Premio VI Concurso de Microrrelatos sobre Violencia de Xénero

A Delegación de Servizos Sociais, Muller e Igualdade do Concello de Burela convoca o VI Concurso de Microrrelatos do 25 de novembro:día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.

O 1º premio na categoría de menores de 18 anos foi concedido a Amara Chao Durán (alumna de 1º BAC do IES Monte Castelo).

Noraboa!!!                                                                 

Premio do I Certame de Relato Curto e Poesía da Facultade de Humanidades e Documentación da Universidade da Coruña

 

  Accións, accións que pouco a pouco foron mudando en rutina. Sen percatarse, sen tan sequera poder chegar a asimilalo; mais,melancolicamente, agora visible para calquera. Nauseabunda rutina.

 

  Ao comezo tan só eran os berros e as malas faces, máis tarde todo mudou. Como é obvio, para peor. Chegaron os descalificativos, continuos. Todo ía trocando pouco a pouco, até tal punto que agora non había volta atrás. En efecto, non era culpa súa. Día a día, ela consentía as súas verbas cargadas de malicia, os seus broucazos dolorosos. El atopábase nun estado de profunda

impasibilidade, xa non lle quedaba ren da exigua compaixón que mostraba no empezo.

 

Ela toleraba abafada polo medo das novas de cada xornada, esas que falaban de mulleres mortas a mans dos seus maridos, das súas respectivas parellas. Ela non, non se deixaría vencer. Loitaría e non sumaría un nome máis á lista das VÍTIMAS DA VIOLENCIA DE XÉNERO. Se cadra faltáballe coraxe para denuncialo. Era complexo e non tiña os apoios que precisaba neses intres.

 

As xornadas ían pasando, as contusións e o maltrato psicolóxico persistían, aumentaban. Reflexionara moito e, ao fin, tomara unha determinación: denunciaría, escaparía daquela gaiola na que fora encarcerada. Quería tornar de vida, precisaba ser unha ave en liberdade; estaba cansa de todo aquilo. Desventuradamente, aquela foi a última decisión que pasou polo seu maxín, a súa derradeira vontade... O silencio dun cento de mulleres acompañado dun aplauso final volveu a marcar unha xornada tinguida de negro do almanaque daquel ano...

 

NON MÁIS SILENCIO, NON MÁIS VIOLENCIA DE XÉNERO!


Hoxe entrevistamos a Amara Chao Durán gañadora do Premio do I Certame de Relato Curto e Poesía da Facultade de Humanidades e Documentación.

 

“A escritura introdúcete noutros mundos alleos do que vivimos”. 

 

- Bos días ,Amara! Moitas grazas por esta entrevista.

 

Grazas a vós por facerma e interesarvos pola miña traxectoria. 

 

- Que te impulsa a escribir? En que te inspiras?

 

Pois a verdade, en diferentes cousas cada vez e  depende ao mellor, do momento. Fun evolucionando: ao principio escribía sobre realidades máis concretas e, agora, máis abstractas ou quizais diferentes, ao madurar por así dicilo, e ter outras vivencias.

 

- Cando empezaches e que buscabas?

 

Eu creo que os meus primeiros textos escribinos con cinco ou seis anos para os certames que facía o Concello de Burela. Ao comezo, simplemente participaba por

divertirme e pasar o tempo (risas).

 

- Escribes para ti ou pensas nuns posibles lectores?

 

Normalmente escribo para min pero, algúns textos van enfocados a certa temática ou certos lectores. Sobre todo, ós que quero presentar aos distintos certames, que teñen que axustarse a unhas bases.

 

 

 

 

 

- Un aspecto que chama a atención é que sendo tan nova gañaras varios premios. Poderías facer un breve resumo dos mesmos?

 

Como xa dixen ao comezo, presenteime aos certames que organizaba o Concello de Burela co motivo das Letras Galegas, Nadal... (normalmente de poesía). Máis adiante, gañei fases provinciais destes certames, e isto, animoume a seguir escribindo. Logo viñeron os éxitos un pouco maiores: os premios sobre A violencia de xénero do concello de Burela, o premio Trapero Pardo e, finalmente, este do

I Certame de Relato Curto e Poesía da Facultade de Humanidades e Documentación. Eu creo que foi un dos máis destacados. Tamén é moi importante para min o dos 25 anos do Hospital da Costa, polo que significa este para a comarca.

 

 

-  Ten algunha relación a temática dos relatos?

 

Algúns deles, poderíase dicir que si, xa que teño varios que versan sobre a paisaxe (de Lugo, da Coruña e de Burela).

 

 

- Que representa para ti a escritura?

 

Creo que a escritura e moi importante, xa que supón unha maneira de desenrolar a imaxinación e introducirte noutros mundos alleos do que vivimos.

 

 

- É necesario ser un bo lector para formarse como escritor?

 

Posiblemente xa que das distintas obras que vas lendo, podes recoller moitas influencias e moitas ideas. Ademais, canto máis les, mellor podes escribir e menos faltas de ortografía terás.

 

 

- O teu libro preferido?

 

Non teño ningún libro preferido, pero gústanme moito, os libros realistas e os históricos. Os que menos, son os de ciencia-ficción en fantasía.

 

- Din que a literatura e unha viaxe a través da imaxinación, que lugar de  Galicia converterías en Literatura? E de España?

 

Como xa dixen, de Galicia, fíxeno (ou polo menos intenteino) coas provincias de Lugo e A Coruña. De España, non sei, pero hai milleiros de lugares preciosos e que perfectamente serían marcos literarios. En realidade creo que a literatura está en todo ou en case todo. 

 

- Que persoa, personaxe ou suceso se reflexa nos teus escritos?

 

Máis ben sempre son abstractos, ou sexa, non hai unha persoa; pero moitas veces, pódese ver nos meus personaxes algunha vivencia miña ou algún detalle autobiográfico.

 

- Estás acabando unha etapa da túa formación académica. Que botarás de menos cando vaias á  Universidade?

 

Quizais o pobo, Burela e tamén se cadra, estes certames xa que moitos deles teñen como limite de idade para presentarse os 18 anos. Serán outros novos, pero supoño que máis complexos.

 

- Que tes ganas de deixar atrás?

 

Apetéceme entrar nunha nova fase nesta vida e comezar unha etapa lonxe de aquí, aínda que o botarei de menos (risas).

 

- Que carreira vas estudar?

 

De momento non o teño definido, pero obviamente unha de Ciencias Sociais e posiblemente un dobre Grado.

 

-A que te gustaría dedicarte? Cal é o teu soño?

 

Como non teño claro o que vou estudar, pois aínda non sei (risas).

 

 

-Que pregunta che gustaría que te fixeran nunha entrevista?

 

Pois se me gustaría publicar (risas).

 

-Gustaríache publicar algún libro?

 

Pois a verdade é que si. Gustaríame facer unha recompilación de todos os meus relatos para poder ver o que opinan os demais deles, e se nun futuro tivera éxito, continuar escribindo.

 

Dende aquí quixéramos dar as grazas a Amara  por acceder a concedernos a entrevista e pola súa amabilidade.

 

 

Lucía Gavela Martín.