Continuando cas actividades para conmemorar o 25N, hoxe o alumnado e o profesorado de 1º e 2º ESO recibimos a visita de Marilar Aleixandre. Empregando como fío condutor a súa novela "A cabeza de Medusa", falounos sobre a violencia sutil e non reflexionada que envolve o noso día a día e á que estamos habituados.
Esta actividade desenvolveuse dentro do programa "Pasemos Páxina", organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
Narradora, poeta, tradutora, Marilar Aleixandre usa o galego como lingua literaria e afirma que ten a lingua partida, pero que non tódolos bechos con lingua bífida son perversos. En canto aos libros, di que no fondo son mensaxes escritas con tinta, chuspe ou sangue que guindamos ao baleiro coa esperanza de que alguén os reciba. Afeccionada a recoller palabras descarreiradas, gárdaas entre as liñas de relatos e poemas.
Algúns temas recorrentes nos seus libros son as traizóns, sobre todo as traizóns a un mesmo, a unha mesma e as tortuosas relacións familiares.
En 2017 entrou a formar parte da Real Academia Galega, co discurso Voces termando da paisaxe galega.
Vive en Santiago de Compostela, onde escribe e investiga na argumentación e didáctica da bioloxía.