Esquema de temas

  • 2. Arte clásica grega

  • 3. Arte clásica romana

  • Arte paleocristiá e arte bizantina

  • 5. Arte islámica e mudéxar

  • 6. Arte prerrománica

  • 7. Arte románica

  • 8. Arte gótica

  • 9. Arte renacentista

  • 10. Arte barroca e rococó

  • 11. Neoclasicismo e Romanticismo. GOYA

    • ver características da pintura rococó (px. 258 do tema 10)

      ver características da pintura neoclásica (px. 307)

      ver características da pintura romántica (px. 310-313)

      ver evolución de Goya nas páxinas 307-308

  • 12. Do Realismo ao Modernismo

  • 13. Primeiras Vangardas. A arquitectura: Movemento Moderno

  • 14. Segundas Vangardas e últimas tencencias

  • Vocabulario

    Destacado

     

     

                      VOCABULARIO DE CONCEPTOS E TERMOS ARTÍSTICOS

    1-Ábsida (cast.ábside): construción con planta xeralmente semicircular e ás veces poligonal, cuberta cunha bóveda de cuarto de esfera (bóveda de forno); nos edificios relixiosos sobresae na parte posterior (cabeceira) onde se sitúa o altar maior.

    2-Altorrelevo: relevo no que as figuras ou motivos sobresaen do plano máis da metade do vulto.

    (aparello (cast.aparejo): modo ou disposición no que se colocan as pedras, ladrillos ou calquera outro material nunha construción)
    2-Aparello almofadado
    : coa cara exterior do perpiaño abultada repecto aos bordes (labrados en forma de almofada).
    2-Aparello de cachotería
    : a base de pedras sen labrar, ou pouco labradas, aparelladas sen orde de fileiras nin tamaños, e unidas con argamasa, xeso ou cal.
    2-Aparello de perpiaño
    : formado por bloques coidadosamente labrados, colocados en fileiras regulares, de xuntas finas, presentando unha superficie lisa.
    1-Arcobotante
    (cast. arbotante): arco que transmite parte do peso dunha bóveda ou dun arco ao exterior, descargándoo nun contraforte (xeralmente rematado por un pináculo). Son característicos do estilo gótico.
    1-Arco apuntado
    : o que está formado por dous arcos de circunferencia con igual radio, pero distintos centros, e que ao se cruzar forman ángulo.
    1-Arco de ferradura
    : arco de trazado  maior da media circunferencia, ou sexa, cos arranques máis baixos que a media circunferencia.
    1-Arco de medio punto
    : o equivalente a media circunferencia.
    1-Arco de faixa
    : saínte e de reforzo no intradorso dunha bóveda de canón.
    1-Arco formeiro
    (cast.formero): arco sustentante do muro, que corre paralelo ao eixo lonxitudinal dunha nave, separándoa da contigua. 
    1-Arco peraltado
    : o de medio punto prolongado cara abaixo por liñas verticais.
    -Arco rebaixado
    : arco de circunferencia menor que a metade desta.
    1-Arquitrabe
    : parte inferior dun entaboamento, ou elemento horizontal sobre o que descansa o friso, e que apoia directamete sobre columnas ou outros elementos sustentantes.
    1-Arquivolta
    : na cara exterior dun arco,moldura esculpida nas doelas dos arcos concéntricos, seguindo a curvatura do arco.
    2-Baixorrelevo
    : relevo escultórico que sobresae do plano menos da metade do vulto representado.
    2-Baldaquino
    : estrutura en forma de dosel, xeralmente sobre catro elementos de apoio para cubrir un altar, un trono ou unha tumba.
    2-Baptisterio
    : parte do templo onde se atopa a pila bautismal.//Edificio xeralmente exento, de pequenas dimensións e planta central, onde se atopa a pila bautismal, que soe estar xunto ao templo.
    1-Base
    : parte inferior da columna sobre a que se apoia o fuste (non existe na orde dórica).
    1-Bóveda de aresta
    : a que se forma ao cruzarse dúas bóvedas de canón perpendiculares de igual frecha, do que resulta o cruce de dúas arestas.

