Skip to Content
 

Concurso Letras Galegas IES Monelos 2024

O xurado composto polos profesores e profesoras Antonio Frade Fraga, Marta Rafael Balsa e Mar Rodríguez decidiron conceder o premio na categoría de 4º de ESO e Bacharelato na modalidade de narrativa do concurso das Letras 2024 convocado polo EDLG do IES Monelos ao alumno de 1º de bacharelato Alejandro Lorenzo Naya polo seu relato titulado "Malo será".

Tal como queda establecido nas bases do concurso a continuación publicamos o relato gañador en Cotarelo.

 Malo será

Comezaba un novo día, e con el a resaca e o cansazo dunha interminable noite de San Xoán. Paseabas por Riazor e o Orzán e vías as fogueiras, xa sen brasas, as botellas de alcohol e algún que outro borracho que aínda permanecía na praia. A noite de San Xoán dá comezo ao verán, a mellor estación do ano, xa que non hai escola, pero sobre todo non hai exames, así que podes facer o que queiras. É unha época feliz. Ou iso cria eu, mentres vía o branco, frío e triste corpo,sen vida, do meu mellor amigo Samuel.

El mirábame, mentres estaba deitado boca arriba sobre unha prancha de metal situada dentro dun cuarto frío. Eu, parado ao seu carón, só podía pensar en como chegara a esa situación, se só pasaran unhas horas desde que falei con el.

Por fin rematou o curso, e para celebralo, Samuel e mais eu decidimos vernos ao día seguinte no parque de Oza, como é habitual. Para nós é tradición reunirnos nese parque para charlar, ademais, agora puxeran uns bancos e xa non tiñamos que sentar no chan. Cando cheguei á casa amoseille as notas á miña familia, non sabía como pero aprobara inglés, recoñezo que son terrible e non me gusta nada. Grazas a que pasei todo, meus pais deixáranme ir cos meus amigos en San Xoán. Oxalá viñese Samuel!, pero seguro que non vén. Xa que temos pensado ir á praia de Riazor para queimar todos os apuntes deste ano, teño moitas ganas de queimar os apuntes de lingua castelá, porque estou farto de Bécquer e das súas rimas e lendas ata os narices, deberían facer esa materia como optativa e non como troncal.

Era ese mesmo día pola noite, non podía durmir, así que decidín poñerme a mirar Instagram, para a miña sorpresa atopei unha foto de hai uns meses de Samuel e a súa actual ex-moza Sofía. Mirei para ela e só puiden sentir compaixón polo meu amigo, xa que a súa moza lle foi infiel en reiteradas ocasións, ela intentou negalo todo, pero decatámonos da mentira. Despois diso, Samuel entrou nunha depresión, da que tardou varios meses en saír.

Estiven presente en todo momento, desde que Samuel se deu conta da infidelidade ata que volveu a ser el mesmo. Tentei axudalo, aínda que nunca tivera parella e non entendía, de primeira man, ese sufrimento amoroso; pero nunca usei a psicoloxía das películas para darlle consello. Non sei se era a mellor opción, pero expliqueille repetidas veces que deixase ir o que non pode controlar, que deixase ir a Sofía. Ninguén cambia se non recoñece un problema. Deixa de esperar cousas que simplemente non che queren dar, explicacións, o final da relación, desculpas... Xa que haberá momentos nos que soamente ti terás que avanzar. Pero sobre todo, recalqueille que ás veces o final é un comezo que soamente ti podes trazar.

Ao principio, non o entendía, non entendía que tiña que deixala ir, que el lle estaba facendo dano. Samuel só pensaba en Sofía, non podía quitala da cabeza. Mentres ela deixara de pensar nel hai uns meses. Co paso do tempo, Samuel mellorou, comprendeu que o amor non é como o das películas, que ten os seus pros e contras, que cada rapaza é un universo. Cando foi final de curso sentíase xenial, deixara atrás os seus demos do pasado, xa non pensaba en Sofía e volveu lucir feliz, con aquel fermoso sorriso de orella a orella.

