Skip to Content

Primeiro trimestre

Prestige: 20 anos

O IES Pedra da Aguia conmemora o vixésimo aniversario do afundimento do Prestige cunha exposición organizada por Daniel Pasantes, alumno de 3º ESO, dentro do club de encontro de Cultura Camariñá.

Na exposición, que se pode contemplar na entrada principal do instituto, amósanse fotografías que recollen momentos destacados da traxedia acontecida hai 20 anos.

Esta mostra complétase con outra dedicada ao afundimento do Serpent, do cal se cumpren 132 anos nestas datas. 

A iniciativa forma parte das actividades realizadas dentro do club de encontro de Cultura Camariñá para poñer en valor o patrimonio cultural do noso concello.

Mes da ciencia en galego na Biblio

A Biblioteca conmemora o mes da ciencia en galego cunha ampla oferta de talleres que se celebrarán nos recreos durante esta semana e a vindeira. 

Dende o 14 ata o 25 de novembro, os departamentos de Matemáticas, Bioloxía e Física e Química organizarán obradoiros nos cales se poderán realizar calendarios de papiroflexia, xabóns exfoliantes ou descubriremos o azucre oculto que tomamos sen decatarnos. 

Podes consultar aquí o calendario coas actividades previstas para cada día e cada grupo.

Anímate a participar e a gozar coa ciencia máis próxima e divertida!

Concurso 25 novembro

Está aberto o prazo de presentación de traballos para o concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais co que se conmemorará o 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

O alumnado que desexe participar pode entregar as súas obras na Biblioteca ata o vindeiro 27 de outubro. Existen dúas modalidades de participación: 

- Imaxe gráfica: cómic, cartel, ilustracións...

- Pezas audiovisuais: curtas, videoclips, danza, texto recitado...

Haberá dous premios, un de 100 euros e outro de 50 euros, por cada categoría (1º-2º de ESO e 3º-4º de ESO) e por cada modalidade de participación (imaxe gráfica e peza audiovisual). O tema de todos os traballos debe consistir nunha reflexión sobre a violencia de xénero. Animádevos a participar!

Encontro con Ledicia Costas

A escritora Ledicia Costas, autora de títulos moi coñecidos entre o público infantil e xuvenil como "Escarlatina, a cociñeira defunta" ou "O corazón de Xúpiter", manterá un encontro co alumnado de 2º ESO e 4º ESO o vindeiro martes, día 19 de outubro. As xuntanzas realizaranse a terceira hora (2º ESO) e a cuarta hora (4º ESO) na biblioteca escolar.

Ledicia Costas falaranos sobre as súas obras e tamén asinará os exemplares do alumnado que así o desexe.

A escritora viguesa comezou o seu labor literario sendo unha adolescente, cando publicou o seu primeiro libro, "Unha estrela no vento", e dende entón acadou numerosos premios e foi traducida a varios idiomas.

Hora de Ler na 1ª avaliación

Amosamos o calendario da Hora de Ler para este primeiro trimestre. Recordade que empezamos o xoves 29 a primeira hora.

Gozade da actividade!

 

Distribuir contido


by Dr. Radut