Plan Proxecta 2018/2019, Plan Proxecta 2019/2020, Plan Proxecta 2020/2021, Plan Proxecta 2021/2022, Plan Proxecta 2023/2024, Proxecto deportivo de centro, Cóntame un conto, Meteoescolas, Educación patrimonial, Paisaxe e sustentabilidade, Por 365 días de igualdade, Proxecto ríos
Alumnos de 4º ESO gañan o 1º Premio autonómico do concurso sobre Consumo responsable do Proxecto Consumópolis
Os titores de 4ºESO estiveron desenrolando, nas sesións de titoría co alumnado, o Proxecta que leva por nome Consumópolis. Trátase dun concurso escolar sobre consumo responsable e de calidade de vida, que este ano leva por lema: "Pola túa seguridade sabes o que consomes?"
O concurso consta de dúas partes: Un percorrido pola cidade virtual de Consumópolis e o deseño, elaboración e exposición dun traballo sobre consumo responsable. Este traballo consistiu na creación dun prototipo ou maqueta dun produto novidoso e orixinal. O noso centro participou cun total de cinco maquetas.
Alégranos dar a boa nova de que un equipo composto por alumnado do noso centro e autores do traballo "BOLSA REUTILIZABLE MULTIUSOS" foron os gañadores do 1º premio a nivel autonómico na categoría C 3º e 4º curso de ESO.
Como ben indica o título do produto gañador, e se pode ver nas fotos, elaboraron unha bolsa reutilizable a partir de materiais reciclados como papel de periódico.
O vindeiro venres 14 de xuño iremos á entrega de premios a Santiago de Compostela.
Noraboa ó alumnado e profesorado responsable do proxecto..
"Patrimonio etnográfico da Ribeira Sacra
Os alumnos de 3ºESO participaron (dentro dun dos Plan Proxecta que se levan a cabo no noso centro) na actividade: "Patrimonio etnográfico da Ribeira Sacra" realizada o 25 de abril e guiada por Mar Bóveda (especialista na posta en valor, divulgación e didáctica do patrimonio cultural).
A saída consistiu nun itinerario didáctico ás zoas ribeirás próximas a Monforte, incluíndo o encoro de Belesar e o Museo etnográfico do pazo de Arxeriz, onde aprenderon a importancia de coñecer e conservar o patrimonio cultural da nosa comarca.
Obra de teatro "Golpes"
O 10 de abril levouse a cabo a representación do espectáculo "Golpes" por parte da compañía de teatro Aantena para o alumnado de 1º e 2º ESO e PMAR.
O espectáculo forma parte do programa "Por 365 días de respecto e igualdade" do Plan Proxecta.
Golpes busca que os espectadores identifiquen os índices sociais de desigualdade latente entre homes e mulleres así como as diferentes formas e caras da violencia de xénero.
Á represemtación acudiron tanto o noso Inspector de educación, Íñigo Barreiro, como a Secretaria Xeral de Igualdade Susana López Abella.
Ao finalizar, tanto eles como o noso Director e a protagonista da obra reflexionaron cos estudiantes sobre a trama e as situacións semellante que acontecen na vida real.
Aquí vos deixamos unhas fotos do acontecido e un enlace para que saibades máis tamén sobre a actriz Estíbaliz Veiga.
A linguaxe nas relacións humanas "Por 365 días de respecto e igualdade".
Dentro do programa "Por 365 días de respecto e igualdade" do Plan Proxecta, as profesoras Sonia Sánchez e Carmen Quiroga estiveron traballando a importancia da linguaxe nas relacións humanas, sobre todo nas relacións de parella. Para iso empregaron a imaxe da autora Pirusa na que analizaron as frases despectivas empregadas para substituílas por outras positivas.
Nas fotos anteriores resúmese a actividade realizada en 2 e 3 de PMAR.
Palabras de muller na Casa-Museo Manuel María
Catro alumnas do IES Río Cabe encheron de cor a chuviosa tarde do pasado sábado 6 de abril participando na fase final do concurso “Rosalía sempre viva” celebrado na Casa- Museo Manuel María en Outeiro de Rei, porque como ben dixo Leonardo Da Vinci “a pintura é poesía muda; a poesía pintura cega”.
As alumnas participantes foron seleccionadas no concurso “Poetízate no IES Río Cabe” que se celebrou para conmemorar o Día da Poesía o 21 de marzo. Así, África Coba Albo recitou “Quixente tanto meniña”, Zeltia Pérez Barrientos púxolle voz a “Negra sombra”, Sandra Rodríguez Macía atreveuse con “Adiós ríos, adiós fontes” e Lucía Rodríguez Abellano interpretou “Meniña, ti a máis fermosa”.
