O curso contén información e documentación relacionada coa materia do 2º curso de Bacharelato "Actividade Física e Deporte".

A Educación Física ten como finalidade principal que o alumnado acade a competencia motriz, entendida como un conxunto de coñecementos, procedementos, actitudes e emocións que interveñen nas múltiples interaccións que realiza unha persoa no seu medio e coas demais, que permite que o alumnado supere os diferentes problemas motores propostos tanto nas sesións de Educación Física como na súa vida cotiá; sempre actuando de forma coherente e en concordancia co nivel de desenvolvemento psicomotor, tendo outorgado especial sensibilidade á atención a diversidade nas aulas e aos estereotipos de sexo para propiciar a igualdade de xénero, utilizando estratexias inclusivas e sempre buscando a integración dos coñecementos, os procedementos, as actitudes e as emocións vinculados á conduta motora. A competencia motriz en 2º de Bacharelato vai seguir sendo desenvolvida a través do movemento, conxuntamente coa competencia de aprender a aprender, sentido de iniciativa e espírito emprendedor, competencia cultural, matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía e, en menor medida, a competencia en comunicación lingüística e a competencia dixital. O traballo por competencias integra un coñecemento de base conceptual, outro relativo ás destrezas e, por último, un con gran influencia social e cultural, que implica un conxunto de valores e actitudes. A materia enmárcase dentro da filosofía do Centro de fomentar a actividade física e hábitos saudables para todo o alumnado.

POR QUE E PARA QUE?

CONTINUIDADE DA EDUCACIÓN FÍSICA ESCOLAR. Querendo dar continuidade a eses hábitos adquiridos durante a escolarización, o alumnado atopase cunha lagoa neste derradeiro curso previo aos seus estudos superiores. Pretendemos polo tanto que esta materia lle dea continuidade á materia de EF, xa que é o único curso onde non hai esta materia, e así poder completar a bagaxe de aprendizaxes necesarias para alcanzar a desexada competencia motriz.

PREPARACIÓN DE PROBAS FÍSICAS. Deste xeito quedarían cubertas as necesidades do alumnado que precise preparar probas físicas específicas para acceder a saídas académicas como estudos universitarios de Educación Física e Deporte, ou profesionais como bombeiros, corpos de policía, exército profesional,…

FORMACIÓN PARA ESTUDOS POSTERIORES. Por unha banda, dada a evolución que experimentou o número de profesións e da oferta de estudios superiores relacionados coa actividade física e a saúde individual e colectiva e co uso adecuado do tempo libre, esta materia tratará de presentar distintas alternativas que sirvan para que o alumnado poida adoptar criterios de valoración desas profesións e posibilidades de estudo, xa sexa no ámbito universitario, no da formación profesional ou nas ensinanzas deportivas, así como nas profesións nas que o ocio e a saúde se converten nun aspecto imprescindible para o seu desenvolvemento.