Skip to Content

Concursos

Convocatorias de concursos

GALA "ENREDANDO CO GALEGO"

O mércores 12 de xuño desfrutamos da gala final da iniciativa "Enredando co galego”. En primeiro lugar, Grande Amore animou o público asistente. A segunda parte da gala consistiu nun sorteo de 2 lotes de libros e unha tableta por instituto. No noso caso, foron afortunados/as Yago de 2ºA, Narges de 3ºB e Sofía de 2ºB.

Por último,o xurado destacou a variedade de traballos presentados: relato breve, podcast, conto, poemas, vídeos, composicións plásticas...que se publicaron nas redes sociais co cancelo #enredandocogalego ou na páxina web da AELG. O terceiro premio foi para Celia Rodríguez de 1º BAC, o segundo para Sara Pico de 1º BAC e o gañador foi Eric de 2º ESO B polo relato "Ola, son Pedro". Ademais, o xurado destacou os textos de Martín Vila "Cantiga de amigo", os poemas de Yasmin  e o podcast recomendando unha lectura de Violeta, tres estudantes de 4ºESO.

Parabéns polo voso compromiso e pola vosa creatividade!

2º POSTO CONCURSO NACIONAL PROGRAMA-ME

Os alumnos Marcos Montaña, Adrián Valdés e Aaron Yáñez, do ciclo superior en Desenvolvemento de aplicacións multiplataforma acadaron un magnífico segundo posto no concurso de programación competitiva Programa-me (https://programame.com/) celebrado en Madrid o pasado 7 de xuño.

Participaron un total de 188 equipos de 79 centros distintos de toda España polo que o segundo posto é moi meritorio. Tamén foron o primeiro equipo en resolver un problema na fase final.

Na entrega de premios e diplomas, Marcos Montaña tamén recibiu o premio e o recoñecemento de todos os asistentes por ser o gañador do concurso nacional “Las 12 uvas” celebrado o pasado 31 de decembro na categoría de alumnos de segundo curso de ciclos formativos.

GAME JAM MURALLA 24

OLIMPÍADA MATEMÁTICA

O Círculo das Artes de Lugo acolleu a celebración da edición número XXV da Olimpíada Matemática Galega. Trátase dun evento enmarcado dentro dun proxecto internacional, orientado a fomentar o ensino das matemáticas.

Esta fase celebrouse simultaneamente nas sete cidades galegas, nela  participaron alumnos que cursan 2º da ESO do noso IES( Moraima Bagaría Vázquez, Malena e María Granero Vázquez, Martiño Casanova  Lamas, Estev e Eric Bedoya Neira), someténdose a unha proba individual que consistiu na resolución de cinco problemas.

FASE CLASIFICATORIA PARLAMENTO XOVE MODALIDADE BACH

O día 16 de marzo as nosas alumnas de 1º de BACH, Silvia Basanta, Laura García, Carla Gómez e Sara Pico, alcanzaron un ben merecido segundo posto na fase clasificatoria da liga de debate do Parlamento Xove, baseado nunha competición na que os diversos equipos debaterían sobre o tema formulado pola organización  (Regulación da IA por parte dos estados). A dificultade da actividade estivo en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se procedeu ó sorteo da postura a adoptar por cada equipo, ‘a favor’ ou ‘en contra’, da cuestión formulada.

Parabéns ás alumnas e como non,unha vez máis, ó seu profesor Xulio González!

CLASIFICACIÓN XI CONCURSO "LUCUS INTERCENTROS"

Grazas a todas e todos os participantes e colaboradores. Parabéns aos institutos gañadores!

* Preme nas imaxes

XI Concurso "LUCUS INTERCENTROS" - PARA VER EN DIRECTO


Para ver a retransmisión: preme no cartel ou escanea o código QR
NON ESTARÁ DISPOÑIBLE ATA O MOMENTO DO CONCURSO

cartel do Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo

Cartel deseñado polo CF de Audiovisuais - encargados da retransmisión

Para ver a retransmisión: preme no cartel ou escanea o código QR
NON ESTARÁ DISPOÑIBLE ATA O MOMENTO DO CONCURSO


Ligazón directa para ver en Youtube:  https://youtube.com/live/jTgc4pxUzk0?feature=share

SORTEO EQUIPOS "LUCUS INTERCENTROS"

XI CONCURSO "LUCUS INTERCENTROS"

*Consultade as bases premendo no cartel

BASES PARA PARTICIPAR NO CALENDARIO "O ANO DAS CULTURAS DO MUNDO"

Poderá participar no concurso para elaborar o calendario do ano 2024 toda a comunidade educativa (preferentemente alumnado) do IES MURALLA ROMANA.

A temática do concurso será "O ANO DAS CULTURAS DO MUNDO"(é dicir calquera imaxe que faga relación á música, festas, gastronomía, construcións, paisaxe, vestimenta,…) Non se publicarán nin aceptarán arquivos con contidos contrarios ao dereito á honra, á intimidade persoal e familiar ou á propia imaxe das persoas, nin ningún outro que sexa contrario á legalidade vixente.

As fotografías ou ilustracións presentaranse en formato dixital. Deben ser arquivos preferiblemente JPG ou PNG e con boa resolución (calidade), en formato apaisado. O peso do arquivo non debe superar un máximo de 10 Megabytes (10MB). O nome do arquivo incluirá o curso, nome e primeiro apelido do autor/-a e a palabra elixida para a cultura do mundo que reflicte a fotografía/ilustración. Exemplo: 1ºESO_A_NomeApelido_bereberes.jpg.

Cada fotografía enviarase por correo electrónico ao enderezo actividadesmuralla@gmail.com co asunto da mensaxe “Calendario.Culturas do mundo”. Tamén se poderán presentar as fotografías nun lapis de memoria entregándoo ao profesorado responsable desta actividade.

O período de envío de fotografías remata o 27 de outubro de  2023, inclusive.

A presentación das fotografías/ilustracións suporá a aceptación e autorización ao IES Muralla Romana para a publicación das mesmas na súa páxina web, medios dixitais, soportes en papel, catálogos etc. Aínda que se manteñen os seus dereitos de autor.

Cada participante poderá presentar un máximo de 2 fotografías e/ou ilustracións. Non se aceptarán traballos realizados por persoas distintas ao autor/-a ou que non sexan propiedade do autor/-a nin tampouco traballos que foran premiadas con anterioridade noutros certames ou concursos.

O participante manifesta e garante que é o/a único/ a titular de todos os dereitos de autor sobre a fotografía/ilustración que presenta a concurso e responsabilízase totalmente de que non existan dereitos de terceiros nas obras presentadas, así como de toda reclamación de terceiros por dereitos de imaxe.

Formarase un xurado formado por cinco profesores/-as do instituto (1 pertencente ao grupo de biblioteca, 1 representante do equipo directivo, a coordinadora do EDLG, 1 Departamento Galego e 1 en representación do claustro) e un/ unha representante do persoal non docente. Outorgaranse 1º, 2º e 3º premio entre as imaxes presentadas polo alumnado.

Ademais das tres fotografías premiadas elixiranse outras nove para elaborar o calendario do 2024.

Os criterios, para a elección dos premiado,s do xurado serán a creatividade, a mensaxe e a calidade artística da fotografía/ilustración. Rematado o prazo de inscrición e envío de fotografías, o veredicto do xurado terá lugar o 7 de novembro de 2023.

Aceptación das Bases: O feito de participar no concurso supón a total aceptación das bases e dos termos e condicións. O/A participante declara que as fotografías que presenta a concurso cumpren estritamente os requisitos sinalados nestas bases.

Distribuir contido


by Dr. Radut