Visita Escolapios e Planetario

A nosa excursión do mércores 29 de xaneiro comezou no Colexio de Nosa Señora da Antiga, coñecido como Colexio do Cardenal ou Colexio Os Escolapios. Neste centro,a visita estivo guiada polo Padre Javier.

Iniciamos o percorrido nas famosas escaleiras da entrada, escaleiras monumentáis formadas por 35 escalóns repartidos en tres tramos, sen columnas de suxección ( …e cada escalón pesa unha tonelada!!). Coñecemos o que é unha “montea”, a función do claustro e o significado dos catro escudos que o decoran.

Despois visitamos a pinacoteca, onde puidemos contemplar, entre outras obras, cadros de Andrea del Sarto, de El Greco e de Pacheco, e finalmente a Igrexa, na que destaca o fermoso retablo dedicado á Virxe María  que decora o altar; ten case vinte metros de altura, está feito de madeira de nogal e é obra de Francisco Moure. Destaca tamén un Santo Cristo, obra do italiano Cioli,  copia da “Adoración dos Reis” de Van der Goes. Aquí rematou a nosa visita ao Colexio dos Escolapios.

 A seguinte parada levounos ao IES A Pinguela , para coñecer o Planetario “Matías Vázquez”. Foi tamén unha visita do máis didáctica e tivemos a sorte de ter como guía a Matías Vázquez, profesor xubilado dese centro. Grazas  ás súas explicacións coñecemos un pouquiño máis sobre a Teoría do Big Bang e a expansión do Universo, sobre as estrelas e as constelacións; coñecemos Syrius ( a estrela máis brillante do firmamento), Casiopea, como localizar a Estrela Polar e orientarnos a partir dela, a Osa Maior, etc.

Dende o Río Cabe queremos agradecer aos directores do Colexio Escolapios, Pablo Blanco,  e IES A Pinguela, Enrique Sampil, por permitirnos  realizar as visitas , e especialmente  ao Padre Javier e Matías Vázquez pola súa xenerosidade, paciencia  e as súas  explicacións.

 

Álbum: Escolares -> Visita Escolapios e Planetario