O debuxo é, sen dúbida, unha expresión inherente ao ser humano. Froito da nosa intelixencia, xorde nas primeiras
manifestacións artísticas do Paleolítico Superior e maniféstase de maneira espontánea na infancia co obxecto de
representar (volver presentar dunha maneira persoal) o mundo que coñecemos.
Con todo, o feito de que todo o mundo poida debuxar non significa que estea ao alcance de calquera emocionar cun
simple trazo sobre un soporte plano. O debuxo como expresión artística é unha disciplina e como tal, implica o estudo
dunhas técnicas, un hábito de traballo e certa habilidade que se adoita traducir en interese pola materia.
A LOMLOE (Lei Orgánica do 3/2020) prioriza a materia de Debuxo Artístico como troncal da modalidade de Artes,
dándolle un papel protagonista que antes non tiña debido a que era cursada de maneira voluntaria por aqueles
alumnos interesados na ilustración ou Belas Artes.
É verdade que o debuxo, como ferramenta de visualización inmediata de ideas é útil en múltiples campos da
modalidade como o deseño, as artes decorativas ou a animación pero tamén é certo que noutros campos como a
fotografía ou o audiovisual non se aprecia tal necesidade.
Por este motivo, atopámonos ante o reto de ensinar Debuxo Artístico a un alumnado con intereses diversos. A favor
contamos con certas calidades que se presupón aos nosos estudantes da modalidade como a sensibilidade, a
observación analítica e a creatividade.
O Decreto 157/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo do bacharelato na
Comunidade Autónoma de Galicia nos dí que o Debuxo Artístico II ciméntase na base adquirida polo alumnado en
Debuxo Artístico I respecto a os seguintes bloques de contidos: Concepto e historia do debuxo, a expresión gráfica e
os seus recursos elementais, percepción e ordenación do espazo, tecnoloxías e ferramentas dixitais e proxectos
gráficos colaborativos.
No segundo curso de Debuxo Artístico, o estudante profundará na análise da forma, a retentiva, a expresión persoal, as técnicas materiais, así como o estudo da perspectiva cónica e a figura humana sen olvidar que estamos educando a persoas que aspiran a ser autónomas e con criterio propio.
- Profesor: PROFLiliana Maria Lista Cabral