Ánimo!
Dentro duns días comezará o segundo trimestre e cremos que, antes de nada, é de xustiza agradecer a todo o alumnado, profesorado, familias e persoal non docente o esforzo feito estes tres meses pasados para adaptarnos a unha situación que non é doada para ninguén. Grazas a esta actitude por parte de todos estamos a conseguir que o centro permaneza aberto sen incidencias significativas.
É hora de afrontar esta segunda parte do curso e, dirixíndonos especialmente ao alumnado, pedirvos que sigades mantendo e, de ser posible mellorando, esta actitude de responsabilidade. Indicarvos tamén que sigades loitando por sacar o curso adiante. Aos que vos foi mal non vos desanimedes, aínda queda tempo para darlle a volta á situación (hai seis semanas o Celta estaba último na Liga e xa vedes onde estamos agora). E aos que a cousa lles foi ben, xa sabedes, seguide así.
Por último comentarvos que, se aínda non tedes claro que pedirlle aos Reis Magos, toda a roupa de abrigo que poidades ter vai vir de marabilla, xa sabedes que combater o virus conleva sacrificios térmicos.
Moito ánimo, que isto vai para adiante.