24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro
O 24 de febreiro celebramos, como todos os anos, o día de ROSALIA. Un dos grandes méritos da nosa compatriota radica xustamente en resemantizar o universo humano rompendo estereotipos, reasignando o papel e o valor das mulleres, cortando todo tipo de segregacións, denunciando a dupla ou tripla xornada laboral, a sentimentalidade preterida ou ofendida...e tantos outros aspectos invisibles que ela se preocupou de facer emerxer literariamente.
Se este aspecto da nosa autora se tivese considerado adecuadamente teríamos garantida a posibilidade de que se fixese xustiza a unha realidade económica, sociolóxica e psicolóxica onde as mulleres galegas brillaron non pola súa ausencia senón pola carga abusiva do traballo produtor e reprodutor; por seren, en termos masivos, sostén da casa e da facenda, vítimas da ausencia masculina, responsables de tantas familias monoparentais, buscadoras de recursos e solucionadoras de problemas de toda índole. O pensamento rosaliano demostra que a igualdade de oportunidades, a igualdade salarial, a conciliación coas tarefas doméstico-familiares...son posibles e isto fainos pensar que " Un mundo mellor para todas e todos é posible".
Carme Cociña