Chega a calor do verán
Coa chegada de xuño a actividade das clases, exames e entregas de traballos aumenta. O final do curso está preto e nótase no ambiente. A biblio non para. Hai que artellar as últimas actividades, entregar premios dos últimos concursos e recomendar lecturas para o verán.
Comezamos o mes entregando o premio das Olimpíadas literarias. Nos recreos activos tivemos tres charlas, a primeira "comezar polo tellado" sobre como se artellou a recuperación da cuberta da Catedral de Santiago de Compostela, a segunda foi "eu son robot" que organizou o club de ciencias e por último "que falan as nosas librarías" na que as relatoras foron dúas alumnas: Nahír e Paula de 4ºB.
O alumando voluntario de biblioteca fixo as recomendacións para o verán que apareceron no noso expositor. Buscaron títulos en galego, portugués, castelán francés, inglés e de diferentes temáticas e tipoloxías.
O proxecto Roupa fixo seus varios espazos do centro para expoñer os traballos de todo o curso. No recibidor do centro seguimos completando o espazo, na biblio realizamos a exposición de lecturas sobre as teas e a profesión de costureira, sastre... No salón de actos tivemos a exposición "Fashion Designers" de inglés. E por último no corredor central do primeiro andar realizouse unha exposición de tecidos.
Por último, para recadar produtos de primeira necesidade, en decembro, tivemos a III feira do libro solidaria. Agora, en xuño, tivemos a I Feira de roupa solidaria, familia, profesorado, persoal do centro... cambiaron produtos por roupa que fora doada por alumnado, profesorado e familias.