Skip to Content

Onte vimos estrelas!

Onte celebramos unha "Xornada Astronómica" para o alumnado de 1ºESO no noso insti, que comezou coa representación teatral da obra O noso sistema solar, a cargo dun grupo de rapaces/as de 1ºA e 1ºB. Logo de participar nun divertido kahoot sobre a temática do día, os alumnos/as asistiron a unha sesión de cine, co visionado da película Marte (The Martian).

Por último, gozamos dunha observación astronómica, dirixida por Pedro Pablo Campo Díaz, investigador da USC e un dos implicados nas actividades de divulgación astronómica incluídas no programa TODOCOSMOS, desenvolvido polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela e coa financiación da FECYT  (Ministerio de Economía, Industria e Competitividade). Rapazada e profesorado puidemos observar a Lúa, Saturno, estrelas, cúmulos estelares e nebulosas, e localizamos algunhas constelacións e outros corpos celestes. Resolvemos dúbidas e plantexamos cuestións, e despedimos a xornada observando de novo o noso satélite, que estaba máis baixo e brillaba máis bonito. Colofón perfecto para unha xornada intensa, pero sen dúbida interesante!

Premendo no seguinte enlace podedes ver algunhas fotos!

Aquí queda resumido o desenvolvemento de cada unha das actividades da xornada:

Despois de xantar e tras un tempo libre de ensaio e xogo, un grupo de rapaces e rapazas de 1ºA e 1ºB representaron na aula de usos múltiples a pequena obra teatral O noso sistema solar (escrita por Noa Tedín e Laura Sar en colaboración co resto dos actores e actrices) fronte aos demais compañeiros/as de clase.

A continuación, todos comprobaron os seus coñecementos sobre o Universo e a xeosfera participando por equipos nun kahoot! preparado polo departamento de CCNN na aula de informática. Parabéns ás gañadoras: Alba González, Bineta Thiam e Claudia Santos.

Tocou despois a "sesión cine", na biblioteca: vimos a película Marte (The Martian), de Ridley Scott. Aínda que algo longa (2 horas de metraxe), gustoulle bastante á rapazada.

Rematamos a xornada coa observación astronómica. Comezamos observando a Lúa co telescopio que Pedro colocou na cancha de fútbol, escoitando a súa explicación sobre o noso satélite e o seu movemento de rotación e translación arredor da Terra, e resolvendo dúbidas como "por que non vemos a súa cara oculta", ou "que é a luz cenicienta". Despois tocoulle o turno a Saturno e descubrimos que non é o único planeta do sistema solar xunto con Urano en presentar aneis (tamén Xúpiter e Neptuno!). Vimos ademais un cúmulo estelar, unha estrela dobre e unha nebulosa. Ao longo das observacións Pedro ía contestando ás cuestións plantexadas por alumnos/as e profes, como "cal era a idade do Sol", "cando se apaga unha estrela" ou "cantas estrelas se podían ver nun ceo despexado". Axudounos a localizar a estrela Polar e algunhas constelacións como Cefeo, Saxitario, Casiopea ou a Osa Maior. Tamén observamos a Vía Láctea dende o noso IES. E por último, a rapazada insistiu en volver ver co telescopio a Lúa, que xa estaba máis baixa e o aspecto era todavía máis bonito.

O departamento de CCNN quere agradecer ao Observatorio Ramón Mª Aller da USC a organización deste tipo de actividades, e en especial ao profesor José Ángel Docobo e ao investigador Pedro P. Campo; tamén a inestimable axuda do profesorado do centro que colaborou nesta xornada e ao resto dos asistentes á observación (mención especial para o meu antigo compañeiro de departamento, Xaquín) e por suposto ao alumnado participante.



page | by Dr. Radut