Día Internacional da Muller
O xoves 14 de marzo tivemos unha sesión didáctica especial coa participación da profesora de Historia Herminia Pernas Oroza.
A razón desta clase especial é a nosa particular celebración do día 8 de marzo; é verdade que isto xa foi a semana pasada pero estamos convencidos de que o Día Internacional da Muller Traballadora son todos os días, non só o día institucional.
Todos os anos facemos a nosa particular homenaxe á Metade- Sempre- Esquecida- da Humanidade.As nosas nais, avoas e antepasadas, maiormente alleas ao devir dos acontecementos políticos, pero absolutamente imprescindibles se queremos entender a historia da humanidada e, por suposto, se queremos saber onde temos afincadas as nosas raíces.
A Doutora en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago, colaboradora en proxectos de investigación da USC , do Museo de Pobo Galego e de Consello da Cultura Galega, autora do seu último traballo de investigación (Historia das Mulleres en Galicia, época contemporánea) repasou para os alumnos de 2º de BAC a vida e traballos da muller galega desde finais do século XIX até a actualidade. Unha memoria rigorosa para que nunca esquezamos de onde vimos .
A fraseoloxía popular di que " se queremos voar temos que ter as raíces ben afincadas".
Carmen Cociña