3. As estrofas

3.1. Estrofas de 4 versos

Cuarteto.- Catro verso de arte maior con rima abrazada: A(BB)A

Que quererás de min, meu novo outono,

si xa todo cho din na última entrega;

si xa fixen balance e soio anega

tristeza ó corazón en abandono.

(Arcadio López Casanova)

Serventesio.- Catro versos de arte maior con rima encadeada: ABAB

Esa celeste música que vos reagala a orella,

que vos gorenta a alma e arrula o corazón

évos, trocada en moza, unha alborada vella

que ten catro mil anos ou máis de tradición.

(Manuel Curros Enríquez)

Cuarteto-lira.- Catro versos endecasílabos e heptasílabos con rima e combinación variable.

Como acendida lámpada en estreito

pechado camarín

así no santuario do meu peito

arde unha lus sin fin”.

(Manuel Curros Enríquez)

Redondilla.- Catro versos de arte menor con rima abrazada: abba

Galicia! Nai e Señora,

sempre garimosa e forte;

preto e lonxe; onte, agora

mañán... na vida e na morte!

(Ramón Cabanillas)

Cuarteta.- Catro versos de arte menor con rima consonante encadeada: abab

Sin a seiva nutricia

esmorecen as gallas.

Arbre antigo, Galicia,

fendérono as machadas

(Celso Emilio Ferreiro)

Cuarteta asonantada ou tirana.- Catro versos de arte menor con rima asonante encadeada: abab

Alá van nosos mociós

pasar as penas da sega,

da sega, onde se asan vivos

sen probar a auguiña fresca.

(Manuel Leiras Pulpeiro)

Copla.- Estrofa de catro versos de arte menor na que quedan libres os versos impares e riman os pares (normalmente en asonante): - a – a

A virxe de Guadalupe

cando vai pola ribeira

descalciña pola area

parece unha rianxeira.