BASES DO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA: " UN MES, UNHA MULLER! "Poderá participar no concurso calquera alumno/a do IES MURALLA ROMANA matriculado/-a no curso 2019-2020.
A temática do concurso será
"Un mes, unha muller". Non se publicarán nin aceptarán arquivos con contidos contrarios ao dereito á honra, á intimidade persoal e familiar ou á propia imaxe das persoas, nin ningún outro que sexa contrario á legalidade vixente.
As fotografías deben presentarse en formato dixital. Deben ser arquivos JPG e o seu tamaño mínimo de 2000 píxeles x 2000 píxeles, preferiblemente en formato apaisado. O peso do arquivo non debe superar un máximo de 10 Megabytes (10MB). O nome do arquivo incluirá o nome e primeiro apelido do autor/-a e o título da fotografía, por exemplo:
NomeApelido_camiñandopaseiñosempresechega.jpg.
Cada fotografía enviarase por correo electrónico ao enderezo
ies.muralla.romana@edu.xunta.gal co asunto da mensaxe “Concurso de Fotografía 2019”. Tamén se poderán presentar as fotografías nun pendrive entregándoo a Consuelo Devesa (vicedirectora).
A presentación das fotografías suporá a aceptación e autorización ao IES Muralla Romana para a publicación das mesmas na súa páxina web, medios dixitais, soportes en papel, catálogos etc. Aínda que se manteñen os seus dereitos de autor.
O período de envío de fotografías comeza o
1 de novembro de 2019 e remata o 30 de novembro de 2019, ambos inclusive.
Cada participante poderá presentar un máximo de 2 fotografías. Non se aceptarán fotografías realizadas por persoas distintas ao autor/-a ou que non sexan propiedade do autor/-a nin tampouco fotografías que foran premiadas con anterioridade noutros certames ou concursos.
O participante manifesta e garante que é o/a único/ a titular de todos os dereitos de autor sobre a fotografía que presenta a concurso e responsabilízase totalmente de que non existan dereitos de terceiros nas obras presentadas, así como de toda reclamación de terceiros por dereitos de imaxe.
Formarase un xurado formado por tres profesores/-as do instituto ( 1 pertencente ao grupo de biblioteca, 1 representante do equipo directivo e 1 en representación do claustro) e un/ unha representante do persoal non docente. Outorgaranse 1º, 2º e 3º premio entre as fotos presentadas polo alumnado.
Ademais destas 3 fotografías premiadas elixiranse outras 9 para elaborar o calendario do 2020.
Os criterios de avaliación do xurado serán a creatividade, a promoción á hora de recoñecer a presenza da muller na sociedade e a calidade artística da fotografía. Rematado o prazo de inscrición e envío de fotografías, o veredicto do xurado terá lugar o 3 de decembro.
Aceptación das Bases: O feito de participar no concurso supón a total aceptación das bases e dos termos e condicións. O participante declara que as fotografías que presenta a concurso cumpren estritamente os requisitos sinalados nestas bases.