Obradoiro de regueifas para 2º ESO

O alumnado de segundo da ESO e de PMAR 1 asistiu hoxe a un obradoiro de regueifa impartido por Sara Marchena e Sara Villa Aira, graduadas en Lingua e Literaturas Galegas pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente imparten obradoiros de regueifa e improvisación oral de temáticas diversas, con especial atención á Regueifa Feminista ou á perspectiva de xénero dentro do repente galego.

A sesión comezou cun achegamento teórico moi breve no que se explicaron as relacións que existen entre a regueifa e as composicións dialogadas medievais, tales como as tensós, para facer fincapé despois no cultivo da regueifa nas vodas do s. XIX entre grupos de persoas que estaban convidadas á cerimonia (ou ben contratadas) e outras persoas alleas á celebración. O obxectivo da disputa dilemática era conseguir a honra de partir a regueifa, un pan branco moi prezado daquela, ao mesmo tempo que a persoa gañadora podía obter a maior parte. A regueifa continúa cultivándose actualmente baixo distintas denominacións, especialmente, en Vigo, Camariñas, Vilariño de Conso ou no Courel.

Posteriormente, o alumnado achegouse á melodía métrica e rimática da regueifa co fin de poder entre todos elaborar e cantar unha copla, que foi a seguinte: 

Vouche dicir unha cousa

Estas profes son moi serias

Estou farta de estudar

Eu teño moitas materias.

 

A continuación, os/as estudantes divididos en grupos tiveron que compoñer coplas que rematasen con algún dos versos propostos: 

  1. Como Sabela de OT
  2. Ai! Que ben canta Natalia
  3. A min gústame Alba Reche
  4. A min non me gusta OT 

Deixámosvos un dos resultados: 

Vouche dicir unha cousa

Antonte fun tomar un té

Vin cantar unha rapaza

Como Sabela de OT.

 

Finalmente, as disputas dilemáticas tiveron unha temática máis variada, de modo que as coplas foron moi diversas. Podedes ler algúns exemplos:

 Teño que dicirche unha cousa

Gústame tocar a frauta

A ti gústanche outras cousas

Tes que facerte astronauta.

 

Vouche dicir unha cousa

Tes que ir para a Nasa

Non te queremos na casa

Tes que facerte astronauta.