RELATO DE TERROR
Conta a lenda que nunha pequena aldea, preto da Serra do Suído, un marabilloso eco inhóspito se apoderaba da aldea no inverno facéndoa ser un lugar que a calquera persoa lle gustaría coñecer. Nela existe unha casa deshabitadana que viviu unha familia hai máis de cincuenta anos que atopou a fin dos seus días de forma moi tráxica.
A aldea da que falamos está rodeada de pequenos e fermosos bosques, nos que ninguén diría
que algo malo podería ter pasado. Nas tranquilas e frescas tardes de outono, todos os veciños saían xuntos ao bosque para facer distintas actividades (recoller castañas, landras para o gando, follas secas para acender o lume, ir aos fungos...). O ambiente era mellor do que todos nós nos puideramos imaxinar, a cordialidade entre todos os veciños, a solidariedade, as súas frecuentes parrafeos e as súas gargalladas facían daquela aldea un lugar máis que envexable para vivir. Non era unha aldea na que estivesen afeitos a grandes luxos, pero todo o que tiñan éralles máis que suficiente para seren felices. As vivendas estaban tan unidas coma o estaban os seus propietarios; dispoñíanse en forma circular, arredor dunha fermosa e peculiar praza que tiña unha fonte no medio, lugar de reunión habitual de todos os veciños. As casas do lugar eran en xeral de pequeno tamaño e case todas de pedra. A cor vermella dos tellados semallaba os froitos dos acivros que abundaban nos seus bosques. As chemineas nos días de inverno eran trens que partían cara destinos distantes co seu fume negro e gris.
Non moi lonxe desta aldeíña, algo afastada dos demais, atopábase a casa da familia Seoane. Formábana un matrimonio cos seus dous fillos e a avoa dos pequenos. Mudáranse á aldea pouco tempo atrás. Viñan dunha gran cidade na que a relación entre os veciños era case inexistente, polo que eles seguían adoptando esa actitude. Non querían saber nada do que tivera que ver cos veciños, preferían a soidade da súa casa no canto de compartir as inquedanzas cos veciños. Malia todo isto, nunca ninguén tivo nada que dicir deles, non participaban na vida da aldea polo que os veciños case non os consideraban dela.
A súa casa era a máis grande do lugar. Constaba de dous grandes andares, con teitos tan altos que semellaban tocar o ceo. Por fóra destacaban as grandes ventás que sen dúbida algunha deixaban entrar moita luz naqueles cuartos. Ao seu redor, había un gran muro de pedra que protexía toda a casa e que se unía nun gran portal de aspecto medieval. A única vexetación que posuía aquel terreo era o amplo xardín que rodeaba toda a vivenda. Tiña todo o aspecto dun importante pazo antigo, nada que ver coas demais casiñas das aldeas. O pai chamábase Antón e era o dono dunha grande empresa da cidade, mentres que a nai rexentaba unha farmacia. Por outro lado estaba a avoa María, unha avoa de carácter forte e serio, xa que pasara moitos anos traballando como enfermeira no exército, o que lle impediu sorrir todo o que ela quixera. Os únicos que conseguían arrincarlle un sorriso eran os seus netos Miguel e Breixo que, aínda que pasaran pouco tempo na casa, eran o centro do seu contento.
Os nenos vivían afeitos á soidade ao igual que o resto da familia, polo que non tiñan ningún tipo de relación cos demais nenos da aldea, acudían ao colexio que se atopaba no centro da cidade, xa que os seus pais pasaban parte do día traballando alí e chegaban ao anoitecer.
A avoa, nada máis se vía en ocasións puntuais, cando se internaban nas profundidades do bosque, a pesar de que ninguén na aldea lograba albiscar que é o que ía facer ao bosque xa que ía e volvía coas mans baleiras. A día de hoxe non se sabe cales eran as súas actividades.
A todos na aldea lles parecía que a actitude dos Seoane era un tanto estraña, a pesares de teren uns traballos comúns, as súas formas de actuar e os seus horarios non estaban moi acordes coas súas funcións laborais, pero ninguén da aldea lle deu moita importancia.
En xeral todo parecía que transcorría con total normalidade ata que unha noite empezáronse a escoitar berros arrepiantes no interior do bosque, coma o son dunha forte tormenta. Todos os veciños saíron fóra para ver o que ocorría e cando se pararon a escoitar os chíos, cesaron de forma repentina.
A noite de súpeto volveu a mostrarse tranquila e serena como era normal nas noites de outono.
Pasado un mes daquela noite, os gritos volveron a apoderarse da aldea, pero esta vez, os chíos proviñan do interior da casa dos Seoane e, como na outra ocasión, cando os veciños saíron para ver o que acontecía, os berros novamente cesaron deixando a noite na máis tranquila das calmas.
Co paso do tempo, todos os veciños notaban que as caras desta familia eran cada vez máis fúnebres e atormentadoras. Todos os meses, o mesmo día e a mesma noite escoitábanse os mesmos berros que os que aconteceran no interior da casa dos Seoane. Despois de máis dun ano aturando eses ruídos e a estraña actitude desta familia, os veciños lograron entrar naquela casa para ver o que acontecía no seu interior e a que se debían aqueles gritos.
Cando lograron entrar na vivenda, a súa sorpresa foi maiúscula, xa que descubriron que a casa estaba completamente baleira e que non había nin mobles, nin xente, nin rastro de vida algunha, soamente unhas estrañas e indescifrables marcas nas paredes daquela casa. Pero a sorpresa foi maior cando descubriron que os coches da familia se atopaban no garaxe.
Os veciños, sorprendidos, decidiron abandonar esa casa e volver á aldea e ás súas vidas rutineiras o máis rápido posible. Ao día seguinte todos ergueron como sempre o facían para seguir as súas rutinas diarias e descubriron que da noite para a mañá o xardín da casa dos Seoane estaba murcho.
Pasado un mes, ninguén volveu a ver a ningún membro da familia Seoane, os veciños estaban espertos esa noite esperando a que se volveran a producir os gritos pero a noite transcorreu na máis completa das calmas.
A día de hoxe, segue sen saberse nada do que lles aconteceu aos Seoane, como se desaparecesen por completo. A casa segue mantendo o mesmo aspecto que cando eles vivían alí, coa diferenza de que pouco a pouco se foi quedando metida no medio do bosque que creceu de forma incesante. Despois de todos aqueles anos, ninguén máis se atreveu a internarse nesta mansión.
Marta Sebastián Silvoso 3ºESO C