A mañá de hoxe recibiunos coa triste noticia do falecemento de Luz Pozo Garza, destacada poeta e académica ribadense que o 18 de xaneiro deste mesmo ano foi nomeada filla predilecta de Ribadeo. Aínda lembramos o agarimo co que tratou aquel día o alumnado e o profesorado do noso centro que participou naquel acto, o mesmo cariño que nos dispensou sempre que lle pedimos algún tipo de colaboración co instituto.
Hoxe somos nós quen queremos deixar constancia do noso pesar polo seu falecemento e manifestarlle, en nome de toda a comunidade escolar, as nosas condolencias á súa familia.
Pensamos que a ela lle gustaría que a recordásemos cun poema seu e parécenos adecuado este, que fala da celebración de aprender:
APRENDER A LER FOI UNHA FESTA
Un alfabeto de colores para aprender as palabras da tribo Os labios que principian a balbucir un hálito de verbas familiares: paxaro luz mamai... E tamén un xardín de violetas e pasionarias místicas oreado de brisas e de pombas... Todo vai como o sono que semella unha pausa na memoria Amaba os espacios de inocente lectura provinciana Compartimos páxinas e signos os prados de altas herbas por relatos de outono pola índole da saudade por entregas de lirios e paxaros Así pasamos xuntos por acordos de rúas e atalaias naquela primavera en Ribadeo
(LUZ POZO: Ribadeo, Ribadeo)