    1-Bóveda de canón: a orixinada por un arco de medio punto que se despraza seguindo un eixe lonxitudinal.
    1-Bóveda de cruzaría
    (cast.crucería): aquela cuxa estrutura está composta por arcos que arrancan dos ángulos e crúzanse diagonalmente (tamén chamados nervos), cunha clave central común, e cuxo espazo se cubre cunha  plementería sustentada.( Pódense multiplicar os nervos, distinguindo entre os  sustentantes, que se cruzan diagonalmente na clave maior, e outros sustentados)
    1-Canon
    : unidade de medida que se toma para establecer as proporcións dunha obra de arte e especialmente da figura humana conforme a un determinado ideal. O canon dá a relación de armonía entre as partes. Entre os gregos, por exemplo, o canon de Lisipo equivalía a oito cabezas para a figura completa.
    1-Capitel composto
    : capitel que combina as volutas do xónico  cas follas de acanto do corintio.
    1-Capitel corintio
    : decorado con varias fileiras de follas de acanto con pequenas volutas no alto das esquinas.
    1-Capitel dórico
    : capitel sinxelo, consistente nun equino (moldura convexa) e sobre el un groso ábaco (peza cadrada).
    2-Capitel xónico
    : capitel con volutas nos ángulos e que culmina cun ábaco.

    2-Ciborio: torre levantada sobre o cruceiro dunha igrexa a fin de iluminar o interior (a diferenza do tambor, que realza a cúpula e parece unha prolongación da mesma). De planta xeralmente cadrada, ou poligonal, cúbrese con cúpula  e moitas veces remata nunha torreciña. Sóese dispoñer  interiormente como cúpula e  exteriormente como torre.

    2-Claroscuro : técnica pictórica que utiliza tonos fortemente contrastados para definir figuras, obxectos e volumes emerxendo da escuridade. Característica de moitos pintores barrocos, como Caravaggio ou Rembrandt.
    1-Clave dun arco
    : doela central dun arco (situada no centro dos empuxes do mesmo). Nunha bóveda, pedra central (no que respecta aos empuxes ) e máis elevada, e por extensión, o rosetón que ás veces a decora.
    3-Color plana
    : color aplicada de forma homoxénea por toda a superficie que ocupa, sen variacións, degradados nin efectos.
    3-Color primaria
    : a que non se pode o obter mediante a mezcla de ningunha outra; a combinación das cores primarias produce tódalas demáis cores; son o vermello, o amarelo e o azul.(modelo tradicional de coloración).
    3-Color secundaria ou binaria
    : é(no modelo tradicional de  coloración) a que se forma ca mezcla de dúas cores primarias en partes iguais; son: alaranxada(vermello e amarelo), verde(amarelo e azul) e violeta(vermello e azul).
    3-Color complementaria
    : cores que ao conxuntalas potencian a súa viveza; son complementarias unha cor binaria e a primaria que non interviú na súa composición (amarelo e violeta, vermello e verde, azul e laranxa). Na pintura impresionista empregouse con éxito esta técnica.
    2-Columna salomónica
    : aquela cuxo fuste describe varias espirais superpostas en torno a un mesmo eixe vertical.
    1-Contraforte
    : pilar de construción adosado a un muro para reforzalo e contrarrestar o empuxe cara ao exterior do arco ou da bóveda.
    1-Contraposto
    : oposición harmónica das distintas partes do corpo da figura humana, o que proporciona certo movemento e contribúe a rachar a lei da frontalidade. Foi o escultor Policleto quen o puxo en práctica en obras como o Doríforo. Basicamente consiste en concentrar o peso nunha das pernas e manter o resto do corpo relaxado o que orixina na figura unha suave curva e contracurva na súa vertical.
    1-Cornixa
    : parte superior e máis saínte dun entaboamento, composta de varias molduras.(tamén moldura ou molduras que rematan un elemento ou un corpo). A súa función orixinaria é evitar que a auga da chuvia incida directamente sobre o muro.
    2-Cadro de Historia
    : xénero considerado como a máis alta categoría en pintura dende o Renacemento ata o século XIX e que dominou no ensino académico no XVIII. Non se limitaba a acontecementos puramente históricos, senón que incluía calquera tema de alta inspiración,  derivado da Biblia ou da literatura clásica, cunha interpretación dramática. Agora ben, sóese reservar a denominación de “pintores de historia”aos do Romanticismo e aos do Realismo do século XIX, autores de inmensos lenzos de grande virtuosismo pero sen emoción estética.  
    2-Cadro de xénero
    : pintura de temas propios da vida cotiá, tal como son, sen idealizalos, xeralmente en cadros de pequeno tamaño.
    2-Cúpula
    : bóveda semiesférica (tamén chamada de media laranxa) ou de sección cónica que se levanta a partir dunha planta cadrada, poligonal, circular ou elíptica. 
    1-Curva praxiteliana
    : tipo de contrapposto acentuado, moi elegante, típico de Praxíteles, no que a curva formada pola inclinación da cadeira chega a ser moi pronunciada, imprimindo un perfil de “S” ás súas esculturas.
    1-Deambulatorio
    : nave dunha igrexa que, como prolongación das laterais, rodea por detrás a capela maoir. Tamén chamado xirola (cast. girola).
    1-Doela
    (cast. dovela): perpiaño de pedra tallado en forma de cuña, que se utiliza como peza para a construción dun arco.
    1-Espazo límite (escultura. Véxase H. Focillon, “La vida de las formas”)
    : espazo delimitado por elementos arquitectónicos que inflúe nas formas do relevo ó limitar a súa expansión de xeito que este adquire forma mural, modera os volumes e só suxire o movemento sen romper a continuidade de planos.
    O espazo concibido como límite é propio da arte grega arcaica ou da arte románica.

