Skip to Content

Igualdade

Discurso de Andrea Rivas Villarquide no 8M

Esta mañá Andrea Rivas Villarquide, alumna de 1º de Bach, deleitounos con esta revendicación en prol das mulleres na concentración estudantil conxunta entre as alumnas do IES Perdouro e do IES Monte Castelo de Burela no Día Internacional da Muller. Andrea, es unha grande rapaza loitadora. Moitas grazas!!!



 
Son muller porque creo na igualdade.

Porque vivín, porque vivirei.
Vivo por min, por todas as que foron, polas que seguen.
Son muller porque me educaron coa frase “así non se comporta unha señorita”.
Porque non poido falar mal, porque debo sentarme coas pernas pechadas
Porque as persoas senten a necesidade de opinar sobre como elixo comportarme.
Son muller porque me molesta ser chamada “FEMINAZI” por querer unha lei contra o acoso Sufrido nas rúas.
Porque quero un aborto libre sen ser sinalada.
Porque nos mutilaron os xenitais, fomos propiedade dos nosos  pais e das nosas parellas;
Porque nos asasinaron por bruxas, por putas, por monxas, por histéricas, e máis.
Por usar anticonceptivos, por manter relacións sexuais ou por non mantelas.
Son muller porque nos humillaron: por querer estudar,traballar  e gañar o mesmo.
Porque “son culpable” dunha violación, por mor da miña vestimenta.
Porque a xente é ignorante, feminismo non é igual a feminino.
Feminismo significa IGUALDADE
Son muller  e son presa dun sistema patriarcal.
O meu periodo é un tema tabú, o meu vello dá asco, debo esperar o meu principe azul...
E quizais deba, pero NON QUERO!
Non son feminazi como dixo o norteamericano Rush, ao compararnos co holocausto de Hitler. Nin creo que o feminismo sexa a oposición ao machismo.
Actitudes particulares non lle son competencia a un sistema en que económica, social e culturalmente prevalece a supremacía masculina.
Son muller e os estereotipos importanme unha merda.
Podo dicir groserías, comer o que queira, sentarme como me apeteza ,podo  estar con quen desexe, contar os meus logros e ter o meu propio patrimonio.
Son muller porque me visto para min;
porque non espero o meu príncipe xa que non necesito ser rescatada.
porque non aguanto humillacións, porque non quero ser tua nai senón a túa compañeira, porque non nacín da túa costela para ser inferior, porque non necesito que me paguen a conta nin moito menos que me gañen como trofeo.
Son muller porque isto é ser muller.
Polo que vivín, polo que vivirei.
Polas que foron, polas que virán.
Inconformistas, para ser libres transformamos a realidade.
Para ser libres somos feministas!

8M2018

 

25 N - Perdouro en Negro

Este ano, sumámonos á compaña de sensibilización En Negro Contra as Violencias.

Leticia de Pedro Martínez, alumna de 2º de Bacharelato, abriu o acto conmemorativo do 25 N no IES Perdouro. O seu manifesto titúlase Carta a Mamá, e narra a historia dura, como a vida mesma, dunha irmá farta, moi farta. Mentres Leti lía o seu texto coa voz encollida, unhas gotas moi gordas de auga caeron do ceo como se foran lágrimas, mais non impediron a participación masiva da comunidade educativa. Para clausurar o acto, o conxunto do alumnado alí presente versionou ao unísono a canción do grupo Máis Boas Cás Patacas, "Son muller", canto de alento feminista.

Carta a mamá, Leticia de Pedro Martínez - 2º Bach.

Mamá, teño medo. Son muller, mamá, e por iso teño medo. Sinto dor, tristeza, rabia e impotencia; porque son muller. Estou farta, mamá, farta de todo o que nos está a pasar, a min e a todas as nosas irmás. Estou farta de que nos fagan sentir inferiores, prescindibles e mesmo utilizables. Estou farta da sensación de noxo e sucidade que me percorre o corpo cada vez que saio á rúa e un, dous o un grupo de homes que se fan chamar persoas me comen cos ollos, me sexualizan e se cren co dereito a opinar sobre o meu corpo. Estou farta do medo a ir soa pola noite. Estou farta da necesidade que sinto de dicirlles a todas as miñas amigas, “avísame cando chegues”, por ser mulleres. Estou farta de que me asignen unha saia rosa e unha cociña e non un balón ou uns pantalóns azuis. Estou farta de que me digan: “ti, perruqueira; el, enxeñeiro”. Estou farta, así comeza todo.

