Skip to Content

Actividades no centro

Actividades no centro

PLASTIQUINA CHEGA AO NOSO CENTRO

Hoxe tivemos unha visita moi especial. A Concelleira de Educación, Pilar Casas, fíxonos a entrega de Plastiquina, a moneca embaixadora do Proxecto Desplastifícate.

Este proxecto xurdiu no grupo do traballo sobre Desenvolvemento Sostenible no XXXI Encontro das Escolas Asociadas da UNESCO (Benidorm, xullo de 2018) coa finalidade de traballar no problema da contaminación por plásticos.

A contaminación por plásticos, a pesar de ser recente, ten un peso indiscutible sobre o planeta e a súa produción estivo aumentando sostenidamente nos últimos 50 anos, mentres que a súa reciclaxe non vai á vez. No mundo soamente unha fracción dos plásticos descartados recíclase, e segundo un novo informe de ONU Medio Ambiente, si continuamos así, a produción de plástico non só crecerá, senón que se duplicará nas próximas décadas.

DÍA DA PAZ

O día 30 de xaneiro celebramos o Día Escolar da Non-Violencia e a Paz (DENIP). Esta xornada foi fundada no 1964 polo poeta Llorenç Vidal, quen elixiu a data do 30 de xaneiro por ser a coincidente coa morte de Mahatma Gandhi, líder nacional e espiritual da India. Esta é unha iniciativa educativa non-violenta e pacificadora que defende e promulga unha educación baseada na concordancia, na tolerancia e na paz.


O noso centro, a iniciativa das Escola Asociadas da UNESCO de Galicia dedicamos este día á figura de Isabel Zendal, recoñecida pola OMS no 1950 como a 1ª enfermeira da historia en misión humanitaria internacional.


Por isto,  nun acto celebrado no patio do instituto homenaxeamos a Isabel Zendal, persoa clave para conseguir erradicar a enfermidade da varíola.

XORNADA SOBRE A COMPOSTAXE

O 9 de xaneiro, nada máis volver das vacacións de Nadal, pasamos unha boa parte da mañá atendendo as explicacións que Marcelo, técnico especialista de Revitaliza, nos dou ao alumnado novo no Centro sobre a compostaxe. Asistimos o alumnado de todo o 1º de ESO, 1º de FPB e 1º de Ciclo, co correspondente profesorado. Esta interesante xornada tivo varias quendas, mais todas elas cunha estrutura idéntica en dúas partes: unha primeira, celebrada en Usos Múltiples,  onde a través dun audiovisual se nos introduciu nos aspectos básicos da compostaxe; e unha segunda, na que, dende o propio composteiro que temos no Instituto, se visualizou na práctica as ideas e contidos impartidos.


Estimamos que debemos, a través de prácticas tan oportunas como a da compostaxe, contribuír a coidar a natureza. Estamos protexendo o medio ambiente con iso!

XORNADA DIVULGATIVA. ATLANTIS: A CIENCIA DO MITO

Este xoves 23 de xaneiro, o xornalista Emilio Varela, que conta cunha longa traxectoria na elaboración de proxectos de divulgación medioambiental, presentounos unha viaxe pola área mediterránea na que, utilizando o vulcanismo como fío condutor, desenvolveu un proxecto transversal no que se entrelazan temas de xeoloxía, historia, filosofía e ecoloxía.


Hai 3600 anos, en plena Idade do Bronce, produciuse na illa de Thera (actual Santorini, en Grecia) unha erupción volcánica moito máis destrutiva que a que sepultou Pompeia e Herculano no ano 79 da nosa era, e que supuxo o ocaso da civilización cretense ou minoica que dominaba o Mediterráneo naquela época. Foi este feito, transmitido de xeración en xeración, o que inspirou ao filósofo Platón para crear o mito da Atlántida?

EN GALEGO, ENTÉNDOTE

Aquí vos presento ao noso marabilloso equipo de dinamización lingüística do Galego coa nova camiseta que os identifica e do trinqui. Eles e elas escolleron o lema da camiseta "En Galego, Enténdote" escolleron tamén a cor, azul celeste , unha das cores de galiza, e do celtiña de Vigo, por que non dicilo?.Eles e elas van ter unha Misión ( imposible?, non creo) durante o que resta do mes de xaneiro e durante todo o mes de febreiro. A misión consiste en conseguir neofalantes en galego, é dicir, conseguir que compañeiros ou compañeiras que adoitan falar en castelán, comecen a falar o galego de maneira habitual. Difícil reto, xa o sabemos, mais temos que tentalo. Haberá éxitos e fracasos pero , é que a vida é así, ou?

CHARLA FORMATIVA DO COMANDO IGUALDADE E DIVERSIDADE

 A profesora de filosofía Chis Oliveira ofreceu unha sesión formativa para o Comando igualdade e Diversidade que se está a crear no IES. O primeiro Comando Igualdade creouse no 2009 baixo a batuta desta profesora cando daba aulas no IES Alexandre Bóveda.


Este luns quixo poñer á nosa disposición toda a súa experiencia para nos fornecer de ferramentas e nos dar ánimos nesta iniciativa que estamos a comezar con ilusión.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut