Noite de voraces sombras
Sara, unha moza de dezaseis anos, narra os acontecementos que durante unhas vacacións de verán na casa da avoa foron un auténtico terremoto na súa vida e lle axudarán, dende entón, a enfrontala dunha forma distinta. No cuarto que ocupa sentirá o inquietante desacougo dunha presencia fantasmal. Alí atopará, tamén, un fato de cartas e fotos, unha libreta de caligrafía apertada e unha selecta biblioteca que a levarán a descubrir unha inesquecible historia de amor e desamor entre dous mestres republicanos, que se produciu durante a Guerra Civil e os amargos anos da posguerra.
En "noite de voraces sombras", Agustín Fernández Paz, aborda un tema que hoxe está en primeiro plano, como é a recuperación das vidas e dos ideais que quedaron rotos trala Guerra Civil e a posguerra, así como a necesidade de que as novas xeracións descubran esa realidade, porque non se poderá construír nada auténtico sobre a desmemoria.
O Autor
Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947 - Vigo, 2016) licenciado en Ciencias da Educación foi profesor de lingua e literatura galegas no ensino secundario. Autor dunha longa obra narrativa en lingua galega, e traducido, na súa maior parte a todas as linguas ibéricas.
Paralelamente á súa dedicación á docencia, desenvolveu tamén unha ampla actividade teórica e divulgativa, centrada en temas como a introdución dos medios de comunicación no aula, a promoción da lectura, o fomento da lingua galega nun contexto bilingüe ou a didáctica da lingua, así como un relevante papel na elaboración de materiais didácticos de lingua e literatura (un dos seus traballos, Canles 5, obtivo o Premio Nacional "Emilia Pardo Bazán" para libros de texto non sexistas).
En xaneiro de 2013, foi investido como Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.
Os seus libros son moi apreciados polos lectores infantís e xuvenís e todos eles coñecen numerosas edicións. Algúns, como Cartas de inverno, Trece anos de Branca ou As hadas verdes, superaron a fronteira dos cen mil exemplares vendidos.