O IES de Ponte Caldelas vén de recibir o primeiro premio INNOVAGAL de innovación educativa polo seu proxecto Da terra á nube : O Monte Vivo. Este certame está convocado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e premia a traxectoria de compromiso dos centros coa innovación educativa.
Da terra á nube trátase dunha acción educativa complexa que integra varios proxectos relacionados entre si e que recolle unha traxectoria pedagóxica de compromiso do IES coa contorna en que se atopa.
Proxecto Terra, Proxecto Ríos, Paisaxe e Sustantibilidade... son un claro exemplo desa andaina de compromiso que ten sido recoñecida e premiada en anteriores ocasións.
Desde hai uns anos, Monte Vivo é o eixo que artella os proxectos de innovación e parte da resposta da comunidade educativa de Ponte Caldelas logo da devastadora vaga de incendios que chegou ás portas do instituto no ano 2017. Consiste na recuperación e coidado do terreo que rodea ao instituto, propiedade da Comunidade de Montes Veciñais de Cuñas e con quen se ten asinado un innovador contrato de custodia. Neste proxecto colabora tamén a CFEA de Lourizán, que proporciona experiencia e dirección técnica, e coa que se realizan labores de limpeza e plantación todos os cursos a partir de equipos integrados por alumnado de ambos os dous centros. O proxecto ábrese tamén á participación da asociación ecoloxista local A Rente do Chan, que ofrece a posibilidade de realizar actividades de voluntariado.
Monte Vivo insírese na programación curricular do centro, abórdase cun enfoque interdisciplinar e metodoloxías innovadoras e renóvase todos os cursos. Así, por exemplo no 21/22 incorporouse ao Programa “Voz Natura: Os meandros do Verdugo”, co deseño dun sendeiro para goce da veciñanza que percorre a área de custodia e que permite visualizar os meandros do río Verdugo, anteriormente ocultos polos eucaliptos.
Tamén no curso 21/22, e relacionado con Monte Vivo, levouse a cabo o proxecto “Polo río vai e vén: Tras as pegadas do volframio”, que consistiu en investigar a importancia estratéxica deste metal presente nos montes do Suído, onde vive parte do alumnado do centro. Os resultados da investigación verquéronse en productos creativos trasladados logo ao IES de Soutomaior, o que permitiu compartir procesos entre o alumnado de ambos centros. Esta colaboración recibiu o premio en innovación educativa en dinamización lingüística pola Xunta de Galicia.
Á posta en valor do patrimonio natural únese o traballo educativo co patrimonio inmaterial. Nesta liña insírese o proxecto Patrimoni...ando, abordado tamén como un labor de investigación do alumnado a partir dunha metodoloxía innovadora: a hiperaula. As familias convértense en fontes de información, favorecendo así un diálogo interxeracional que fomenta a súa implicación no proceso educativo. Estas actividades mereceron o premio da “Escola Viva” en innovación educativa.
En todos os proxectos búscase a sensibilización do alumnado cara á riqueza natural, etnográfica e patrimonial da contorna en que vive, así como a creación dunha conciencia cidadá crítica e participativa.
En todos eles búscase converter o alumnado en motor activo da súa aprendizaxe , para o que se utilizan metodoloxías innovadoras que conxugan o proceso de investigación coa utilización das TIC como ferramenta básica de elaboración de produtos creativos que logo serán divulgados entre a comunidade educativa.
O desenvolvemento dos proxectos implica a participación dunha parte importante do claustro do IES de Ponte Caldelas e pon de manifesto a súa aposta pola innovación educativa.
Pódese ampliar información en : Custodiamos o territorio que nos rodea - Página web de isabeltorres
(jimdofree.com)