Igualdade
17 DE MAIO: DÍA CONTRA A LGTBIFOBIA
Enviado por mariaraquel.martinez o Ven, 13/05/2022 - 20:10O 17 de maio, ademais de celebrar o día das Letras Galegas, comemórase en todo o mundo o día internacional contra a Homofobia, Transfobia e Bifobia (LGTBIfobia). O obxectivo deste día é denunciar a discriminación que sofren en todo o mundo as persoas LGTBIQA+, co obxectivo de avanzar na realidade efectiva dos seus dereitos en todo o mundo.
Co obxecto de traballar nas vosas aulas a diversidade afectivo-sexual, dende igualdade proponse para este ano, entre outras actividades, o visionado da película "Carmen e Lola". Despois do visionado da película proponse a seguinte ficha para traballar co alumnado:
MULLER, XITANA ..... E EMPODERADA!
Enviado por mariaraquel.martinez o Lun, 09/05/2022 - 04:40Fai nada, o 8 de abril, conmemorouse o "Día internacional do pobo xitano", e dentro duns días, o 16 de maio, celébrase o "Día da Resistencia Romaní".
Con este traballo pretendese conmemorar estas datas tan importantes para o noso alumnado xitano, ao tempo que tamén preténdese visibilizar mulleres referentes xitanas empoderadas e destacadas en diferentes ámbitos.
2º DA ESO VISITA A EMAO (Escola Municipal de Artes e Oficios)
Enviado por admin o Sáb, 09/04/2022 - 11:26
O noso alumnado de 2º da ESO fixo a segunda saída post-pandemia visitando a EMAO en Vigo. Alí coñeceron a historia da Escola, ensináronlles a Biblioteca na que lles mostraron obras e manuais de máis de 400 anos de antigüidade e visitaron a exposición de coiro con traballos de alumnado da escola e outros traballos de artesáns xa experimentad@s, onde Pepe, o profesor de coiro lles explicou as diferentes técnicas e maneiras de traballar este material. Estiveron no obradoiro de Construción artesanal de instrumentos musicais (CAIM), onde lles ensinaron como se constrúe unha zanfona e unha gaita, ademais de facerlles unha pequena demostración de como soan estes instrumentos. Por último, no obradoiro de Serigrafía, ademais de ver o proceso de serigrafiado puido facer unha pequena práctica que tiña preparada a profesora desta especialidade. Moitas grazas á Escola e ao profesorado pola súa xenerosidade e pola preparación desta visita. |
Pinchar na imaxe para ver todas as fotos
Manifesto GALEGAS 8M
Enviado por mariaraquel.martinez o Mér, 09/03/2022 - 06:40
NIN ESCRAVAS NIN HEROÍNAS, MULLERES CON DEREITOS XA!
(Extracto do Manifesto orixinal de Galegas 8M, para o programa especial de Na onda do Mella 8M)
Hoxe, como todos os 8 de marzo, estamos aquí, en pé de loita, para bater no chan con todas as mulleres do mundo e facer tremer a terra!
Porque as mulleres sustentamos a vida como coidadoras, educadoras e traballadoras domésticas non remuneradas… Mais nós queremos vidas dignas de ser vividas e libres de violencias! Que a vida sexa vivíbel para todEs, sostida por todEs e asumida polo conxunto da sociedade.
Porque non queremos discutir se a fenda salarial entre homes e mulleres é do 19, do 34 ou 45%. Porque as duplas xornadas non se erradican con declaracións, nin con leis ditadas polos señores do capitalismo. Porque as mulleres máis novas están condenadas ao traballo precario; e as maiores ao abandono, sen recursos e comunidades que as sustenten.
Porque queremos parar de contar asasinadas, lesionadas, violadas, agredidas, discriminadas, empobrecidas e excluídas, acosadas, humilladas, calumniadas, represaliadas ou xulgadas no lugar dos seus agresores.
Porque somos diversas e o patriarcado instrumentaliza esa diversidade para nos dividir, mais o movemento feminista ensínanos que a diversidade suma e multiplica as loitas, que todas as perspectivas son importantes, todas as voces necesarias e todas as mulleres valiosas para avanzarmos cara unha sociedade igualitaria, xusta e libre.
Porque as mulleres migrantes somos vítimas dun sistema que converte as persoas en mercadoría que move ou trafica segundo intereses económicos, sacrificando vencellos e afectos, á vez que nos somete á maior explotación e a cidadanías de segunda clase.
Porque as mulleres do rural galego soportamos unha dupla precariedade, porque non só sustentamos as vidas das nosas comunidades, senón tamén un ecosistema que o poder condena ao abandono. Temos que nos relacionar co medio de forma diferente, precisamos a soberanía alimentaria e enerxética para transformarmos o mundo e rebelarnos contra o espolio dos nosos recursos naturais.
Porque o menosprezo, as agresións, a discriminación laboral, baten con mais forza nas mulleres lésbicas, bisexuais, trans e intersex. As mulleres e feministas temos que rexeitar a patoloxización e os intentos de exclusión. Porque todas queremos ser libres para desfrutar das nosas vidas, corpos, desexos e afectos, e temos dereito a facelo libres de violencias.
Porque loitamos contra a explotación dos nosos corpos e vidas, e nos negamos a que sexan as nosas vidas as que se sacrifiquen para que o sistema siga funcionando. Porque sabemos que unha vida digna de ser vivida pasa por mudar as lóxicas patriarcais, capitalistas e coloniais.
Hoxe, como hai catro anos, as galegas mobilizámonos no espazo público para sumar forza ás nosas razóns, porque levamos todas as nosas vidas berrando, protestando e esixindo solucións:
• Esiximos que as políticas públicas sexan deseñadas polos feminismos e veladas na súa eficacia e cumprimento.
• Demandamos unha educación pública de calidade e non sexista.
• Esiximos unha vida sen violencias, que todos os recursos económicos, sociais, médicos, xudiciais e políticos se coloquen ao servizo de garantir este dereito básico; para que se elimine calquera contido sexista ou discriminatorio no ámbito da comunicación e da cultura que lexitime ou alente esas violencias.
• Demandamos que os poderes públicos se involucren nunha loita sen cuartel contra a industria da trata.
• Que os gobernos deteñan e revertan a situación de abandono e destrución do medio rural.
• Mobilizarémonos até que se erradique a fenda salarial, a precariedade, o teito de cristal, a división do traballo por xéneros, o chan pegañento e a feminización da pobreza.
Galegas 8M 2022
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- seguinte ›
- última »