DÍA DAS BIBLIOTECAS
O pasado 24 de outubro a protagonista do noso centro foi a Biblioteca e, por suposto, o alumnado que participou nas actividades programadas para conmemorar este día.
Todo o alumnado do centro, secundaria e bacharelato, podía participar no concurso "marcapáxinas para Grandes Lectores".
O tema que se debía plasmar nos marcadores era "a importancia da lectura nas nosas vidas", tema ao que aludiría o debuxo que debía ilustrar unha das caras do marcador; a outra cara recollería un eslogan que tivese relación co mundo da lectura e das Bibliotecas.
Como seguro que moitos de vós sabedes, a participación foi elevada ao igual que a calidade dos traballos entregados.
Podedes ver os traballos dos gañadores e gañadoras deste concurso, que recibiron un merecido agasallo:
E aínda que a actividade anterior foi ben recibida, a experiencia de levar a Biblioteca á rúa tivo unha importante acollida entre o alumnado.
No inicio da mañá o tempo non acompañou e tivemos que conformarnos co vestíbulo do centro para realizar a actividade programada, pero axiña mellorou o día e saímos para fóra.
Esta actividade consistía en levar a biblioteca á rúa e para iso realizouse unha escolma de libros que se expuxeron na entrtada do centro. Asiña espertamos a curiosidade dos rapaces e rapazas porque sobre algún deses libros se formulaban unha serie de custións ás que debían responder correctamente. Desta volta o agasallo sería para quen respondese correctamente a todas as cuestións propostas.