Skip to Content

Actividades extraescolares

Actividades extraescolares

INDO Ó CINE EN GALEGO: "AS NEVES"

O alumnado de 1º BAC, FP Básica e 3º PDC asistiu a unha sesión de cine en galego o luns 17 de xuño. Vimos a película "As neves" baixo a dirección de Sonia Méndez. Neste filme predominan paisaxes de montaña da zona da Fonsagrada.  O argumento xira arredor dunha investigación policial tras o acontecido nunha festa da mocidade, durante o entroido. "As Neves" foi recoñecida coa Biznaga de Ouro no Festival de Málaga.

PERCORRENDO O CAMIÑO FRANCÉS

O 18 de xuño, o alumnado de francés do IES Muralla Romana e o alumnado francés da escola Notre Dame d'Elbeuf de Normandía (Francia), quedou para facer un tramo do camiño francés, partindo de Sarria.

Malia as condicións meteorolóxicas, os rapaces percorreron a parte máis bonita do camiño con bo ritmo e moi bo ánimo. Finalmente, chegaron a Portomarín onde  visitaron a vila e recuperaron forzas.  Os rapaces franceses quedaron abraiados pola paisaxe e historia da vila, xa que lembra o que pasou na Bretaña francesa (na cidade de Guerlédan). Retomaremos o camiño para o vindeiro curso.

Fin de curso

21/06/2024 00:00

Fin de curso

"ESCAPE GAME" EN FRANCÉS

O día 3 de maio o alumnado de francés de 3°ESO participou nun "jeu d'évasion" (escape game) en francés, na biblioteca do noso centro escolar. Un avatar creado por unha IA foi o punto de inicio do xogo.Tiveron 2 horas para resolver, de xeito colaborativo, crebacabezas de moitas clases. Atoparon unha morea de elementos coma falsos libros, lámpadas de luz ultravioleta, lupas vermellas, cadeados con segredos ocultos, mensaxes codificadas, códigos policromáticos, etc. E por suposto, tiveron que resolver enigmas en francés. Para rematar o reto, lograron abrir unha maleta de dobre fechadura no tempo acordado e recuperaron o premio! Dende logo, a lingua francesa abre moitas portas!

VISITA DO IES NOTRE DAME D´ELBEUF( NORMANDIE)

O día 31 de maio, o alumnado de francés de 3°ESO, 4°ESO e 1° BACH acolleu con moita emoción os rapaces franceses do IES Notre Dame d'Elbeuf (Normandie), que acaban de chegar a Lugo para facer prácticas en empresas. O noso alumnado encargouse da visita guiada, en francés, dos puntos máis salientables da cidade. Gozamos do paseo nun día solleiro e compartimos experiencias. Foi, sen dúbida, o comezo dunha enriquecedora relación intercentros.

MESA REDONDA: "A MOCIDADE, O FUTURO DO GALEGO"

O pasado 15 de maio as alumnas de 1º de BACH, Sara Pico e Carla Gómez foron convidadas pola asociación Rente Ao couce de Becerreá a unha mesa redonda que levaba por título: "A mocidade, o futuro do galego. Iniciativas pola lingua na infancia e xuventude".

Na mesa redonda participaron representantes de Semente (Escolas de Ensino Galego), de Familias polo Galego (A Mesa pola Normalización) ademais das nosas alumnas que foron expor a nosa experiencia como centro de ensino na iniciativa Aquí tamén se fala, como naceu, con que obxectivos, como foi a experiencia no noso centro e deixaron tamén moi claro que a nosa mocidade aposta polo galego e por estas iniciativas normalizadoras que loitan contra tantos prexuízos lingüísticos. Podemos dicir que tivemos unha gran e acertada representación neste coloquio sobre o galego e a mocidade.

VISITANDO A ALLIANCE FRANÇAISE E O MUSEO NACIONAL DA CIENCIA E TECNOLOXÍA (MUNCYT)

O alumnado de francés de 3°- 4º ESO e 1°de BACH foi á Coruña  descubrir o edificio da Alliance française & o Muncyt. No centro  de lingua e cultura francesa,  asistiron a unha presentación moi interesante sobre os exames oficiais do DELF & DALF xogando en francés para practicar a expresión oral.
Máis tarde, no Muncyt, ademais de subir nun avión, de ver a exposición do labirinto adicada ao cerebro e á parte de invencións, fixeron unha xincana sobre ciencia cun apartado especial en francés sobre as invencións francófonas. A experiencia resultou moi positiva, volcáronse na participación e completaron as actividades como bos detectives científicos.

LEMBRANDO A LUÍSA VILLALTA: LETRAS GALEGAS 24

Comezamos a semana das Letras con actividades na Biblioteca. O luns realizamos a actividade "Deconstruíndo a Luísa Villalta", con recortes de versos da autora para crear novos poemas expostos na cortiza, ademais duns lapbook realizados por 2º ESO B. Ó día seguinte, no lecer, tivo lugar un Kahoot sobre a biografía da homenaxeada, que gañou o equipo de Walid, Malena e Moraima.

O 15 de maio, desfrutamos dun recital-concerto en homenaxe a Luísa Villalta, puidemos escoitar poemas da autora da man de alumnado de 1º, 2º e 3º ESO, con música interpretada por Violeta Fraga Sal de 4º ESO B ó saxo e Carlos do ciclo DAM ó piano.Neste acto recitáronse partes das obras O oco da palabra, Música reservada, En concreto e Ruído.

Como peche, os presentadores reivindicaron a nosa lingua non só neste mes, senón os 365 días do ano.

GRADUACIÓN 2ºBACH

Un ano máis, o 15 de maio, alumnado e profesorado, reunímonos para o moi merecido acto de graduación de 2º BACH. Parabéns a tod@s e moita sorte!!

http://www.edu.xunta.gal/centros/iesmurallaromana/galeria/thumbnails.php?album=76

INTERCAMBIO CO IES DE CELANOVA (OURENSE)

Un ano máis o alumnado de 3° ESO visitou Celanova. Desta vez foi dunha forma moi especial: nun intercambio con estudantes dese mesmo curso do IES de Celanova.

En primeiro lugar, a través de intercambio de cartas e posteriormente, o día 15 de abril  xuntámonos polo centro de Lugo. Visitamos o Vello Cárcere, onde coñecemos todo o que aconteceu nesas paredes durante o Franquismo e o Centro de Artesanía e Deseño, que conta con exposicións sobre música medieval e olería tradicional galega.

O 6 de maio tocounos a nós viaxar ata a provincia de Ourense. Pasamos o día co alumnado do IES de Celanova, visitando lugares tan especiais como a Casa dos Poetas, casa natal de Curros Enriquez e o instituto, que forma parte do Mosterio de San Rosendo, e que conta cunha biblioteca histórica. No Mosteiro coñecemos o funcionamento do órgano grazas a Irma, a profesora de Música.

Como despedida,  recitamos en conxunto, con moito ímpeto, os poemas “Deitado frente ao mar” e “Poema nuclear” de Celso Emilio Ferreiro.

Distribuir contido


by Dr. Radut