Xa van dúas edicións da nosa Feira do libro solidaria. Polo Nadal, na entrada do centro, colócanse libros de expurgo da biblioteca ademais dos donativos de profesorado e alumnado que quere colaborar. Mesmo empregamos este espazo para entregar os premios de microteatro do concurso organizado pola propia biblioteca.
En que consiste?
A nosa feira do libro non busca conseguir cartos, senón comida e produtos de primeira necesidade que despois son doados a institucións de beneficencia.
Este ano a feira volveu funcionar moi ben e conseguimos un bo lote de produtos para doar.
Como funciona?
As persoas que se achegan á nosa feira poden mercar os libros do seu interese empregando como moeda produtos de alimentación non perecedoiros ou produtos de hixiene para pequechos (cueiros, cremas...).
O alumnado voluntario da biblioteca foi o encargado de rexentar a feira.
Por que nestas datas?
Faise no Nadal porque a feira está aberta durante a recollida de notas por parte dos pais así que estes, e non só o alumnado, tamén poden mercar. Ademais sempre podemos mercar un libro para agasallar nestes días.