Convocada a proba para que os maiores de 20 anos obteñan o título de bacharelato

A Consellería de Educación, Universidade e Formación vén de publicar a convocatoria da proba para que as persoas maiores de 20 anos obteñan o título de Bacharelato na modalidade de Ciencias e nos dous itinerarios da modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais. O obxectivo é que as persoas que non obtiveron esta cualificación a través das ensinanzas reguladas poidan contar con este título a través da participación nunha proba libre. Cómpre lembrar que a Consellería, ademais de ofertar a posibilidade de cursar o Bacharelato para persoas adultas de forma presencial, semipresencial e a distancia, ten á disposición da cidadanía no portal educativo (http://www.edu.xunta.gal/portal/ea/materiais-didacticos) para a súa descarga gratuíta as guías didácticas precisas para o seu estudo.

Poderán participar nestas probas as persoas maiores de 20 anos (ou que os cumpran no 2019), que non dispoñan deste título ou equivalente e que non estean a cursar ensinanzas de Bacharelato en ningún dos réximes neste curso.

O prazo de presentación das solicitudes será entre o 25 de febreiro e o 11 de marzo de 2019. O exame celebrarase o día 26 de abril de 2019 en sesións de mañá e tarde no IES San Clemente de Santiago de Compostela.