Skip to Content

BASES PARA PARTICIPAR NO CALENDARIO "O ANO DAS EMOCIÓNS"

Cartel concursoPoderá participar no concurso para elaborar o calendario do ano 2023 toda a comunidade educativa (preferentemente alumnado) do IES MURALLA ROMANA.

A temática do concurso será "O ANO DAS EMOCIÓNS". Non se publicarán nin aceptarán arquivos con contidos contrarios ao dereito á honra, á intimidade persoal e familiar ou á propia imaxe das persoas, nin ningún outro que sexa contrario á legalidade vixente.

As fotografías ou ilustracións presentaranse en formato dixital. Deben ser arquivos preferiblemente JPG ou PNG e con boa resolución (calidade), en formato apaisado. O peso do arquivo non debe superar un máximo de 10 Megabytes (10MB). O nome do arquivo incluirá o curso, nome e primeiro apelido do autor/-a e a palabra elixida para a emoción que reflicte a fotografía/ilustración. Exemplo: 1ºESO_A_NomeApelido_agarimoso.jpg.

Cada fotografía enviarase por correo electrónico ao enderezo durotraballo18@gmail.com co asunto da mensaxe “Calendario. O ano das emocións”. Tamén se poderán presentar as fotografías nun pendrive entregándoo ao profesorado responsable desta actividade.

O período de envío de fotografías remata o 30 de novembro de 2022, inclusive.

A presentación das fotografías/ilustracións suporá a aceptación e autorización ao IES Muralla Romana para a publicación das mesmas na súa páxina web, medios dixitais, soportes en papel, catálogos etc. Aínda que se manteñen os seus dereitos de autor.

Cada participante poderá presentar un máximo de 2 fotografías e/ou ilustracións. Non se aceptarán traballos realizados por persoas distintas ao autor/-a ou que non sexan propiedade do autor/-a nin tampouco traballos que foran premiadas con anterioridade noutros certames ou concursos.

O participante manifesta e garante que é o/a único/ a titular de todos os dereitos de autor sobre a fotografía/ilustración que presenta a concurso e responsabilízase totalmente de que non existan dereitos de terceiros nas obras presentadas, así como de toda reclamación de terceiros por dereitos de imaxe.

Formarase un xurado formado por catro profesores/-as do instituto (1 pertencente ao grupo de biblioteca, 1 representante do equipo directivo, a coordinadora do EDLG e 1 en representación do claustro) e un/ unha representante do persoal non docente. Outorgaranse 1º, 2º e 3º premio entre as fotos presentadas polo alumnado.

Ademais das 3 fotografías premiadas elixiranse outras 9 para elaborar o calendario do 2023.

Os criterios de avaliación do xurado serán a creatividade, a mensaxe e a calidade artística da fotografía/ilustración. Rematado o prazo de inscrición e envío de fotografías, o veredicto do xurado terá lugar o 3 de decembro.

Aceptación das Bases: O feito de participar no concurso supón a total aceptación das bases e dos termos e condicións. O participante declara que as fotografías que presenta a concurso cumpren estritamente os requisitos sinalados nestas bases.

[CARTEL DO CONCURSO]



page | by Dr. Radut