Esta semana, unha parte do alumnado e profesorado do IES de Ribadeo, achegámonos á oficina de turismo para recibir unha clase distinta por parte do coleccionista ribadense David López Álvarez, quen nos amosou con auténtico entusiasmo parte da exposición que leva xuntando dende neno.
Puidemos observar máis dun millar de cunchas de todo o mundo así como así como centos de bolboretas, insectos e tamén algúns fósiles. David contounos que para facerse con tal número de exemplares leva moitos anos capturando e intercambiando con aficionados de todo o mundo e tamén ás veces comprando. Tamén nos amosou a manga para cazar bolboretas, a forma de estendelas para poder conservalas e contounos moitas curiosidades dalgunhas especies.
Todos nós recibimos con gusto esta lección e disfrutamos vendo algúns exemplares curiosos como unha caracola que hai en Ribadeo e que é unha das 7 especies levóxiras (coa apertura da cuncha á esquerda) do mundo, chamada Neptunea contraria, outra que lle traen os mariñeiros do Fondón e que é moi difícil de conseguir (Turrisipho fenestratum), a caracola xigante de Australia, as bolboretas de cores e tamaño espectaculares, os insectos folla e os insectos pau, artistas do camuflaxe e por suposto coa tarántula de despedida que non deixou indiferente a ninguén.