    1-Espazo medio (escultura. Véxase H. Focillon, “La vida de las formas”): espazo aberto á expansión dos volumes escultóricos de modo que supera os límites impostos pola arquitectura, estendéndose como formas vivas en planos múltiples e contrastados que a luz quebra. Favorece a dispersión dos volumes, o xogo de baleiros e as rupturas bruscas.
    É propio da arte helenística ou da arte barroca.

    1-Entaboamento: parte horizontal sustentada dun edificio clásico, composto de arquitrabe, friso e cornixa, xeralmente sobre columnas, pilastras ou piares.
    1-Éntase
    : na arquitectura clásica, o case imperceptible avultamento do fuste das columnas cara á súa parte central, a fin de corrixir o efecto visual que fai que parezan cóncavos os lados rectos.
    2-Escultura de vulto redondo
    : a que representa figuras ou obxetos corpóreos nas súas tres dimensións (na súa forma completa), exenta por todos os lados, en contraposición ao relevo.Tamén coñecida como-Escultura exenta: a que non está adosada, senón separada do conxunto do que forma parte.
    2-Esfumado/sfumato
    : sutil degradación do tono, da luz e a sombra, “como fume”(Leonardo), suavizando os contonos, esvaecéndoos e fundindo unha cor noutra. É unha técnica propia da pintura de Leonardo da Vinci e, en certo sentido, da súa achega á perspectiva aérea.
    2-Estatua ecuestre
    :  estatua (figura modelada ou esculpida de vulto enteiro) que representa a unha personaxe a cabalo. O retrato ecuestre ten carácter monumental e case sempre se fai con propósito de glorificación e conmemoración.
    1-Estatua-columna
    : estatua adosada ao fuste dunha columna.
    2-Estilo
    : conxunto de características estéticas, estruturais e decorativas que dan unha fisonomía  común ás obras artísticas dun período histórico, dunha escola ou dun mestre.
    1-Friso
    : franxa horizontal decorativa, na parte media do entaboamento dun edificio clásico, entre a cornixa e a arquitrabe. Na orde dórica está dividido en tríglifos e métopas, podendo decorarse estas con relevos. Tamén ás veces leva decoración escultórica o friso corrido das ordes xónica e corintia.
    1-Fuste
    : elemento vertical da columna entre a base ou a estilóbata e o capitel; segundo a súa decoración pode ser liso, acanalado…
    2-Iconografía
    : ciencia que estuda e describe o repertorio de imaxes (orixe, tema, identificación a través dos seus atributos…) que compoñen a expresión gráfica de determinados saberes ou ideas: iconografía cristiá, iconografía mitolóxica, etc.
    2-Iconoloxía
    : ciencia que estuda as formas e o significado das imaxes; diferénciase da iconografía en que esta ten por fin a sinxela descrición de imaxes, mentres que a iconoloxía estúdaas en todos os seus aspectos, compáraas e clasifícaas, chegando ata formular leis ou regras para coñecer a súa antigüidade e diversos significados e interpretacións.

