Iniciar sesión

Secretaría virtual

Bioloxía-Xeoloxía

Concurso Fotografía dixital

Bases do 1º Concurso de Fotografía Dixital do Club de Ciencia ROU

"Patróns Matemáticos na Vida e na Terra"

 

1.Organización

O concurso está organizado polo Club de Ciencia do IES ROU, co obxectivo de estimular a creatividade e promover o interese do alumnado pola ciencia, a natureza, a xeoloxía e as matemáticas.

2.Temática

O tema do concurso é “Patróns Matemáticos na Vida e na Terra”. As fotografías deben amosar a relación entre os seres vivos, a natureza ou a xeoloxía, e os conceptos ou patróns matemáticos. As imaxes poden destacar simetrías, fractais, proporcións, xeometría ou calquera outro aspecto matemático observado na vida e no mundo natural.

3.Participantes

O concurso está aberto a todo o alumnado do instituto, desde 1º de ESO ata 2º de Bacharelato. Consideraranse todas as fotografías nunha única categoría.

4.Formato e requisitos das fotografías

  • Cada participante pode enviar ata 2 fotografías.
  • As imaxes deben ser orixinais, capturadas polo propio alumno/a e non serpublicadas nin premiadas noutros concursos.
  • As fotografías poden ser tomadas con calquera dispositivo dixital (cámaras,móbiles, tablets).
  • Formato de arquivo: JPEG ou PNG.
  • As fotos deben ter unha resolución mínima de 1080x720 píxeles.
  • Non se permiten marcas de auga, sinaturas ou elementos que identifiquenao autor/a na imaxe.

5.Presentación

As fotografías deben SUBIRSE A AULA VIRTUAL DO CENTRO: https://www.edu.xunta.gal/centros/iesrepublicaorientaldouruguai/aulavirtual/course/view.php?id=727:

6.Prazo de entrega

O prazo para a presentación das fotografías remata o 8 de decembro de 2024 ás 24h.

7.Criterios de avaliación

As fotografías serán avaliadas polo xurado do Club de Ciencia en función dos seguintes criterios:

  • Relación coa temática, destacando a conexión entre a natureza ou xeoloxíae os conceptos matemáticos.
  • Creatividade e orixinalidade.
  • Calidade técnica da imaxe (enfoque, luz, cor).

8.Xurado

O xurado estará composto por membros do Club de Ciencia.

9.Premios

Outorgaranse 3 premios e unha mención especial do Club de Ciencia.

Diploma e publicación destacada da fotografía na web do instituto e nas redes sociais do Club de Ciencia (Instagram)

10.Exposición e entrega de premios

As fotografías serán expostas no taboleiro do Club de Ciencia do instituto e publicaranse na páxina web e nas redes sociais do centro. A entrega de premios realizarase o 16 de decembro de 2024 na Aula de Ciencias, durante un evento especial do Club de Ciencia.

11.Propiedade e cesión de dereitos

  • As fotografías enviadas ao concurso seguirán sendo propiedade dos seusautores/as.
  • Coa súa participación, o alumnado cede ao IES ROU o dereito de uso nonexclusivo das imaxes para a súa reprodución, publicación e difusión enmateriais educativos, eventos e redes sociais do centro.

12.Aceptación das bases

A participación no concurso implica a aceptación de todas as bases. Calquera situación non contemplada será resolta polo xurado e a organización.

Consumo insostíbel

O alumnado de 1º de Bacharelato, na materia de Bioloxía e Xeoloxía e coordinados polo profesor Rubén Borrajo do Departamento de Bioloxía, realizou unha análise da problemática medioambiental relacionada co consumo. Estudou como o actual modelo de comercio global e produción capitalista causa o deterioro do medio ambiente. Analizáronse os modos de produción, a produción alimentaria, o transporte, a deslocalización e o estilo de vida consumista propio das sociedades do primeiro mundo e o impacto ambiental derivado. Relacionáronse todos estes aspectos co incremento do cambio climático. Analizáronse 10 documentais e unha curtametraxe e realizáronse pósters explicativos deles.

Nos arquivos adxuntos tedes un resumo deste traballo.

Programacións

No arquivo adxunto tedes as programacións do departamento correspondentes ao curso 22-23.

Os fósiles no noso instituto

O venres día 17, tivo lugar unha charla sobre paleontoloxía impartida por Ricardo Olabegoya e organizada polo Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, na que participou alumnado de primeiro e segundo de bacharelato.

Se lle botades unha ollada ás seguintes fotos podedes observar o interesante que resultou.

 

Colleita

Coa fin do curso chegou o momento de recoller, tamén, os froitos do traballo na horta. Aquí tendes parte da recolleita do alumnado de 1º de ESO:

     

As pandemias nos séculos XX e XXI

No arquivo adxunto tedes o póster que fixo o alumnado de 4º ESO de Cultura Científica, coordinados pola profesora Marta Álvarez, sobre as pandemias nos séculos XX e XXI.

Parabéns, campiona!

Queremos felicitar a Sabela González Alcántara, alumna de 2º de bacharelato, por acadar o primeiro posto na fase final galega da Olimpíada de Bioloxía, celebrada hoxe, 19 de febreiro, na falcultade de Ciencias da Universidade de Vigo e que lle da acceso á fase nacional.

Á proba acudiron os vinte alumnos que conseguiron a mellor puntuación nunha fase previa eliminatoria.

Lembramos que Sabela xa demostrou ser unha científica nata os cursos anteriores, nos que logrou excelentes relultados e o pase á fase nacional de Olimpíada de Xeoloxía.

Podedes ver a noticia no Faro de Vigo se facedes clic no seguinte enlace.

E tamén a entrevista en Radiovoz no seguinte enlace.

 

Charla do investigador Carlos Spuch

O martes 15 de decembro tivemos dous Charlas do investigador e biólogo Carlos Spuch (ao que lle agradecemos enormemente a súa presenza) sobre a prevención e protección ante a Pandemia do COVID-19. Aquí tedes unhas imaxes da interesante e instructiva conferencia dirixida aos alumnos de 1º e 2º bacharelato.

A volta de MeteoROU

Xa botámos de menos os datos meteorolóxicos que nos trae todos os días o equipo de MeteoROU. Miden a velocidade do vento, a cantidade de chuvia, a porcentaxe de humidade, a temperatura e a presión atmosférica. Este ano o equipo está composto por alumnado de Ciencias da Terra e o Medio Ambiente de 2º BAC.

Aquí tedes unhas fotos do equipo e das súas medicións.

                                                 

Fotos dun cometa

Aquí tedes unhas fotos do cometa C/2020 Neowise feitas polo profe do noso instituto Javier López Bermúdez

Por se precisades máis información:

  • Foi descuberto este mesmo ano, en marzo.
  • Non voltará pasar ata dentro de 6 800 anos.
  • Estivo a 103 millóns de quilómetros (a distancia Sol-Terra é duns 150 millóns).
  • Pode verse ao noroeste, unha hora despois do solpor (sobre as 00 horas), agora por baixo da Osa Maior.
  • Co paso dos días (o resto do mes de xullo) irá subindo pola esquerda da constelación.
Distribuir contido