VII Certame de fotografía “Imaxes do patrimonio”: ENTREGA DE PREMIOS
O pasado venres, 15 de novembro, unha pequena delegación do IES Número 1 de Ribeira acompañamos a Ainoa González Cañestro á gala de entrega de premios da VII edición do certame As imaxes do Patrimonio, convocado pola asociación cultural Ponte...Nas Ondas.
O acto tivo lugar no Centro Veciñal e Cultural de Valadares, en Vigo, e Ainoa foi acompañada por Paula Martínez, gañadora do I certame do noso instituto en 2022 e dúas docentes: Beatriz Cañestro, profesora de inglés e nai orgullosa de Ainoa, en representación do IES, e Marcos Fernández, coordinador do EDLG.
Ainoa recolleu o seu premio por acadar o 1º posto nas imaxes do patrimonio galego-português de ensino secundario, coa impresionante fotografía do seu tataravó palangreiro no porto de Castiñeiras. Unha imaxe que nos amosa como, naquela altura, alá polo ano 1957, esta arte de pesca artesanal para a captura do congro supuña un enorme traballo de preparación e un gran esforzo para a mera elaboración do aparello de pesca. Rogelio carga sobre os seus ombreiros con todo o sistema de cordas e boias para o seu quefacer diario. Unha vida dura e esforzada, que tamén se amosa na propia face do tataravó de Ainoa, a quen, aos seus 50 anos de vida, hoxe considerariamos un home adulto, mais aínda novo, pero que a mediados do século XX amosaba claramente ter pasado 5 décadas de duro traballo. Unha imaxe para a historia do noso patrimonio cultural.
Parabéns a Ainoa e... xa sabedes: a participar na seguinte edición!