaban as estruturas e os fundamentos xurídicos do Antigo Réxime e se establecía un novo modelo político, administrativo, social e económico baseado nos principios do liberalismo, por iso eran considerados revolucionarios.

  • Declaran a liberdade de imprenta
  • Anulación dos gremios
  • Tímida desamortización.
  • Abolición da Sta. Inquisición
  • Extinción dos señoríos xurisdiccionais. Os territoriais son asimilables ás propiedades agrícolas que son respectadas.
  • Igualdade de dereitos políticos entre os peninsulares e os americanos

Pero esta acción política era obra dunha élite, as masas populares influidas pola Igrexa consideraron estas reformas atentatorias contra a relixión e os costumes tradicionais.

O 19 de marzo de 1812 foi aprobada a primeira constitución española, “A Pepa”. Recollía o espírito e as ideas liberais que establecían un modelo político baseado na soberanía da nación (soberanía popular), a participación da cidadanía a través do sufraxio universal masculino e indirecto e a monarquía como forma de goberno, pero cun poder restrinxido e limitado pola Constitución. Establecíase unha ríxida separación de poderes, no que o poder executivo era exercido polo monarca (xefe de Estado e de Goberno); o poder lexislativo compartido entre as Cortes e o monarca, onde as leis eran elaboradas polas Cortes, pero promulgadas polo monarca, coa posibilidade por parte deste de exercer o dereito de veto suspensivo. As Cortes eran unicamerais para evitar a posible creación dunha cámara aristocrática que truncara os cambios. Reúnense anualmente. O mandato dun deputado dura dous anos e resulta incompatible co cargo de ministro.

Finalmente, o poder xudicial estaba en mans dos tribunais de xustiza coa posibilidade de realizar xuízos con xurado popular para determinados tipo de delitos.

Aparecían, distribuidos ao longo do articulado da constitución, os dereitos e liberdades dos cidadáns, especialmente a liberdade de imprenta e de opinión, a igualdade de todos ante a lei e ante as cargas do Estado sexan estas fiscais (pago proporcional á riqueza) ou militares (servizo militar obrigatorio). Se recoñecia a propiedade individual como un dereito básico garantido polo Estado e para asegurar a orde pública e a defensa das liberdades contémplase un corpo de seguridade, a Milicia Nacional.

Fronte á diversidade administrativa e lexislativa do Antigo Réxime impúxose una lexislación que eliminaba os particularismos dos antigos reinos e os privilexios forais (unitarismo e centralismo político). Ademais, declarábase a España como un Estado confesional católico.

En síntese, trátase dun texto revolucionario no senso de alterar as bases políticas e sociais do Antigo Réxime, pero tamén facía concesións á tradición na declaración do Estado confesional.

Nin a Constitución nin as leis emanadas das Cortes tiveron una aplicación práctica polo estado de guerra no que se vivía. Fernando VII, a súa volta, derrogou a Constitución e a obra lexislativa das Cortes de Cádiz, pero significou un referente e unha inspiración dos textos posteriores.

Para saber máis: https://www.nuevatribuna.es/articulo/historia/cortes-cadiz-y-constitucion-1812/20161206095202134522.html

https://www.congreso.es/cem/const1812

 


 

A restauración de Fernando VII e do absolutismo: as etapas do reinado (delimitación temporal e características principais)

Despois de asinar o Tratado de Valencay, a finais de 1813, Napoléon renuncia ao trono español e entrega a coroa a Fernando VII quen retornou a España en 1814 e reinou ata a súa morte en 1833. Durante este tempo gobernou dunha maneira vingativa, empregando todos os medios para actuar como un monarca absoluto. Enfrontouse aos liberais e anulou o sistema político creado en Cádiz. No seu reinado diferéncianse tres períodos: o Sexenio Absolutista, o Trienio Liberal e a Década Ominosa. 

O Sexenio Absolutista comeza no ano 1814 e remata no 1820. En marzo de 1814 Fernando VII foi recibido en España con grande entusiasmo popular, pero o seu retorno político representou unha volta ao Antigo Réxime. Os liberais esixían que o rei acatase e aprobase os decretos e a Constitución de 1812, pero os absolutistas defendían que o rei debía recuperar a plenitude da súa soberanía e declarar nulas todas as reformas. Así llo pediu un grupo de deputados a través do documento Manifesto dos Persas. O retorno ao absolutismo e ao Antigo Réxime causou unha escasa oposición nas masas populares, que identificaban as reformas liberais como agresións á relixión e aos costumes tradicionais. Ao mesmo tempo, a derrota de Napoleón en 1814 permitiu a restauración do absolutismo en toda Europa.

O goberno de Fernando VII foi ineficaz e corrupto. Volven as ordes relixiosas, a Inquisición, os xesuítas, os décimos, a Mesta, o réxime señorial, cun Estado en bancarrota polos gastos militares 12.000 millóns de reais. A débeda ascende a 14.000 millóns de reais ( 14 veces o orzamento do Estado). Manter o imperio torna unha empresa complicada pola sublevación en América.

Os liberais foron perseguidos e tiveron que recorrer á conspiración e ao pronunciamento, é dicir, ao levantamento de parte do exército que se pronuncia a favor da substitución da monarquía absoluta por unha monarquía liberal inspirada nos principios da Constitución de Cádiz, para poder chegar ao poder. O exército emerxe como un instrumento de cambio político. O exército saído da guerra de independencia é outro, imbuído de liberalismo, descontento polo deficiente abastecemento, polos numerosos guerrilleiros que pasaron a engrosar as súas filas, con moitos oficiais.

O liberalismo aparece entón como unha ideoloxía feble en España: pouca presenza da burguesía, país moi rural, analfabeto e cun poder civil moi feble. 

Moitos dos pronunciamentos fracasaron, pero houbo un que triunfou e deu lugar ao inicio da seguinte etapa do reinado de Fernando VII, o Trienio Liberal. En xaneiro de 1820, o mando das tropas preparadas en Andalucía para ir combater aos independentistas americanos, Rafael Riego, esixiu en Sevilla o restablecemento da Constitución do 12. Ese levantamento foi secundado en Galicia. Ante o triunfo liberal, Fernando VII viuse obrigado a aceptar a Constitución o 10 de marzo de 1820.

O primeiro goberno estaba presidido por Argüelles, o goberno dos presidiarios, por estar formado por persoas que sufriran cárcere polas súas ideas liberais. O lema era liberdade con orde. Restableceron a lexislación aprobada polas Cortes de Cádiz: Constitución, Cortes, eleccións baseadas no sufraxio universal indirecto, Milicia Nacional...Ademáis deron un novo pulo as transformación sociais, económicas e administrativas. Prodúcese a supresión dos señoríos xurisdiccionais, dos morgados, supresión das ordes relixiosas con menos de 25 membros, abolen as aduanas interiores, os monopolios do sal, tabaco. Aparece o primeiro regulamento da Instrucción Pública, o primeiro código penal. O décimo redúcese a metade da súa cuantía

As diferenzas entre os liberais sobre temas como a necesidade ou non de modificar a Constitución, o poder da Coroa, a participación política ou a soberanía da nación, deron lugar á aparición de dúas correntes, os moderados e os exaltados. Esta división liberal favoreceu os intentos absolutistas de restaurar o Antigo Réxime, contando co apoio de Fernando VII, que nunca acatou sinceramente á imposición da Constitución. Nese tempo o rei utilizou o veto suspensivo.

Os partidarios do A. Réxime organízanse en guerrillas contrarrevolucionarias. O exército realista  chega a proclamar unha rexencia na Seo de Urgel que pide unha volta ao absolutismo. Tivo importancia nas áreas máis cercanas de Navarra e Cataluña. Foi derrotada polos exércitos liberais.

