Este mes de abril a biblioteca encheuse de eventos.
Comezamos montando a exposición que conmemora os 80 anos da publicación do libro O Principiño. E como este é un dos libros máis traducidos do mundo pensamos que unha grande idea era mostrar algunhas desas traducións. Tivemos a tradución do checo, do irlandés, do éuscaro, do veneciano, do ruso… e moitas máis.
Esta non foi a única exposición. A memoria ten aspectos que aínda non comprendemos. Por iso, e sen saber moi ben porque, todo o mundo ten no seu haber algunha imaxe, situación, música, aroma… que lle trae lembranzas do pasado. Iso ocorre tamén cos libros. E diso trata a exposición que comezamos neste mes de abril: o meu libro tesouro. Alumnado e profesorado achegou os libros que lle marcaron. Cada un por unha cousa distinta, pero todos son tesouros para os seus donos. A exposición continuará máis alá de abril.
Neste mes tivemos a visita de dous autores. Miguel Anxo Alonso viu falarlle, ao alumando de 1º ESO, do seu libro O país da Choiva. O alumnado lera o seu libro e tiñan moitas preguntas para facerlle. E Diego Giraldez achegouse ata o instituto para ter unha charla co club de lectura de adultos que leu o seu libro O meu sangue.
Seguindo co proxecto Memoria da biblioteca, tivemos a Vero Rilo, que contou historias da nosa memoria histórica recente. Por veces tristes, por veces impactantes, por veces alegres… pero todas referidas ás vivencias das mulleres durante a guerra e a ditadura franquista. O alumnado de 1º Bacharelato gustou do seu facer.
E seguindo coa memoria histórica, Polo correo do vento falou das misións pedagóxicas a través dunha peza de teatro para 4º ESO titulada «A volta á provincia das misións pedagóxicas».