A actividade enmárcase dentro da programación que leva por título “Palabras de muller” que se está desenvolvendo nesta 2ª avaliación dentro do Plan Proxecta Donas de si. Deste xeito, con este recitado no que amosaron as súas escondidas dotes brindamos unha pequeña homenaxe, cargada de moitas horas de memorización e ensaios, a unha das figuras máis representativas da literatura contemporánea.
¡Grazas polo voso entusiasmo e esforzo, xa que nos demostrastes que a poesía estará sempre viva!
Obradoiro e explicación da Exposición "Cartas de amor"
Como xa sinalamos nunha entrada anterior, o pasado 26 de marzo acudiu ó centro Laura Vilaboy Romero (educadora social) para traballar co alumnado de PMAR a partires da Exposición "Cartas de amor".
Aquí están os alumnos reflexionando con Laura.
A actividade enmarcase no Plan Proxecto dentro do Programa "Por 365 días de respecto e igualdade"
PERFORMANCE E EXPOSICIÓN DE FOTOS DA ASOCIACIÓN ACADAR
O 22 de marzo foi presentada no noso centro A guía Violencia Sexual cara ás nenas e mulleres con discapacidade, editada pola Asociación Acadar (Asociación de mulleres con discapacidade de Galicia); está financiamda pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e polo Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad.
A actividade enmárcase dentro do programa Por 365 días de Respecto e Igualdade no que o noso centro participa nun dos Plan Proxecta.
Presentou a proposta a presidenta da Asociación, Nónica Álvarez San Primitivo, e posteriormente o alumnado de 4º ESO asistiu á performance a cargo da artista Mónica Mura. Tamén se acompañou a presentación cunha exposición de fotos que podedes ver nas imaxes.
Con esta actividade pretendeuse concienciar ó alumnado sobre a necesidade de defender os dereitos das mulleres con discapacidade e os abusos e violencia oculta que moitas veces sofren. Foi un modo de facer reflexionar sobre unhas simbólicas imaxes fotográficas que tamén se puideron visualizar por medio da performance, que mantivo a atención e o silencio do público asistente en todo momento.
"POETÍZATE NO RÍO CABE"
Hoxe a poesía inundou o noso instituto
EXPOSICIÓN "CARTAS DE AMOR"
Dende o pasado 13 de marzo ata o 31 contamos no noso centro coa exposición gráfica de ilustracións de diversos artistas sobre a violencia de xénero e a mocidade. Forman parte do Programa "Por 365 días de respecto e igualdade" do Plan Proxecta.
Unha exposición que merece a pena visiitar.
O vindeiro día 26 acudirá ó centro a educadora social Laura Vilaboy para impartir un obradoiro co alumnado de 2º PMAR a partires de ditas ilustracións.
Parlamento Xove 2019 - Bacharelato
Un equipo de alumnado de 1º BAC do IES Río Cabe acadou a terceira posición na fase clasificatoria da "X Edición do Parlamento Xove", que se acaba de celebrar esta fin de semana na localidade de Culleredo (A Coruña).
O equipo formado polos alumnos Jorge García Vázquez, Juan Pontón Rodríguez, María Quiroga Álvarez e Ánxela Romero González, logrou gañar os tres debates nos que participou e agora acudirán a Santiago de Compostela para participar na final desta competición na sede do Parlamento de Galicia durante unha fin de semana do mes de maio.
É de destacar que 3 destes alumnos, Jorge García, María Quiroga e Ánxela Romero, xa chegaron o ano pasado á final desta competición na modalidade de alumnado de ESO representando ao Colexio Padres Escolapios de Monforte e foi a súa profesora en 4º de ESO, Rosa González Roca, a que lles meteu "o gusanillo" de debater con outras persoas no corpo, os acompañou como coordinadora á final da IX edición e lograron rematar a mesma na segunda posición.
"Parlamento Xove" trátase dunha competición na que os diversos equipos inscritos investigan, escriben e debaten acerca dun tema, que na presente edición foi o de: "Deberiamos unificar as políticas de acollida de persoas refuxiadas en todos os estados membros da Unión europea?".
Podedes ver a clasificación na seguinte imaxe ou na páxina web do Parlamento Xove:
Por último, facendo click na seguinte imaxe accédese a unha pequena galería de fotografías:
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- seguinte ›
- última »