Cando quedei con el no parque, vino pálido, coma se vise a Raskolnikov matando aquela anciá no seu apartamento de San Petersburgo. Comecei falando do fin de curso e do que nos agardaba o vindeiro curso en segundo de bacharelato, ou como lle chamamos nós, o ano da solución final. Samuel non parecía moi contento, pero parecía que pouco a pouco ao longo da conversa se animaba un pouco máis. Eran as dezanove horas cando, ao lonxe, vimos pasar a Sofía, levaba un vestido negro moi axustado, pero que lle quedaba marabilloso, un bolso vermello cereixa e uns tacóns negros, que dubido moito que durasen a noite de San Xoán. Nese momento mirei para Samuel, estaba contento, tiña un sorriso radiante, propio dunha persoa feliz consigo mesma. Por fin deixouna ir.

Despois as vinte horas separámonos.  El marchou para a súa casa, xa que non quería ir de festa, e eu fun para a miña casa, para cambiarme e saír cuns amigos.

Ás cero horas atopábame dándoo todo coa canción do Mundial de fútbol de Sudáfrica, todo isto fíxeno acompañado duns holandeses. Era unha noite marabillosa de xuño, case non había vento, e o que había era un pracer para o corpo, o ceo estaba despexado e non houbese altercados durante a noite Todo o mundo estaba pasándoo de morte, ata Samuel.

Samuel morreu o 24 de xuño ás cero horas e trinta minutos, mentres durmía. Tomara quince somníferos da súa nai, que non se decatara de que llas roubara. Isto provocoulle unha convulsión moi grande que o levou a un fallo de órganos múltiples, pero non se decatou, atopábase profundamente durmido, por desgraza, un soño do que nunca espertará.

De todo isto decateime cando volvía da festa. O pai de Samuel chamoume, contoume o que pasou. Cando cheguei ao CHUAC, deixáronme ver o corpo do meu mellor amigo. Cando o vin todo o que puiden pensar foi por que o fixo. Virao non hai moito tempo, e estaba feliz, volvía a ser o mesmo de antes. Non entendo por que non dixo nada, despois de todo éramos amigos. Podería axudalo, aínda que non fose moito, pero iso era mellor que nada. Tamén podería pedir axuda aos seus pais, para iso están, non si? Se non aos seus pais, a un psicólogo para iso estudaron, para axudar a xente cos seus problemas a través das palabras. Nese momento veu á miña cabeza una cousa que nos contara a nosa profesora de filosofía, Chiruca. Ela explicounos que a esencia do ser humano é dinámica, non estática. Somos un fluxo constante de leccións e experiencias. É dicir, cada momento presente é unha oportunidade para moldear a nosa identidade e o noso destino. En cada momento podemos elixir ser algo diferente ao que fomos. Mentres haxa unha posibilidade de vida, hai unha posibilidade de redención. Pero por que escoller ese destino?

Foi aí cando comprendín que ninguén podía acompañalo no seu sufrimento. En vez de pedir axuda, refuxiouse en si mesmo, crendo que se podía curar a un mesmo, sen axuda de ninguén.

Despois de estar un tempo na morgue, decidín ir falar cos seus pais. No momento en que saín de alí parei, mirei cara atrás e mirei por última vez ao meu mellor amigo, nese momento lembreime daquel poema de Jorge Manrique que dicía “Nuestras vidas son los ríos, que van a dar a la mar que es el morir”, porén o río de Samuel chegou ao mar demasiado pronto. Déronme unha nota que Samuel tiña na man cando o atoparon, que dicía: "Por fin, xa son feliz". Cando o lin púxenme a chorar. Acababa de entender por que Samuel estaba tan feliz,el entendera que a morte era a súa única saída e que tería que morrer para ser feliz. Se o soubese non o deixara ir para a casa, arrastraríao se fose necesario para que non chegase. Falando con el, dicíndolle que non pensase en suicidarse, iso podería impedilo, ou quizais non, pero era mellor pensar iso que asimilar que o meu mellor amigo, ao que levaba máis de dez anos vendo todos os días, estaba morto.

Xa pasara unha semana dende que o enterraron. Non quería saír da casa e tampouco quería que os meus amigos viñeran a visitarme. Nun momento dado, cando xa non podía pensar, pola tristeza, mirei Instagram e volvín ver a foto de Samuel e Sofía. Foi nese momento, mirando a foto, cando levantei a cabeza e dixen para min: "Soamente eu, poderei avanzar".

Alejandro Lorenzo Naya (1º de Bacharelato)



page | by Dr. Radut