 A Década Ominosa absolutista comeza no ano 1823 e remata no 1833. O medo á extensión da revolución por Europa levou á Sta. Alianza a decidir a súa intervención en España para restaurar o goberno absolutista de Fernando VII. A intervención do Cen Mil Fillos de San Luís, tropas francesas ao mando do Duque de Angulema coa axuda dos voluntarios realistas, permitiron unha nova restauración absolutista e unha nova etapa de dura represión contra os liberais. Moitos dos seus lideres e simpatizantes foron perseguidos ou executados. A pesar da persecución, os liberais seguiron conspirando para restablecer as liberdades en España, fracasando nos seus intentos.

Houbo unha depuración no exército e na administración pública. Toda a poboación estivo sometida ao control da policía e dos corpos de Voluntarios Realistas. De novo houbo un regreso do Antigo Réxime, pero a Sta. Inquisición xa non volveu ser restaurada e aparecen os orzamentos anuais, a creación do Consello de Ministros, un servizo de dilixencias, a redacción dun Código de comercio,a  creación da Bolsa de Madrid. Os ultrarrealistas acusaron de pusilánime a Fernando VII e fóronse agrupando arredor do seu irmán Carlos quen, ante a falta de descendencia do monarca, era considerado o futuro herdeiro do trono.

En 1829 Fernando VII casou con María Cristina de Borbón e consegue ter dúas fillas. Antes da súa morte derroga a Lei Sálica a través da Pragmática Sanción para que a súa filla Isabel II puidera gobernar o que dará lugar a un conflito sucesorio e a unha guerra civil.

 

A  construción  do  Estado  liberal  (principios  do  liberalismo  e  diferenzas  entre as distintas familias políticas)

Entre 1808 e 1833 España viviu un proceso histórico caracterizado polo enfrontamento entre dous modelos políticos e ideolóxicos: absolutismo e liberalismo cun dominio do primeiro. A guerra civil aberta en España polo carlismo ante a sucesión de Fernando VII, propicia que o liberalismo finalice co seu ostracismo e se converta no principal apoio da rexente María Cristina de Borbón para garantir que o trono español recaia na súa filla Isabel.  

O liberalismo foi a expresión ideolóxica dos intereses da burguesía, convertida no século XIX, no grupo hexemónico da sociedade debido ao desenvolvemento do comercio e a revolución industrial. O seu dominio social vai parello ao triunfo das revolucións políticas liberais. Defende un novo cocepto do poder e da sociedade baseado na liberdade, igualdade xurídica, limitación da autoridade, división tripartita do poder: executivo (Goberno), lexislativo (Cortes) e xudicial (Tribunais). Defende a participación política dos cidadáns para a elección de representantes nas Cortes ou Parlamento, depósito da soberanía nacional. Todo este sistema político está sustentado no imperio da lei que ten na Constitución a lei suprema fundamental.

O liberalismo non só é filosofía política; en economía defende a propiedade privada individual, considerada como un valor absoluto, a liberdade económica e de empresa baseada na libre iniciativa individual sen intervención do Estado nos asuntos económicos e o libre xogo da oferta e da demanda como mecanismo xerador da riqueza e regulador das actividades económicas.

O liberalismo foi unha ideoloxía revolucionaria que cando chega ao poder pronto se dividirá en dúas correntes en función do criterio de participación política da poboación: o liberalismo doutrinario e o liberalismo democrático.

O liberalismo doutrinario foi a corrente maioritaria en España e Europa ata mediados do século XIX. Xurdiu como reacción ante os excesos revolucionarios e o temor dos grupos económicos poderosos de perder a súa posición hexemónica na sociedade. Os trazos que o definen son: monarquía constitucional, soberanía compartida entre o rei e as Cortes, restricción da participación política (o dereito ao sufraxio debe ser restrinxido, reservado únicamente a aqueles que posúan un determinado poder económico, sufraxio censatario), limitación dos dereitos individuais e catolicismo de Estado.

En España, a posta en práctica do liberalismo doutrinario tamén experimentou unha escisión entre os moderados e os progresistas.

Os moderados asumiron plenamente os principios do liberalismo doutrinario, exerceron máis tempo o poder e contaron coa predilección dos monarcas españois e o apoio dos grupos poderosos da sociedade (antiga nobreza, alta burguesía, militares). Son partidarios dun férreo control do poder municipal por parte do goberno, limitan as liberdades civis, limitan a liberdade de imprenta, os xurados populares e eliminan a Milicia Nacional. Nestes principios inspirouse a reforma constitucional de 1845.

Os progresistas, en cambio, reclamaban a primacía das Cortes sobre o rei, un maior grao de descentralización municipal, unha interpretación máis ampla das liberdades, en especial a de prensa, e unha maior liberdade de culto dentro do estado confesional. Aínda que defendían un sufraxio censatario daban un maior porcentaxe de participación cidadá. Nestes principios inspirouse a constitución de 1837 e a non nata de 1856.

A crecente moderación dos progresistas provocou unha disidencia dos mesmos, xurdiron así os demócratas en 1840. Constituían unha minoría radical, dividida a súa vez entre os partidarios da monarquía e os partidarios da república.

O liberalismo democrático defendía a soberanía popular como principio básico sobre o que debían asentarse todas as institucións políticas, a participación popular  mediante sufraxio universal masculino para maiores de 25 anos, ríxida separación de poderes, unha ampla carta de dereitos e liberdades aos que consideran inalienables e inherentes á naturaleza humana, un goberno como froito da vontade popular, liberdade de cultos e separación da Igrexa e Estado. Nestes principios inspirouse a Constitución de 1869. Unha constitución que inaugura en España a  monarquía parlamentaria, onde rei reina, pero non goberna.

O republicanismo aproveitou o curto reinado de Amadeo de Saboya para proclamar a 1ª República, plantear a discusión do modelo territorial e reivindicarse como o sistema verdadeiramente democrático. 

A Revolución Gloriosa e a constitución de 1869

As prácticas ditatoriais do xeneral Narváez e de González Bravo nos últimos gobernos moderados, estenderon a impopularidade do réxime, entregado ao servizo dunha oligarquía sen escrúpulos, e da raíña Isabel II, firme apoio do moderantismo. Así, no ano 1868, a revolución coñecida como Gloriosa ou Setembrina, protagonizada por todas as forzas opositoras a Isabel II, expulsou os Borbóns do trono de España e abriu a posibilidade de configurar un novo sistema político baseado nos principios do liberalismo democrático e nos intereses das clases medias.

O contexto no que se produce a revolución é de profundo malestar social provocado polas malas colleitas, as dificultades económicas na industria e nas finanzas e o descontento da maioría da sociedade cun sistema político pouco permeable á participación da cidadanía e nada sensible ás novas necesidades dun país que mudara respecto á primeira metade do século. Ese descontento uniu a todos os grupos políticos baixo unha causa común: establecer un goberno provisional que asumise os principios do liberalismo democrático e que convocase eleccións para constituír unhas novas Cortes,coa finalidade de elixir un novo modelo de Estado e redactar unha nova constitución.

A Revolución Gloriosa iniciouse en setembro de 1868 en Cádiz cun pronunciamento das tropas da mariña do almirante Topete e protagonizado tamén por Serrano e Prim. Pouco despois, os sublevados venceron as tropas leais á raíña na batalla de Ponte de Alcolea (Córdoba). En paralelo a este clásico pronunciamento militar, xurdiron numerosas xuntas revolucionarias que reclamaban o sufraxio universal e a liberdade de prensa, ensino e asociación e a abolición dos impostos de consumo e da redención de quintas. Hai pois unha unión de pronunciamento e revolución social.

Tras o exilio de Sabela II a París, formouse un Goberno provisional integrado por unionistas, progresistas e demócratas e presidido por Serrano. O Goberno puxo en marcha numerosas reformas políticas e económicas e convocou Cortes constituíntes elixidas por sufraxio universal.

