CONTACONTOS DO SAMAÍN 2024
Un ano máis desde o EDLG do IES Número 1 celebramos o Samaín 2024 cun contacontos multinivel o pasado 30 de outubro:
Grupiños de alumnado voluntario de 4ºESO aprenden e ensaian, ao longo de outubro, unha serie de contos literarios de misterio, medo e intriga, para contalos nas aulas de 2ºESO cara ao Día dos Defuntos. Do mesmo xeito, outros equipos de 3ºESO fan o propio, desta volta cunha xeira de contos populares, tamén aterrecedores, para achegarse ao alumnado de 1ºESO.
Cambiamos roles. Situamos o alumnado no centro de atención e practicamos a competencia lingüística, a oratoria, a autonomía e o traballo de planificación, así como a familiarización cunha expresión cultural fundamental: a historia de transmisión oral. Todo co gallo, por suposto, de traballar pola normalización da nosa lingua na vida cotiá dun alumnado reticente a incorporala ao seu día a día con naturalidade.
Grazas a todo o profesorado que fixo posible a coordinación da actividade, tanto as e os membros do EDLG, que prestaron o seu tempo para ensaiar e para xerar lazos de proximidade co alumnado, como tamén grazas ao resto das e dos docentes que cederon as súas aulas para permitir o desenvolvemento desta iniciativa. E, sen dúbida, moitas grazas a toda esa rapazada voluntaria que sostén os piares da educación non formal. Sen elas e sen eles non habería contacontos e por iso as mencionamos:
- Aida, Ainoa, Hugo e Yudnery en 3º ESO-A.
- Valeria, Tuan, Luisa, Olalla, Juan, Irene, Uxía, Inés e Pablo en 3º ESO-B.
- Javier, Álex, Aroa, Doha, Carla, Carolina e Alicia en 3ºESO-C.
- Amaia, Hugo, Uxía e Cayetana en 4ºESO-A.
- Daniela, Lara e Noa en 4ºESO-B.
- Antón, Xoel, Noa, Marta e Samuel en 4ºESO-C.
Contos literarios: "O neno suicida" e "Sobre da morte de Bieito" de Rafael DIESTE; "O enigma do menhir" de Agustín FERNÁNDEZ PAZ; "Antón de Cidrán", "O lordanas" e "Viñan do alén" de Ánxel FOLE; "O Suso" de MÉNDEZ FERRÍN; e "Área de servizo" de Carlos NEGRO.
Contos populares: A ánima en coiros; A Casa do Medo de Lariño; A caveira da corredoira do Forniño; A caveira de Doade; A Cruz de Canoura; A fonte da nena; A luz das ánimas; A morte do noivo; A Santa Compaña do Freixo; A sombra peregrina da Quintana; A vella queimada en Triabá; Floralba e o peregrino; Luciñas en Ourol; Machismo de ultratumba; Unha misa na noite; e Visións nunha casa de Espiñeira.
Velaí unha pequena selección fotográfica: