O alumnado de Informática descubre como crear campañas publicitarias en Redes Sociais.
O pasado mércores 30 de outubro, o alumnado de ciclos formativos da familia de Informática do IES Monte da Vila participou nunha enriquecedora ponencia impartida por Fernando Rodríguez, Director da axencia galega "Con C de Comunicación".
Baixo o título "Como crear campañas publicitarias en Redes Sociais", Fernando explorou os pasos esenciais para deseñar e executar campañas publicitarias nas principais plataformas.
Durante a charla, Fernando destacou a importancia de seleccionar o público axeitado e a plataforma ideal para cada campaña, así coma os momentos de maior alcance, aspectos clave para maximizar a efectividade das accións publicitarias. O alumnado amosouse moi participativo, formulando preguntas interesantes que enriqueceron aínda máis a sesión.
Esta actividade, enmarcada no proxecto das aulas de emprendemento, proporcionoulles aos estudantes coñecementos prácticos sobre técnicas de segmentación, creación de contidos e optimización de campañas, ofrecendo ferramentas valiosas para proxectos reais. Esta iniciativa reflicte o compromiso do IES Monte da Vila en conectar o alumnado con profesionais do sector e ofrecer unha formación actualizada e orientada ao mundo laboral.
Adxunto | Tamaño |
---|---|
2024_10_30_Actividade.jpg | 221.69 KB |