Estas Cortes elaboraron unha nova Constitución no 1869 que, inspirada nos principios do liberalismo democrático, establecía a soberanía nacional, entendida como popular; a monarquía como forma de goberno; unha clara separación de poderes: o rei, constituído pero non constituínte, exercía o poder executivo e o poder xudicial estaba en mans dos tribunais con xurados; Cortes bicamerais, formadas polo Congreso e o Senado ( o deputados do Congreso serían elixidos por sufraxio universal directo masculino, mentres que o Senado o será por vía indirecta a través de compromisarios); liberdade de cultos; Estado confesional; e dereitos e liberdades amplos, especialmente o dereito de asociación e reunión (nacerá a Federación Rexional Española da Asociación Internacional de Traballadores -FRE da AIT-). Despois da promulgación da Constitución, Serrano foi nomeado rexente provisional mentres se buscaba un novo rei para España, que tiña que ser católico, liberal e contar co apoio das potencias europeas. Finalmente ese rei será Amadeo de Saboya. O asasinato de Prim, que deixa ao monarca sen o seu principal valedor, as dificultades de goberno na coalición, o regreso do problema carlista, a sublevación en Cuba e a falta de colaboración por parte dos sectores tradicionais provocaron que en febreiro de 1873 renunciara o que abriu paso á 1ª República.

Sobre o proceso de derrocamento da raíña: https://historia.nationalgeographic.com.es/a/1868-revolucion-gloriosa_15636

A Primeira República (proxecto de constitución federal e cantonalismo)

Tras a renuncia ao trono de Amadeo I en febreiro de 1873, polas distintas dificultades presentes no seu reinado ( a oposición da Igrexa,dos monárquicos alfonsinos, da falta de entendemento entre progresistas, unionistas e demócratas, o estoupido da terceira guerra carlista, a insurrección en Cuba e  a crecente oposición republicana que, durante este breve reinado, tenta conseguir o apoio popular necesario para instaurar a República), o Congreso e o Senado reúnense en sesión conxunta, formando a Asamblea Nacional, e deciden proclamar o 11 de febreiro de 1873 a República, a pesar de que a composición da mesma era maioritariamente monárquica. A mesma Asamblea Nacional asume todos os poderes e nomea presidente do  poder executivo a Estanislao Figueras, quen exercería de xefe do Estado e do Goberno. A república nacía como un pacto entre o partico Radical e os republicanos federalistas, pero estaba sen definir o tipo de república que habería que instaurar. Existían fortes diferenzas entre os republicanos sobre a organización política da República:

-os unitarios defendían a creación dunha república unitaria.

-os federais gradualistas (dirixidos por Pi i Margall) defendían a idea de que unhas Cortes constituíntes da nación española decidisen o reparto de poderes entre o Estado federal e os Estados que formasen a federación.

-os cantonalistas defendían a configuración dunha federación construída a partir da unión voluntaria dos Cantóns (unidades políticas inferiores que proclamarían a súa soberanía).

 Ante as tensións formadas por estas diferenzas, convocáronse novas eleccións (celebradas por sufraxio universal masculino, para os maiores de 21 anos) para formar unha Asamblea Nacional constituínte. Foron gañadas polos federais que proclamaron a república federal con Pi i Margall como presidente. Consecuentemente, elaborouse un proxecto de Constitución federal, tomando como modelo a constitución de USA.

A 1ª República recén nacida tivo que enfrontarse a varios problemas: O problema da insurrección en Cuba que derivou nunha guerra, a Terceira Guerra Carlista que tivo ao País Vasco e Navarra como escenarios, a conspiración dos alfonsinos que querían o regreso dos Borbóns e o problema cantonal xurdido no verán trala proclamación da república federal que daría lugar á creación de cantóns independentes como o de Cartagena.

Neste contexto de inestabilidade, os gobiernos republicanos emprendieron unha serie de reformas:

  • Supresión do imposto de consumos. Reclamada polas clases máis populares, agravou o déficit de Facienda.

  • Eliminación do sorteo de quintas. Unha medida popular que prexudicou ao Estado fronte á  insurrección carlista.

  • Reducción da idade de voto aos 21 anos

  • Separación da  Igrexa e o Estado

  • Prohibición de empregar aos menores de dez anos en fábricas e minas.

  • Abolición da escravitude en Cuba e Puerto Rico.

Neste período incrementouse a axitación social e política (do que foi partícipe a AIT) e agravouse o movemento cantonalista. A unión e manifestación de ambos provocaron o fracaso de implantar a federación desde arriba e a dimisión de Pi i Margall. Sucédenlle os gobernos de Nicolás Salmerón e Emilio Castelar, apoiados en militares como Pavía e Martínez Campos para rematar co cantonalismo e a guerra carlista. Os federais descontentos con esta situación, deciden escoller un novo presidente no Congreso, pero o impide o xeneral Pavía que disolve a Asamblea Nacional. Ante esta situación de baleiro do poder, o xeneral Serrano asume o poder executivo da República, suspendendo as garantías constitucionais ata rematar con esa situación de forte inestablilidade e convocar Cortes constituíntes. Isto, favorece os intentos de Cánovas del Castillo de restaurar a monarquía na persoa de Afonso de Borbón, quen se presenta como un monarca constitucional e liberal no manifesto de Sandhurst.

Sobre Amadeo de Saboya: https://historia.nationalgeographic.com.es/a/amadeo-i-saboya-rey-desafortunado_15557

Podedes ler tamén este artigo: https://www.nuevatribuna.es/articulo/historia/proclamacion-fin-primera-republica/20190209193013159966.html

A Restauración (sistema canovista, constitución de 1876, o caciquismo e o fraude electoral)

Tras rematar a Primeira República e despois de case un ano do réxime personalista de Serrano van triunfar as ideas de Cánovas del Castillo para devolver a España a un réxime monárquico da man da dinastía dos Borbóns. O Manifesto de Sandhurst, emitido por Alfonso XII, serve de presentación do novo monarca aos españois e as súas intencións políticas. Neste período chamado Restauración Borbónica son coñecidas tres etapas: o reinado de Alfonso XII (1875-85), a rexencia de María Cristina de Habsburgo (1885-1902) e o reinado constitucional de Alfonso XIII (1902-23).

Porén, a volta de Alfonso XII a España vaino facer da forma clásica no s. XIX,a través dun pronunciamento, o protagonizado por Martínez Campos en  decembro de 1874. Este acto disgusta a Cánovas del Castillo que desexaba un regreso dos Borbóns non pola vía do alzamento militar. Alfonso XII  nomeou como presidente do Goberno a Cánovas del Castillo (liberal conservador pero pragmático) que sentou as bases políticas do novo réxime. Este político analizou a estabilidade do modelo político de Gran Bretaña e a propia historia de España para xustificar a recuperación do sistema de dobre confianza entre o rei e a Cortes propio do liberalismo doutrinario. A Coroa representaba a tradición e a unidade española e as Cortes representaban a vontade da nación. 

Segundo as súas ideas a monarquía debía ser constitucional doutrinaria e o Goberno debía contar cunha dobre confianza: a da Coroa e a da Cortes. O Goberno debía ser nomeado pola Coroa pero para desempeñar a súa tarefa tiña que contar coa maioría parlamentaria nas Cortes. Se era necesario, utilizábase a manipulación dos resultados electorais a través da fraude e dos caciques.

Cánovas baseaba a estabilidade no bipartidismo: dous grandes partidos monárquicos (un no Goberno e o outro na oposición) que se alternarían no exercicio do poder. Aplicouse o modelo inglés en España e desta maneira apareceron o Partido Conservador liderado por Cánovas, que incluía os antigos moderados e membros da Unión Liberal, e o Partido Liberal dirixido por Sagasta formado polos progresistas e demócratas. Ademais, consideraba indispensable unha alternancia pacífica de Goberno baseada na quenda de mutuo acordo entre os partidos para evitar o recurso ao pronunciamento. Cando un Goberno tiña dificultades ou sufrira un forte desgaste, a Coroa nomeaba como presidente ao xefe do partido da oposición e a continuación disolvía as Cortes convocando unhas eleccións que necesariamente tiña que gañar o partido do novo Goberno. Utilizábanse redes de influencia do rural co caciquismo para conseguir os votos necesarios no ruralo que levou ao sistema a un proceso contínuo de fraude electoral e falseamento dos procesos electorais. 