    2-Imposta: superficie de apoio ao arranque dun arco ou bóveda, frecuentemente organizado por unha cornixa, ou saínte que acusa o plano de división dun muro en zonas horizontais.
    2-Liña serpentinata
    :   Liña compositiva da figura humana en serpentina. Conforma un xiro violento sobre si mesma de modo que as figuras contrabalancean cabeza, ombreiros e cadeiras. É unha configuración moi propia do Manierismo.
    2-Ménsula
    : elemento que, sobresaíndo do muro, sirve para soportar os empuxes e o peso de outro en voladizo (como un balcón ou unha cornixa). É no barroco onde ten un papel fundamentalmente decorativo, adquirindo formas peculiares.
    2-Métopa
    (cast. metopa): espazo cadrado, moitas veces decorado con relevos, entre dous tríglifos, no friso de orde dórica.
    -Modelado
    : arte de formar estatuas ou relevos con barro, cera ou outro material dúctil.//Tamén  se chama así á calidade formal lograda polo escultor nas súas obras e, por extensión, ao efecto de volumen nas figuras pintadas ou debuxadas.
    2-Nártice
    (cast. nártex): vestíbulo, parte porticada do atrio, posto ao ancho da fachada occidental nalgunhas igrexas cristiás primitivas, destinado aos catecúmenos. Co cambio litúrxico caeu en desuso pero consérvase como vestíbulo a modo de pórtico que soe preceder ás igrexas.
    -Natureza morta/bodegón
    : pintura de seres inanimados, destacando en España con Velázquez ou Zurbarán.
    -Paisaxe
    : xénero pictórico que representa escenas da natureza, tradicionalmente de forma realista, aínda que tamén hai outros tipos de paisaxes como os que se inspiran nos soños (paisaxes oníricas no surrealismo). Aparece na historia da pintura como fondo de escenas doutros xéneros pero foi gañando relevancia ata se constituir en xénero na pintura holandesa do XVII.
    1-Parteluz
    : ou mainel: piar ou columna que divide verticalmente en dúas partes un oco arquitectónico. O seu uso máis xeralizado correponde ás portas e xanelas do estilo gótico. Cando ocupa o centro dunha porta principal dun templo, soe levar a imaxe da Virxe ou dalgún santo.
    2-Pendente
    (cast.pechina): cada unha das catro superficies triangulares cóncavas sobre cuios lados superiores apoia a base da cúpula. Un sistema de catro pendentes permite pasar dunha planta cadrada á base circular da cúpula.
    1-Perspectiva xerárquica
    : É aquela na que os personaxes aparecen de maior ou menor tamaño, en función da súa importancia.  
    -Perspectiva aérea
    : ou atmosférica: baséase na varación de tonos e cores e de precisión das liñas nunha paisaxe a causa da atmosfera, para producir ilusión de  profundidade. Así as partes máis distantes soen ser menos brilantes, máis pálidas  e de coloración máis fría (tirando a azul pálido) e liñas menos precisas.
    2-Perspectiva lineal
    : Tipo de perspectiva basada na converxencia das liñas  nun punto (punto de fuga). Estas liñas imaxinarias chámanse liñas de fuga. Establece fórmulas xeométricas para representar a disminución progresiva do tamano aparente dos obxectos.
    -Pictórico
    :   En principio, relativo ou pertencente á arte da pintura, ou adecuado para ser representado en pintura.Tamén se emprega para referirse a aquelas obras de arte que polas súas calidades producen unha gran sensación de textura.
    -Piar
    : elemento vertical de soporte, xeralmente exento, de sección poligonal ou circuar, que non está sometido á normativa dunha orde.
    -Pilastra
    : pilar adosado a un muro; pode ter función estrutural ou meramente decorativa.
    2-Plan central
    : aquel no que os muros exteriores equidistan aproximadamente dun punto central, ou con ao menos dous eixos de dimensións iguais que se cruzan no dito punto central. Adopta as formas circular, poligonal e de cruz grega.
    2-Planta basilical
    : planta lonxitudinal de forma rectangular. Adoita estar dividida en naves (3, e excepcionalmente 5 nas igrexas cristiás) separadas por columnas e rematadas nunha ou máis ábsidas.
    2-Planta cruz grega
    : a que presenta os brazos ou naves iguais.
    2-Planta cruz latina
    :  planta lonxitudinal en forma de cruz cun brazo máis curto que o outro. O brazo menor denomínase transepto e o lugar no que ambos se cruzan é o cruceiro. Pode presentar unha o varias naves.
    3-Plástico
    :  Arte de plasmar ou modelar obxectos en materiais brandos e dúctiles. Tamén se refire ás calidades dunha obra que a fan expresiva especialmente pola consecución de calidades formais.

