O serán dun día quente fixo que a brisa se movese entre as follas. A sombra gabeou polos outeiros ata o curuto. Na ribeira areosa os coellos sentaban tan quedos coma pedras grises esculpidas. E logo, desde a estrada estatal, chegou un son de pasos sobre as follas renxedoiras do sicómoro. Os coellos procuraron agocho axiña, sen ruído. Unha garza requintada elevouse con esforzo e voou río abaixo. Por un intre o lugar quedou sen vida, e despois apareceron dous homes no carreiro e chegaron ó claro xunta a poza verde. Camiñaron en rea polo carreiro, e incluso no claro un andaba após doutro. Ambos vestían chaquetas e pantalóns vaqueiros con botóns de latón. Ambos levaban chapeus negros sen forma, e ambos portaban mantas enroladas penduradas dos ombros. O primeiro home era pequeno e vivo, moreno de cara, con ollos bulideiros e feituras marcadas, acentuadas. Cada un dos seus membros estaba definido: mans pequenas e fortes, brazos esveltos e un nariz fino e osudo. Detrás del camiñaba o seu oposto, un home enorme, de rostro amorfo, con ollos grandes e pálidos, e ombros anchos e caídos; e camiñaba pesadamente, arrastrando un pouco os pés, como un oso arrastra as poutas. Os brazos non abalaban nos costados, senón que penduraban soltos e só se movían porque as pesadas mans eran como péndulos.

                                                                   STEINBECK: De ratos e homes.

Mais, polo si ou polo non, conviña liscarse... Conque saímos pola horta e botamos a andar por embaixo daquil bullón de auga que non daba folgos, e meténdonos por unha verea que cruzaba unhas hortas, fumos saír á Ponte Pelamios. O ceio viña baixo, apelexado e mouro, e chovía a escachar con rachas de vento frío. Seguimos pola beira do Barbaña até chegar aos arrabaldos da Burga, onde nos acollimos baixo da ponte. Os outros, que coa pítima coase non podían mover as pernas, embrulláronse na manta deitados no chao, e, a pouco, xa roncaban coma marraus, fóra a ialma. A cibdade somellaba asolagada por aquil baleirarse do ceio, sin trégolas, que puña triste o corazón. A min xa me pesaba non tere bebido máis, porque cunhas cousas e outras, andábame a amolar o "pensamento" así coma de lonxe, pro con gañas de botárseme enriba e meterme na súa negrura, coma decote me sucedía...

                                                                    BLANCO-AMOR: A esmorga.