Outra idea importante deste sistema era a necesidade de apartar ao exército da vida política e evitar os pronunciamentos. De aí a importancia do acordo na quenda de goberno entre liberais e conservadores para garantir estabilidade  ao sistema. Ese acordo alonxaría a tentación do pronunciamento. Outro piar do seu pensamento político en aras da estabilidade era o de devolverlle á Igrexa o seu prestixio perdido durante o sexenio democrático, principalmente no campo educativo. Por último, era esencial que en materia de dereitos á cidadanía, os partidos do sistema realizaran os avances a partir dun pacto, o que se denominou transaccionismo. 

Cánovas convocou eleccións constituíntes e as novas Cortes, con maioría de deputados do Partido Conservador, aprobaron a Constitución de 1876 que era un híbrido entre a doutrinaria do 45, para as cuestións principais de funcionamento institucional e orgánico, e a do 69, en materia de dereitos. Establecía un réxime oligárquico rexido por unha monarquía constitucional doutrinaria conservadora. A soberanía estaba compartida entre o rei e as Cortes. A Coroa gozaba de prerrogativas xa que nomeaba libremente ao presidente dos ministros, sancionada e promulgaba as leis, tiña dereito de veto, exercía o mando supremo das forzas armadas e dirixía a vida política internacional. Como consecuencia, o rei ademais de reinar tamén goberna. Todos estes poderes debían ser exercidos por ministros responsables ante as Cortes.

As Cortes bicamerais estaban constituídas polo Congreso cuxos membros serían elixidos polos cidadás de acordo cunha lei electoral posterior e o Senado formado por membros vitalicios asignados polo propio rei, por dereito propio ou elixidos polos maiores contribuíntes. As dúas cámaras compartían a iniciativa legal co rei.

Os dereitos e liberdades aparecían recollidos, pero redactados de forma xenérica polo que necesitaba un desenvolvemento en leis posteriores de inferior rango. Isto permitía un tratamento máis restritivo e a necesidade dun consenso entre o partido de goberno e oposición.

Esta Constitución establecía o Catolicismo de Estado aínda que tamén se recoñecía a liberdade de conciencia e de culto.

Para fabricar os resultados e o reparto de escanos, o ministro de Gobernación reúne aos gobernadores civis de cada provincia para proceder a nomear aos candidatos e os escanos que se repartiría cada partido de acordo co papel asignado nesa convocatoria. Deste xeito, o partido do novo goberno tería un amplo dominio dos escanos da cámara. A este proceso denominouselle encadramento. 

Para que este proceso culminara de acordo ao previsto era imprescindible contar coa intervención dos caciques. O estreito control do voto que exercían os caciques, base do sistema, sobre as eleccións períodicas, xerou unha cadea de favores e adhesións persoais que impedía a celebración dunhas eleccións libres, especialmente no ámbito rural. No medio urbano era máis complicado ese control do voto. Todo isto traducíase na existencia de distritos electorais enfeudados onde unhas poucas familias tiñan o dominio político da provincia. Cada cambio de goberno, pactado entre conservadores e liberais, implicaba o relevo de numerosos cargos en todas as escalas da administración do Estado que vivían a costa dese sistema de quenda política.

Este sistema corrupto que utilizaba calquera recurso para falsear os resultados electorais (pucheirazo, resurreción de persoas finadas no censo electoral, ausencias inxustificadas no censo que impedían votar aos que non interesaban, extravíos...) foi criticado duramente polo Rexeneracionismo e pola oposición política ao sistema da quenda (republicanos, socialistas).

Non obstante, neste período, mentres viviron as dúas figuras clave, Cánovas e Sagasta, o sistema foi funcionando xa que rematou co conflito carlista (1876) coa conseguinte anulación dos fueros do País Vasco e o establecemento do cupo vasco; a paz de Zanjón, en 1878, que apagou momentaneamente o conflito cubano; e permitiu avances lexislativos, cando gobernaron os liberais, como a lei de asociacións que legalizaba aos partidos e sindicatos (1888), un novo código civil (1889), a lei que instaura definitivamente o sufraxio universal (1890). A morte prematura do rei non impediu que o sistema seguira funcionando tras o pacto do Pardo entre conservadores e liberais. Porén, a finais do século aumenta considerablemente a conflictividade social e política (atentados anarquistas que se cobran a vida de Cánovas) que, ao sumarlle o desastre do 98, provoca o inicio dunha grave crise na rexencia de María Cristina, minando a credibilidade do sistema e  sumando ao exército nunha crise que o converte de novo nun actor político, pero nunha versión involucionista. Deste modo, en 1902 o trono español pasa a mans de Alfonso XIII e o sistema da Restauración Borbónica comeza a desgastarse de forma notable nos dous primeiros decenios da nova centuria  .

https://www.bne.es/es/blog/blog-bne/cuando-pucheros-servian-urnas

A cuestión nacional no século XIX

No último terzo do século XIX, a imaxe do acontecido noutros lugares de Europa, en España desenvolvéronse os rexionalismos e nacionalismos. Estes movementos, opostos á política centralizadora da Restauración, xurdiron sobre todo en territorios periféricos ( Cataluña, País Vasco e Galicia) dotados de elementos culturais diferenciados sobre os que se foi xerando unha conciencia política a través do pensamento elaborado por intelectuais e eruditos vencellados coa burguesía.

A partir da década de 1880 do s. XIX domina o denominado rexionalismo que non discute a unidade nacional de España nin o seu modelo territorial de Estado, pero que reivindica unha autonomía e un desenvolvemento de institucións propias que, ao non recibir resposta positiva dos gobernos da Restauración, vai radicalizando a súa postura desembocando no s. XX en posturas de tipo nacionalista. O nacionalismo persegue dotar de organización política propia a un territorio sobre o que existe unha identidade de pertenza diferenciado por unha lingua propia, uns costumes, unhas tradicións e unhas figuras xurídicas propias que se foron forxando ao longo da historia. Se o concepto de nación española como suxeito político, que aspira a estar dotado dunhas institucións de goberno propias,  xurde co liberalismo das Cortes de Cádiz; no último terzo do XIX, como consecuencia da influencia do Romanticismo, os territorios periféricos descobren a patria pequena fronte a convulsa construción do Estado- Nación español. A feble nacionalización española, o descontento pola marcha do país, especialmente despois do desastre do 98, a centralización e o unitarismo do réxime da Restauración son factores que explican a formación deste movemento político.  A partir da creación dun relato histórico centrado nun agravio na relación con España (Cataluña na perda dos fueros en 1714, País Vasco na perda dos fueros en 1876 e Galicia no atraso) estes territorios reivindican outro modelo territorial e outra relación con España para poder desenvolverse como país. Defenden as súas comunidades como unhas nacións diferenciadas da española con dereito a dispoñer de soberanía política e goberno propio.