    -Presbiterio: recinto da capela maior dunha igrexa, case sempre algo elevado respecto á nave e separado dela por gradas, cancel…, que se reserva para o clero (aquí dispóñense os elementos litúrxicos necesarios para o rito) e onde con frecuencia está instalada a sillería de coro.
    -Retrato
    : efigie pintada, esculpida ou dibuxada dunha persoa, recoñecible ou individualizada polos seus rasgos físicos, pola súa expresión anímica e incluso pola súa indumentaria, atributos e entorno.
    -Rosetón
    : xanela de forma circular con trazaría radial, que pode estar aberta ou pechada por vidrieiras, e que aparece sobre todo nos estilos románico e gótico. Tamén calquera xanela redonda.
    -Técnica de panos mollados
    : Técnica escultórica de modelado plástico, conseguido por medio dos panos da roupa, tratados como se estiveran mollados de xeito que se pegan ao corpo e acusan as súas formas.
    -Tímpano
    : cara vertical comprendida entre as molduras dun frontón. Nas portadas, sobre todo nas románicas e góticas, espacio cheo entre o dintel e o arco de medio punto ou apuntado que o acubilla. Soe estar decorado en relevo cun tema iconográfico principal, e solemne, como o Pantocrátor, a Virxe Maxestade, o Xuízo Final, etc. Nun gablete, a superficie que queda delimitada polo ángulo do mesmo.
    -Torso
    : figura humana, con cabeza ou sen ela, cos membros cortados por debaixo dos hombreiros e no alto dos muslos; máis frecuentemente estatua con estas características.
    -Tribuna
    : na igrexa cristiá, galería aberta construída sobre as naves laterais, xeralmente de igual anchura que estas.
    -Triforio
    : galería aberta no muro sobre as arcadas das naves laterais, de menor anchura que estas, a base de xanelas xeralmente triforas, sendo frecuente o carácter decorativo. É característico do gótico.
    -Triglifo
    : parte do friso de orde dórica consistente nun espazo rectangular con tres ou máis acanaladuras verticais, ou ben dúas flanqueadas por dúas medias acanaladuras. Os tríglifos alternan coas métopas.
    -Trompa
    :  estrutura triangular en forma de bovediña que serve para achaflanar as esquinas e máis concretamente para sustentar a bóveda semiesférica que se levanta sobre base poligonal.
    -Veladura
    : fina capa de cor translúcida aplicada a unha pintura xa seca, executada ao óleo ou ao temple. As veladuras foron moi utilizadas no século XVI e na primeira metade do XVII, especialmente por Tiziano e por Rembrandt.                                  
    -Xamba
    :   Elemento vertical que sostén a parte superior que pecha un vano (arco ou lintel) sempre que non sexan columnas.