Vigo, máis aló das luces

Alumnado de nocturno do IES Río Cabe visita Vigo guiados polos seus compañeiros do Ciclo Superior de Guía, Información e Asistencia Turísticas.

 

 

Nun chuvioso mércores 18 de decembro iniciamos a visita á cidade olívica na plaza de O Berbés antes de adentrarnos no Casco Vello, onde observamos a Concatedral de Vigo (comunmente coñecida como A Colexiata) e a casa torre de Ceta e Arines considerada a máis antiga da cidade e que na actualidade é a sede do Instituto Camões, xunto coa contigua casa de Pazos e Figueroa.

Ascendemos pola rúa dos Cestos, onde aínda se poden atopar dous talleres de artesáns cesteiros, para chegar á Praza da Constitución. Resguardados nos seus soportais, observamos a primeira farola alumeada con luz eléctrica en Vigo e a antiga sede do Concello.

Dirixímonos cara a Porta do Sol dende a Plaza da Princesa. Tras unha breve explicación sobre a arquitectura modernista de finais do século XIX e principios do XX, tendo como exemplos os edificios Simeón e O Moderno, dispuxemos dun tempo de lecer para desfrutar do alumeado de Nadal, pasear, tomar algo pola zona e sacar fotos co “Dinoseto”.

Continuamos o paseo baixo a chuvia polo Teatro García Barbón, obra do arquitecto Antonio Palacios, e a comercial rúa Príncipe. 

 

 

No cruce das Rúas Colón e Urzáiz, paramos para coñecer o MARCO (Museo de Arte Contemporáneo de Vigo) antes de baixar cara a Praza de Compostela, onde se sitúa o mercado de Nadal e unha noria xigante. 

Xa que a meteoroloxía non acompañou, regresamos a Monforte enchoupados... pero contentos polo tempo compartido cos compañeiros e agardando a próxima saída xuntos.