No caso catalán, á altura de 1830 o movemento literario da Renaixença impulsou un proceso de recuperación da cultura e a lingua propias. O paso do catalanismo cultural ó político tería lugar nos anos 80, cunha orientación rexionalista, que aspiraba a lograr un maior autogoberno para Cataluña sen discutir a unidade nacional de España. O primeiro paso foi o de Valentín Almirall, fundador do Centre Catalá que redactou o Memorial de Agravios que presentaron ante o rei Alfonso XII onde se demandaba unha organización rexional e realizábase unha defensa da lingua catalana. A creación da Unión Catalanista en 1891, e as súas demandas de restauración das institucións históricas e traspaso de competencias, suporían un novo paso no proceso de afirmación catalanista. A redacción das Bases de Manresa, un texto que ten vocación de estatuto de autonomía, é a culminación desta etapa. Será a principios do século XX cando adopte unha orientación nacionalista, baixo o impulso de Prat de la Riba e despois do desastre do 98 onde Cataluña sente que o seu futuro político debe desenvolverse de forma propia e que a súa integración en España só lle conduce a un estancamento. En 1901, Prat de la Riba e Cambó funda a Lliga Regionalista, un partido nacionalista de tipo conservador e burgués, que competiu electoralmente con éxito contra os partidos monárquicos do sistema da Restauración e que dominará a escena política catalana ata que a crise de 1917 fíxolle perder influencia en favor dun nacionalismo máis progresista e republicano.

No caso vasco, a evolución foi diferente e estivo marcada por un feito político: a abolición dos fueros en 1876. As protestas levaron a Cánovas a aprobar os Concertos Económicos dous anos mais tarde, recoñecendo a autonomía fiscal das Provincias Vascas. Con todo, a demanda da plena reintegración foral daría lugar a un movemento reivindicativo encabezado por Sabino Arana. O seu ideario identificaba a etnia, o integrismo católico, a lingua vasca, os privilexios vascos e cultura tradicionais como elementos identitarios do territorio que denominou Euskadi. O seu nacionalismo é conservador e historicista ao estilo das correntes dominantes no pensamento nacionalista alemán. Desenvolve un discurso crítico cara o proceso de transformación industrial que experimenta o País Vasco que atrae traballadores de fóra, aos que despectivamente denomina maquetos, e que conduce a unha transformación dos valores xenuínos vascos.  O seu desprezo por todo o español condúceo a unha postura independentista. Para defender a su independencia fundou en 1895 o Partido Nacionalista Vasco, un partido de dereitas,racista e ultracatólico. Para Sabino Arana, o País Vasco corría risco de españolizarse e converterse en un territorio ateo e liberal. En 1898 lograron os seus primeiros éxitos electorais. En 1911 fundaron o sindicato Solidariedade de traballadores Vascos para contrarrestar a influencia do socialismo e anarquismo entre a clase traballadora. A morte do seu fundador conlevou co tempo a unha fractura interna entre unha tendencia posibilista e autonomista fronte a outra independentista e máis radical.

O galeguismo tamén experimentou unha lenta evolución na segunda metade do século XIX. Nunha primeira etapa, iniciada en 1840, o provincialismo de Antolín Faraldo alentaría a progresiva toma de conciencia das particularidades e necesidades de Galicia. Este primeiro movemento acabará nos fusilamentos  de Carral que pon fin ao pronunciamento progresista fracasado en 1846. Chegouse a crear en Santiago unha Xunta Suprema do Goberno de Galicia.  Ese impulso precursor viuse reforzado nos anos 60 polo Rexurdimento, o movemento cultural iniciado por Rosalía de Castro, que aspiraba á revitalización do galego como lingua literaria. Con todo, será a partir de 1880 cando xurda o rexionalismo, defensor do dereito á autonomía política, e que tivo como figuras mais destacadas o liberal Manuel Martínez Murguía e o conservador Alfredo Brañas. O galeguismo, no século XIX, foi un movemento obra de intelectuais e profesores de universidade e non tivo o respaldo de amplas capas da poboación ata ben entrado o século XX. Parte dunha reflexión sobre o atraso de Galicia e o esquecemento do Goberno central sobre as necesidades deste territorio.

Murguía define os criterios que fan de Galicia un territorio con dereito a unha autonomía política mentres que  Brañas defendeu a idea da dobre patria e avogou pola creación de institucións de goberno propias para as rexións que así o pediran. Para Brañas era o catolicismo un dos trazos definitorios da alma galega e o corporativismo social e gremial a base das institucións políticas rexionais.

Neste tempo foron fundándose xornais en galego e as primeiras organizacións galeguistas ( Asociación Rexional Galega, a Liga Galega)  así como a creación da Real Academia Galega da Lingua.

Non será ata 1916 coa creación das Irmandades da Fala en que o rexionalismo torne a unha postura nacionalista

 

 A reforma agraria liberal: as desamortizacións (obxectivos e resultados)

No Antigo Réxime diversas normas, leis e prácticas cotiás condicionaban e limitaban a producción agrícola e a propiedade da terra. Sobre a terra existía unha propiedade compartida onde o dereito eminente  era ostentado polos titulares dos dominios ( os señores: nobreza, clero ) e un dereito de uso que era exercido polo campesiñado, quen carecendo do dominio pleno da terra debía pagar un canon ou renda aos señores. O patrimonio nobiliar estaba protexido pola figura xurídica do morgado, mentres que a igrexa posuía os denominados bens de mans mortas (doazóns que persoas falecidas entregaban á Igrexa) que non podían ser comprados nin enaxenados. Por eso a burguesía liberal consideraba imprescindible realizar unha reforma agraria para liberalizar a terra, convertela nunha mercadoría que se puidera comprar e vender e introducir criterios de eficiencia económica e capitalismo agrario. A medida máis importante desta reforma agraria que afectaba ao concepto da propiedade da terra herdado do Antigo Réxime foi a desamortización.

A desamortización é un proceso de confiscación de bens e terras pertencentes ao Clero ou os bens propios pertencentes aos concellos coa intención de poñelas en venta en puxa pública e aumentar os ingresos do Estado co fin de solventar os problemas do endebedamento público do Estado.

A primeira desamortización levouse a cabo durante o Goberno de Godoy en 1798 por motivo das dificultades facendísticas provocadas polas constantes guerras contra Inglaterra. Esta medida afectou aos bens pertencentes aos xesuitas, casas de benefiencia e obras pías. Durante a revolución liberal as Cortes de Cádiz promulgaron diversas desamortizacións polo que o Estado poñía en venda os bens do afrancesados, ordes militares e os bens dos mosteiros de menos de 12 membros, así como parte das terras pertencentes á Coroa. A chegada de Fernando VII significou a paralización e devolución dos bens desamortizados. O breve período do Trienio Liberal volveu a activar o proceso desamortizador, pero volveu ser paralizado polo absolutismo posterior.

A necesidade de solucionar os problemas facendísticos do Estado, recadar diñeiro para financiar a guerra que a rexente Mª Cristina estaba librando en contra o Carlismo,nos anos trinta, ampliar a base de apoios ao liberalismo e á causa isabelina e desmantelar o poder económico da Igrexa deu lugar á desamortización eclesiástica de Mendizabal no 1836 que afectou ao clero regular. Esta medida viu precedida dun decreto sobre a supresión dos mosteiros en 1835. 

No 1841 foi levada a cabo a desamortización de Espartero sobre os bens do clero secular, completando así o proceso de confiscación dos bens eclesiásticos iniciada por Mendizabal. O seu obxectivo era de carácter fiscal, recadar fondos para Facenda.

A chegada dos liberais moderados paralizan o proceso desamortizador sobre a Igrexa e asinan un Concordato coa Sta. Sede en 1851 polo que a Igrexa acata a perda do patrimonio posto en puxa pública para non xerar inseguridade xurídica nos novos propietarios, pero a cambio o Estado debe manter o culto e o clero español.

Por último, en 1855 tivo lugar a desamortización de Madoz, que, ademáis de rematar a desamortización eclesiástica (bens das ordes militares), iniciou a desamortización civil. O obxectivo era recaudar fondos para financiar a construción do ferrocarril. Esta desamortización afectaba aos bens de propios e terras baldías dos concellos. Este proceso xerou un gran impacto no mundo rural xa que os campesiños sen terras, os máis afectados por esta medida polo uso que facían dos predios comunais para cultivar o alimentar ao gando a cambio do pago dun canon ao concello, non tiñan diñeiro para adquirir esas terras postas en puxa pública e acababan convertidos en xornaleiros para os novos donos das terras, maiormente a nobreza. Ademais os concellos, ao perder esa fonte ingresos empobreceron o seu servizo asistencial en aspectos básicos como a educación primaria. Esta desamortización ampliou a superficie cultivada ao transformar os pastos e os montes en terras de cultivo.