Ensaio "Son muller"

Ensaio "Son muller" na aula de música con Dolores e Miruca co alumnado de 1º ESO

Perdouro en negro - Stop Violencia de Xénero.

Acto conmemorativo do día contra a violencia de xénero no IES Perdouro. Sumámonos á compaña de sensibilización En Negro Contra as Violencias.

Será o venres 24 ás 11h. no recreo. Darase inicio do acto coa lectura do manifesto redactado pola nosa alumna de 2º de Bacharelato, Leticia de Pedro. A continuación un grupo de alumnos cantaran a canción "Son muller" do grupo de rapazas de Teo Máis Boas Cás Patacas, gañadoras da segunda edición do "Quero Cantar". Se te animas, podes unirte a cantar o retrouso do tema. Para clausurar o acto faremos unha foto de grupo coa máxima participación da comunidade educativa do centro. A cor negra será a protagonista.

Vémonos o 24 ás 11h vestid@s de negro.

#BurelaEnNegro #PerdouroEnNegro #ContraAsViolencias

Contacontos pola igualdade

Alumnado de 4º de ESO e 1º de Bach asistiron esta mañá no auditorio a un espectáculo "Contamos Todas" da compañía A Tropa de Trapo, actuación patrocinada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. 
 
Os contos empezaron coa historia das señoras de Torneiros e a súa iniciación a montar nunha bicicleta. O segunto conto relatou a historia de Liberia e de Ellen Johnson Sirleaf, actual presidenta do pais, Nobel da paz e primeira presidenta africana. Foron exemplos de vida, de mulleres que se enfrontaron a diversas situacións, historias para facer pensar, exemplos de empoderamento, rebeldía, equidade e superación.
Logo deuse paso a un debate participativo sobre igualdade, feminismo, machismo e violencia de xénero.

Accede ao noso albúm fotográfico aquí.

Fondos sobre igualdade recomendados polo CIM

Esta mañá, a Concelleira de Educación, Patricia Otero, xunto a psicóloga do CIM (Centro de Información da Muller), Cristina Cayón, entregaron un lote de libros para dotar as bibliotecas escolares do municipio de libros sobre igualdade. Unha moi boa selección que incorporamos de inmediato ao noso fondo de biblioteca.
 

 

25 de novembro - Recomendacións de BiblioPerdouro

Recomendámosche unha recompilación de libros e filmes para conmemorar o 25 de novembro e sensibilizarnos tod@s contra a violencia de xénero.

Seguir en Perdourando

8 DE MARZO : DÍA DA MULLER TRABALLADORA

 
 
Máis información en Cultura Galega .
 
 
 
 
 
 
 

 
 
 
 
Afírmase que o feminismo xurdiu cando unha muller aprendeu a ler, pero isto é certo se engadimos que foi cando tamén aprendeu a escribir. A maior parte das mulleres foron reducidas a unha especie de semianalfabetismo durante moito máis tempo cós homes. E necesitaron moito máis tempo aínda para acceder á liberdade intelectual de escoller os seus temas de lectura. Pero a loita máis longa tivérona que protagonizar para conseguir seren recoñecidas pola súa produción escrita. Moitas veces practicada en segredo, agochada baixo nomes masculinos, imos ver como moitas delas tiñan acceso á escrita grazas aos muros dos conventos, situación que cambiará a partires do século XIX. Pondo o hábito, as mulleres gañaban un pouco en mobilidade social, pagando un alto prezo: renunciar á súa feminidade e á súa sexualidade.

No século XIX a muller érguese para realizar o seu destino, a súa vida e a súa morte. Que as mulleres escriban -ben ou mal, importa menos- e que o fagan para publicar no século XIX é un paso, unha revolución sen volta atrás. Coller a pluma era coller a espada, contra todo. Escribir delataba vida intelixente, vida pensante inexpresada durante séculos: unha non historia que agora comeza a se converter en historia.
Distribuir contido


by Dr. Radut