Skip to Content

Solidariedade co Nepal

Dende as distintas materias do departamento de Filosofía quixemos amosar a nosa solidariedade co pobo de Nepal levando a cabo unha actividade proposta por UNICEF e sumarmos á REDE DE ESCOLAS SOLIDARIAS CO NEPAL, colocando no alto do noso centro unha bandeira de plegaria. Este xesto simbólico non é máis que un modo de sensibilizar a toda a comunidade da importancia da axuda e colaboración entre os pobos, máxime en situacións de catástrofes. 

Desta forma o alumnado de 1º, 2º ESO e 4º ESO xuntaron folios coas cores dos elementos naturais que as súas crenzas consideran positivos para a súa vida, e esperamos que estes bos desexos os axuden para recuperarse desta situación que están vivindo.

A unidade didáctica que UNICEF propón na súa páxina tamén foi traballada polo alumnado e así puidemos coñecer máis de cerca a súa xeografía, costumes, crenzas, situación socio-política,... e tamén nos adentramos no mundo da natureza e os seus cambios e transfomacións que tan brutalmente poden afectar ó ser humano.

Coordina a actividade o profesor Manel Yáñez, do departamento de Filosofía.

Os nomes das flores silvestres

O nível de aptitude nunha língua está relacionado co amplitude do vocabulario, co uso dos termos precisos, e polo tanto co coñecemento do medio natural.

Por iso, escollemos un tema tan bonito como as flores silvestres para fomentar o uso do galego, buscando a predisposición dos sentidos, unha actitude positiva e a axuda que os aromas prestan ás lembranzas.

Nos meses de abril e maio, cada día lectivo, trouxemos unha flor que colocamos nun lugar á vista de todo o persoal do centro, diante dun cartaz no que se solicita que cada quen escriba o nome polo que coñece esa flor. Xunto ao floreiro colocamos unha cuartilla co nome oficial e un bolígrafo.

Foi triste comprobar que a pesar da ascendencia rural da maior parte dos participantes, o descoñecemento nesta materia é absoluto.

Tendo en conta isto, consideramos necesario prolongar esta actividade ao longo dos cursos vindeiros. 

O noso xardín

O noso xardín é un dos traballos elaborados polo alumnado con motivo da Feira da ciencia, 2015. Recolle boa parte da vexetación do xardín do instituto, clasificada e con imaxes.

Coordinou a súa elaboración o departamento de Ciencias naturais.

Accede ó caderno premendo na imaxe.

Festival pro-excursión de 4º de ESO

O día 15 de maio, tivo lugar no salón de actos do instituto un festival pro-viaxe de fin de curso do alumnado de 4º de ESO. O festival repetirase, para o público en xeral, o venres, día 29.

Filgueira Valverde no arquivo de Dionisio Gamallo

Grazas á xenerosidade da familia de Dionisio Gamallo, organizamos no instituto unha exposición con material que se conserva no arquivo do polígrafo ribadense relacionado con Filgueira Valverde.

Durante unhas semanas, toda a nosa comunidade escolar pode ver e ler copias da correspondencia que Filgueira e Gamallo mantiveron durante décadas, xa que a primeira carta é de 1937 e a última de 1989.

Nunha delas, de 1943, Filgueira Valverde pídelle a Dionisio Gamallo permiso para propoñelo como acaémico correspondente da Real Academia Galega, cargo que, efectivamente, Gamallo acabou desempeñando.

Ademais, na exposición hai copia dunha primeira edición dos seis poemas en galego que Filgueirapublicou en Albor, en 1943; e tamén artigos, esquemas de conferencias, tarxetas persoais, felicitacións de nadal, etc.

Agradecémoslle á familia Gamallo que, grazas á súa xenerosidade, a nosa comunidade escolar pode acceder a material inédito relacionado coa figura á que se lle dedica o Día das Letras Galegas, igual que xa sucedeu con Novoneyra e con Díaz Castro. 

Con L de "Local"

Para difundir os libros que temos na nosa biblioteca relacionados coa zona, elaboramos un catálogo no que reproducimos as portadas de todos eles, clasificados segundo o seu contido.

Imprimimos 500 exemplares en papel, para repartir entre toda a comunidade escolar, e tamén o difundimos en pdf.

É unha iniciativa promovida polo equipo de biblioteca.

PREME NA IMAXE PARA ACCEDER Ó PDF

Con L de Local 

Carlos Callón

O luns, día 11 de maio, tivo lugar unha charla de Carlos Callón para falar do seu libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez. De paso, tratáronse outros aspectos relacionados coa situación sociolingüística da lingua galega.

Organizou a actividade a profesora Dores Fernández Abel.

 

Correlingua, 2015

O 5 de maio o alumnado de 3º da ESO do noso instituto participou no Correlingua, este ano celebrado en Ribadeo. Foi unha xornada de defensa do noso idioma baixo o lema "Galego, a nosa creación común", e con música, carreiras, fotografías, poesía... Sempre reivindicando o que é máis noso, o galego.

Unha alumna e tres alumnos do noso centro ficaron nos primeiros postos da carreira: Carolina Yáñez, primeira na categoría de 1º e 2º de ESO, e Brais Seco, Mauro García e Carlos Rodríguez, primeiro, segundo e terceiro, respectivamente, na categoría de 3º e 4º da ESO.

A palabra perdida

A palabra perdida é un xogo de pistas mediante o cal o alumnado, organizado en grupos, ten que acabar adiviñando unha palabra.

Previamente, nunha reunión conxunta, entregóuselle a cada grupo un cartafol con toda a información necesaria e un impreso no que debe ir anotando os datos que consiga durante o desenvolvemento do xogo.

Despois, nun taboleiro, empezamos a facer públicas as pistas que deben seguir. Cada pista leva o alumnado a un profesor, que lle dá máis datos a cada un dos grupos. Estes datos conducen a un libro da biblioteca no cal o alumnado atopa unha palabra. Con determinadas letras de todas as palabras que vai atopando, o alumnado acabará compoñendo a palabra que se busca.

O grupo que primeiro atope a solución recibirá un premio.

Coordina a actividade a profesora Susana Díaz Orol.

Visita ó CENIMA (Foz)

Ó longo desta semana, varios grupos da ESO están visitando a exposición "Semana das artes plásticas na Mariña", que ten lugar no CENIMA de Foz. Trátase dunha iniciativa anual na que se expón colectivamente a obra de artistas mariñaos. Como guías, actuaron os artistas Caxigueiro e Pilar Rei. 

Algún dos grupos tamén se desprazou ata San Martiño de Mondoñedo, para visitar o espazo Caritel, do artista Caxigueiro.

Organiza a actividade o departamento de Debuxo.

Distribuir contido


by Dr. Radut