Facendo un balance deste proceso podemos dicir que a desamortización supón a desaparición das fórmulas xurídicas do Antigo Réxime que protexían os patrimonios dos estamentos privilexiados e significa a liberalización do mercado de terras do que se beneficiou a propia nobreza e a burguesía, quen consideraba un valor empregar as súas rendas na adquisición de terras en lugar de dirixilas cara sectores que en Europa despuntaban como era o industrial. Ese trasvase de terras do clero a mans da nobreza e burguesía non mudou dun xeito significativo o campo español porque este cambio de propiedade non viña compañado dunha modernización dos sistemas de cultivo. O vello obxectivo dos informes do ilustrados de xerar unha nova clase de propietarios agrícolas máis vencellados co traballo da terra non tivo lugar ante a imposibilidade do campesiñado de adquirir as terras confiscadas polo Estado. A maior parte da poboación, que en España eran campesiña, seguiu sen poder adquisitivo o que limitou moito o dinamismo do mercado interior e ademais agravou a condición social do campesiño sen terras e empobreceu os ingresos dos concellos. Con esta medida o réxime liberal consolidouse.

En Galicia, polo mantemento do sistema foral,o que se saca a puxa pública son as rendas forais o que provoca que non se altere o sistema agrario tradicional ata o ano 1926 coa lei de redención de foros.

Os principais sectores industriais e o papel do ferrocarril

O desenvolvemento industrial en España presenta fortes desequilibirios rexionais, convivindo zonas industrializadas e urbanizadas con outras atrasadas e rurais. España experimentou un desenvolvemento industrial tardío e incompleto. Entre os factores que lastraron o despegue industrial están a febleza do mercado interior derivado das baixas rendas campesiñas, a maioría da poboación española; a falta dunha burguesía emprendedora; a carencia de excedente de capital e o emprego deste na compra de terras en lugar de dirixilo ao investimento industrial; a dependencia tecnolóxica e enerxética do exterior e un proceso político convulso pouco propicio para o desenvolvemento económico.

Cataluña constituiu a principal zona industrial de España onde o desenvolvemento téxtil propiciou a diversidade industrial de Cataluña co crecemento doutros secores: metalurxia, química para máis tarde, cara finais do século desenvolver a industria papeleira e editorial así como as relacionadas coa transformación de productos agrarios. Cataluña constituiu o caso máis temperá e completo de industrialización en España. 

Andalucía e Levante teñen en común un inicio temperá industrializador no sector siderúrxico e téxtil que non tivo continuidade, reorientándose cara a potenciación do sector agrario. No caso andaluz, o uso de carbón vexetal para o proceso de fundición dos fornos de Málaga e Marbella encareceu o prezo final do ferro forxado convertindoo en pouco competitivo. 

Asturias e País Vasco tiveron como sector clave na industralización a siderurxia vinculada a explotacións mineiras. No caso asturiano a presenza de carbón, moi protexido polo Estado, daría lugar aos altos fornos de Duro Felguera. Porén o prezo de explotar o carbón asturiano era alto polo que a longo prazo non podía competir do carbón inglés. No caso vasco, a relación con Inglaterra foi clave ao intercambiar o ferro das minas de Somorrostro en Bilbao con carbón galés. Esta relación comercial permitiu potenciar o sector naval. Outro sector que se localiza no Pais Vasco é o relacionado coa metalurxia de transformación e a industria de explosivos. A súa vez a presenza de sectores moi demandantes de capital favoreceu a creación dun sector financiero moi potente ( Banco de Bilabao, Banco de Vizcaya..) 

En Galicia, o panorama industralizador é pobre debido a competencia doutras zonas. O liño, materia téxtil por excelencia, non resistiu a competencia do algodón e foi desaparecendo mentres que a salgadura da pesca deu lugar a unha importante industria conserveira de peixe. Cabe destacar tamén a construcción naval e o desenvolvemento da producción hidroeléctrica aproveitando a abundancia de cursos de auga.

A FORMACIÓN DO MERCADO INTERIOR:

A lexislación liberal aboliu os obtáculos legais contrarios á liberdade de circulación e producción de bens (supresión de aranceis interiores, unificación de pesos e medidas…) e procurou a construcción de mellores vías de comunicación para conseguir un mercado interior cada vez máis integrado.

O FERROCARRIL

A súa introducción en España, símbolo do progreso e modernización, foi tardía. O primeiro ferrocarril inglés adicado a trasporte de viaxeiros funcionou en 1830, en España non o fixo ata 1848, nun pequeño tramo entre Barcelona e Mataró.

A Lei xeral de ferrocarrís de 1855 viu a poñer orde no proceso de adxudicación da construción e explotación dos tramos de vía o que impulsou o investimento cara este sector tanto de capital interior como estranxeiro. A desamortización de Madoz perseguía precisamente a obtención de recursos para financiar a construción deste medio de transporte. Deseñouse un trazado radial desde Madrid ata os puntos extremos da periferia cun ancho de vía maior que o europeo derivado das características orográficas do terreo que aconsellaron esta medida, ocasionando problemas á hora de unilas con trazados europeos, máis estreitos. A construción e explotación das liñas podía ser realizada polo Goberno ou por compañías privadas.

Para facilitar a construción dos ferrocarrís, o Estado concedía vantaxes aos inversores privados e para o seu financiamento contou con tres frontes de recursos: a subvención estatal, o capital dos accionistas e o líquido das obrigacions que emitían as propias compañías ferroviarias. 

Na construcción dos trazados ferrroviarios diferéncianse varias fases:

-          Antes de 1855: só se construían 440 quilómetros de liñas ferroviarias repartidos nas zonas de Barcelona, Madrid e Asturias.

-          1855-1865: construcción, a bo ritmo, das principais vías, gracias ao apoio estatal e aos investimentos extranxeiros (especialmente franceses).

-          1866-1876: paralización da construcción de novas vías porque non se produciron os beneficios esperados, debido ao atraso xeral do país.

-          1877-1895: relanzamento da construcción ferroviaria realizada polas grandes compañías que explotaban as respectivas zonas de concisión do servizo.

-          1896-1936: continuou a tendencia anterior, pero con moita lentitude.

O papel do ferrocarril no desenvolvemento económico de España é obxecto de controversia entre os historiadores. Para uns foi considerable pois, nun país con graves dificultades orográficas, permitiu a comunicación interior e facilitou o transporte de mercadorías. Para outros, os efectos foron inferiores dos que se podían esperar debido á mala política estatal que permitiu a importación de material ferroviario, con grave prexuízo para o desenvolvemento do sector siderúrxico español.

 

 O movemento obreiro (Sexenio Democrático e Restauración)

Na sociedade de clases que se configurou paralelamente á industrialización e ao desenvolvemento capitalista, existiu unha importante conflitividade social que deu orixe ao nacemento de organizacións que loitaron para conseguir melloras salariais e laborais para a clase traballadora. O conxunto destas actividades chámase movemento obreiro.   

Os obreiros formaron asociacións de socorro mutuo xa que por unha lei de 1839 autorizábase aos traballadores a loitar polas melloras salariais e a redución da xornada laboral, como pola regulamentación de traballo e a formación de caixas de resistencia, cooperativas de axudas e montepíos para facer fronte a unha enfermidade, un despido ou unha morte. En 1844, o goberno suprimiu esta lei, ata que no 1887 volveron a legalizarse. 

Na segunda metade do século XIX apareceron novas ideoloxías que tiveron unha fonda repercusión nos movementos sociais: anarquismo e socialismo marxista. O anarquismo defendía a destrución do Estado e calquera tipo de autoridade, a eliminación da propiedade privada e das diferenzas socioeconómicas,a sociedade debía organizarse arredor dunha federación de comunas autónomas onde a autoridade fose substituída por acordos libres entre os seus habitantes, esta transformación debían realizala os propios traballadores. Os socialistas defendían a loita de clases protagonizada polo proletariado, organizado en sindicatos e partidos políticos obreiros para conquistarlle o poder á burguesía e destruír o sistema capitalista impoñendo un período de ditadura do proletariado como paso previo para chegar a unha sociedade igualitaria.

A mediados do século, nun período de crecemento e expansión económica, foi ensanchándose o número de traballadores fabris que reivindicaron o sufraxio universal como medio de participación política. A revolución de setembro de 1868 que deu lugar ao Sexenio democrático foi unha oportunidade para a organización de partidos obreiros para loitar pola mellora da clase obreira ao abeiro da concesión do dereito de reunión e asociación. No 1864 fundouse a Asociación Internacional de Traballadores, tamén coñecida como I Internacional, co obxectivo de potenciar a unión e a loita dos traballadores pola súa emancipación en todo o mundo. No 1870 en Barcelona fundouse a Federación Rexional Española, organización federativa constituída por distintas seccións obreiras e integrada na AIT. No seno da sección española púxose de manifesto as diferenzas entre anarquistas e socialistas

O anarquismo caracterizouse pola súa división: uns defendían os principios colectivistas e antiautoritarios e crearon a Federación de Traballadores da Rexión Española, transformada posteriormente en Federación de Resistencia ao  Capital. Entre as federacións locais destacou a Solidariedade Obreira e, despois da Semana Tráxica de Barcelona (1909), creouse a Confederación Nacional do Traballo (CNT). Pola actitude dalgúns membros desta os máis radicais fundaron, en 1927,a Federación Anarquista Ibérica (FAI).  Outros, en cambio, eran máis extremistas e defendían os atentados contra os intereses e os personaxes das clases dominantes, nesta liña de actuación encádrase a organización anarquista secreta da Man Negra.  

Por outra parte, Pablo Iglesias impulsou o Partido Socialista Obreiro Español (1879) e a Unión Xeral de Traballadores (1888). Entre o partido e o sindicato existía unha estreita interdependecia, pero ambas contribuíron na fundación da Segunda Internacional en París, a cal declarou o Primeiro de Maio como día da clase obreira. No 1919 fundouse a III Internacional Comunista. Isto produciu un intenso debate sobre si seguir o modelo soviético. Unha parte dos socialistas separáronse e formaron o Partido Comunista de España, pola fusión do Partido Comunista Español e o Partido Comunista Obreiro Español ( 1921)

Creáronse sociedades obreiras desde unha óptica cristiá co fin de contrarrestar o avance do anarquismo e socialismo. Destacaron o Sindicato Católico dos Ferroviarios Españois e o Sindicato Católico Obreiro de Mineiros Españois, o Consello de Corporacións Católico-Obreiras e a Federación Nacional de Sindicatos Católicos, que defendían a colaboración de clases e pretendían lograr a concordia social que defendía a Igrexa.

O incremento dos prezos e a escaseza dos produtos ou os impopulares impostos dos consumos orixinaron frecuentes motíns espontáneos contra os responsables. Ante esta situación, a actitude do Estado variou dependendo de quen gobernase. En principio apréciase unha postura negativa, pero despois parecen máis tolerantes, recoñecendo unha serie de dereitos aos traballadores. Aínda así sempre houbo unha forte vixilancia e non dubidaron en empregar a forza, mediante a Garda Civil e o exército, para sufocar os levantamentos, sobre todo no Primeiro de Maio.

No inicio do s. XX aparecerá, con Silvela, o Instituto de Reformas Sociais que elabora informes da situación laboral e condicións de traballo da clase obreira coa intención de desenvolver unha lexislación de tipo laboral e de seguridade no traballo. Este intervencionismo en materia laboral non era ben vista pola patronal. Conseguiu promover leis  que regularon o descanso dominical, a protección do traballo infantil e feminino en determinadas industrias ou a creación de organismos fundamentais como a Inspección de Traballo, o Instituto Nacional de Previsión (1908),orixe do que logo será a Seguridade Social, os Tribunais Industriais ou o Retiro Obreiro, entre outras realizacións. En 1909 se regula o dereito de folga e en 1919 apróbase a xornada laboral de 8 horas.

 

12. A evolución da sociedade no século XIX (con especial atención á situación da muller).

As revolucións liberais provocaron profundas transformacións na estrutura social herdada do Antigo Réxime. A sociedade española fixo o tránsito dunha de tipo estamental, típica do Antigo Réxime, a outra baseada no mérito e na riqueza, o que se denomina a sociedade de clases, impulsada polos cambios políticos e xurídicos propiciados pola burguesía. Non cabe dúbida de que o s. XIX é o século do ascenso da burguesía, grupo social que acadará a hexemonía social e que imporá o liberalismo como novo sistema. Porén esta transición foi lenta polas dificultades existentes á hora de implantar un Estado de tipo liberal.

A nivel demográfico, España seguiu ancorada nun comportamento propio dun réxime demográfico antigo, con altas taxas de natalidade e mortalidade con episodios de sobremortalidade polas malas colleitas ( cada decenio hai unha), epidemias ( especialmente do cólera) ou guerras que converten o crecemento natural en negativo e fan retroceder a cantidade de poboación. España, ao longo so século XIX, pasa duns 10 a uns 19 millóns de habitantes o que demostra que é un crecemento lento. A caída das taxas de mortalidade, especialmente a mortalidade infantil, non vai experimentarse en España ata o comezo do s. XX.

A poboación concéntrase na periferia polo seu maior dinamismo económico e, a partir de mediados de século, comeza unha tendencia de migración do campo á cidade, vencellado ao proceso industrializador, que fai medrar a poboación urbana, se ben, a maioría da poboación segue a residir no campo. Barcelona, polo seu dinamismo industrial, atrae a moitos migrantes. En calquera caso, falamos de cidades pequenas que medran ao calor dos servizos administrativos, educativos ou militares. Madrid, a capital do Estado, ten menos de medio millón de habitantes.  A mediados do século, comeza o urbanismo: os ensanches ( o mellor exemplo, o de Barcelona de Ildefonso Cerdá).

A nivel social, España segue a ser unha sociedade de campesiños ( un 60% da poboación) pola feble e tardía industrialización española. Aínda que se implante un Estado liberal, onde todos os cidadáns son iguais ante a lei, a antiga nobreza segue mantendo o seu prestixio social e posúe as grandes propiedades agrícolas. Agora son moitas as familias nobres que entroncan con familias burguesas para poder manter os seus patrimonios. A burguesía dos negocios fortalécese e busca a posesión das terras desamortizadas para imitar á nobreza e, a través da vía matrimonial, mesmo ingresar nunha liñaxe nobiliar. A revolución liberal e o proceso desamortizador selan unha alianza entre a antiga aristocracia e a burguesía.

A antiga nobreza perde os dereitos señoriais (privilexios fiscais e xudiciais) pero se adapta a nova situación xa que conservan a titularidade do seu patrimonio, o cal a converte en grandes propietarios en moitos casos, como unha sorte de burguesía (como o caso da fidalguía rendista predominante en Galicia).

O clero, sen embargo, sufriu máis cos cambios. Perde patrimonio coas desamortizacións e tamén os seus privilexios e decrece en número. A súa resposta adaptativa foi pregarse a posturas moi conservadoras e tradicionalistas (carlismo) e tratar de manter a súa influencia nunha sociedade que, lembremos, era eminentemente católica e, polo tanto, sobre a que exercía unha grande influencia. Debemos lembrar como no Concordato de 1851 consegue o monopolio do ensino e da censura, así como unha forte financiación por parte do Estado. Peor o pasaría durante o Sexenio Democrático, coa liberdade de cultos, feito que explica o seu labor en prol da súa caída e a súa alianza co sistema oligárquico da Restauración borbónica.

A clase social dirixente está formada polas familias da antiga aristocracia, presentes no Senado, no corpo diplomático e nos mandos do exército, e a alta burguesía (banqueiros, inversores, industriais, ricos comerciantes, promotores inmobiliarios, propietarios de minas), convertida na nova clase dirixente que protagoniza a política ou son altos funcionarios do Estado. A propia monarquía a través dun proceso de concesión de títulos nobiliarios a destacados homes de negocios, militares ou banqueiros, unifica o bloque do poder.

Estamos ante unha sociedade máis aberta que posibilita o ascenso social, se ben, os cambios de mentalidade foron a un ritmo lento. A carreira militar, os negocios e o matrimonio foron a vía de ascenso social para unha minoría.

A burguesía, motor das revolucións liberais, estaba integrada principalmente por comerciantes, financeiros, industriais, profesionais liberais e clases propietarias en xeral. En España, nun principio non era moi numerosa o que a levou a ter un espírito pouco emprendedor tendente a imitar as formas de vida da nobreza salvo en casos entre os que destacan a burguesía catalá e vasca, tremendamente activa no desenvolvemento industrial e financeiro.

As clases medias van ir medrando en número e en importancia política e social a medida que transcorre o século e producíase o desenvolvemento urbano. Moitas veces excluídas do sistema político oligárquico estes grupos tiveron unha tendencia a introducir reformas progresistas que actuaron como oposición dos réximes oligárquicos en diferentes momentos da historia de España.

Funcionarios, militares, profesión liberais (médicos, veterinarios, boticarios, avogados…) propietarios agrícolas, pequenos industriais, comerciantes, artesáns, profesores de instituto levan unha vida acomodada, pero un tanto fráxil, moi dependente dos vaivéns da economía ou, como no caso dos funcionarios, dos cambios políticos, especialmente na etapa da Restauración. Moi significativo desta precariedade salarial é o caso dos mestres de escola aos que se lle permitía que complementaran os seus ingresos con outros oficios. No ámbito rural, o mestre o sacerdote, o médico o boticario ou o veterinario sumados aos propietarios agrícolas beneficiados pola desamortización constitúen as forzas vivas dos pobos e vilas. No ámbito urbano o colectivo máis numeroso é o dos comerciantes e os pequenos industriais.

Na parta baixa da escala social están os pequenos propietarios agrícolas (dominantes na parte norte do país e vítimas de créditos usureiros), os criados (servizo doméstico, pastores e capataces) e os xornaleiros (moi numerosos nos latifundios da metade sur do país están caracterizados polos baixos ingresos, os horarios de sol a sol e o paro estacional, agudizado polas desamortizacións, especialmente a de Madoz que deixa sen terras comunais aos campesiños, constituíndo un problema social). No medio rural poden localizarse algunhas fábricas (elaboración de fariñas, chocolates, pastas, queixos, téxtiles) e minas que dan lugar a un pequeno proletariado.

No ámbito urbano podemos atoparnos co servizo doméstico (dominado polas mulleres: lavandeiras, amas de cría, costureiras,...que reciben a cambio aloxamento, alimentación e vestido),  mozos de comercio (moitas son mulleres)  e tendeiros e oficios artesanais ( zapateiros, carpinteiros). A industria e a construción dan lugar á aparición do proletariado que sofre longas xornadas de traballo, baixos salarios e pésimas condicións de vida o que irá conformando unha conciencia de clase que oscilará das demandas reformistas á adopción de opcións políticas revolucionarias. A relación entre as clases medias e o proletariado é ambivalente: as veces de colaboración para loitar contra a opresión da oligarquía e noutras ocasións de distanciamento e mesmo de enfrontamento cando as clases medias necesiten frear as reivindicacións revolucionarias do movemento obreiro.

Por debaixo destes colectivos están os pobres e os marxinados. O labor asistencial estaría en mans dos Concellos e Deputacións que crean asilos, hospicios e hospitais para os dementes ao que se une a acción caritativa do clero.

Os espazos de sociabilidade eran moi variados: As parolas tiñan lugar nos domicilios das clases altas ou nos cafés, mentres que as clases baixas tiñan ese espazo de sociabilidade nas tabernas ou nos lavadoiros e as fontes. Outros espazos eran os parques e alamedas (lugares de encontro e escaparate social) onde o paseo estaba segregado por clases sociais. Os balnearios e hoteis de veraneo na costa eran lugares para os círculos máis exclusivos. Os espectáculos taurinos e lúdico deportivos ( boxeo, esgrima, xogo da pelota...) acadaron unha grande popularidade. Proliferan os teatros onde a maiores das pezas teatrais aparecen representacións de ópera e zarzuela. A un nivel de sociabilidade máis formal é a época na que se fundan os casinos e as sociedades artístico- recreativas (círculos e ateneos).

A muller no s. XIX

Mención aparte merece o papel da muller, sen apenas transformacións substantivas na súa situación herdada da modernidade. Seguía tendo un papel fundamental pero que a sociedade, que seguía a ser patriarcal, relegaba a un segundo plano. Cargaban co peso da educación familiar e das economías domésticas pero as oportunidades e os dereitos das mulleres estaban moi limitados sendo consideradas inferiores aos homes, estando sometidas á autoridade dos pais ou dos maridos. O seu rol social básico era o do ámbito doméstico (crianza dos fillos e mantemento do fogar) ou de coidadoras, fundamental para que outras actividades reservadas aos homes puideran desenvolverse. Incluso as transformacións liberais non remataron con esa discriminación que era en varios eidos: pola súa condición de muller era considerada biolóxicamente inferior aos homes; unha discriminación xurídica nos Código penal, Civil e de Comercio estando totalmente sometida á autoridade do home, non tendo autonomía nas accións legais e comerciais; unha discriminación política xa que nunca tivo dereito a voto (ata a II República) e teremos que esperar ata 1918 para ter a primeira asociación feminista en España (Asociación Nacional de mulleres Españolas); unha clara discriminación laboral xa que os salarios oscilaban entre un 30 e un 60 por cento menos cos dos homes e as súas xornadas eran frecuentemente máis longas. Iso no caso das mulleres proletarias xa que a incorporación da muller a outros tipos de traballos (de oficina ou mestras) foi moi lenta e de modo parcial.

A capacidade de acceso ao ensino da muller era moi limitada, máis nas clases altas e nas clases medias e nula nas clases baixas. Entendida esta como clave para mellora situación da muller houbo centrou moitos dos discursos a prol dos dereitos da muller no século XIX, onde destacan as figuras de Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal. A Institución Libre de Enseñanza, inspirada no krausismo tamén se sumou a esta iniciativa de expandir o ensino entre as mulleres, creando en 1874 a Asociación por la Enseñanza de la Mujer. Pero como dixemos antes, teremos que agardar ata o s. XX para ver ao feminismo coller músculo e conseguir as súas primeiras reivindicacións. Non esquezamos que moitos dos movementos que reclamaban os dereitos da muller tamén proviñan do movemento obreiro. Os sectores tradicionais  opuxéronse na súa maioría a calquera cambio a favor dos dereitos da muller.

A modo de conclusión podemos afirmar que se ben é certo que a igualdade xurídica introducida polo liberalismo e a burguesía, protagonista do s. XIX, é clave para conseguir maiores cotas de igualdade, a desigualdade económica seguía sendo moi forte, e para que a igualdade xurídica alcanzase á muller teremos que superar o s. XIX e adentrarnos no XX e XXI nunha loita que aínda conti