1. Claves

1. Achegamento.

2. Desde a perspectiva da produción textual, debemos ter en conta o seguinte.

Como emisores, debemos estar lexitimados ante os receptores para poder influír no seu pensamento, convencelos. Para conseguir iso, implicarémonos no texto, estearemos suficientemente os nosos argumentos e anticiparémonos aos posíbeis contraargumentos.

Previamente (á composición do texto) é preciso: 

  • definir coa maior claridade posíbel a nosa postura (tese) ante o tema;
  • documentarse sobre o asunto e as opinións existentes / organizar os nosos coñecementos;
  • distinguir os feitos das opinións;
  • perfilar os argumentos  centrais que han apoiar a postura que defendemos;
  • prever a que altura enunciaremos a tese, como faremos avanzar o corpo argumentativo e de que xeito concluiremos.

Na composición do texto é fundamental:

  • redactar a tese con precisión, preferentemente nunha oración afirmativa que concentre palabras clave;
  • manter con coherencia a nosa tese ao longo do texto, máis alá das matizacións ou concesións a outras posturas que poidamos incorporar;
  • achegar en primeiro lugar os argumentos de maior peso: as razóns lóxicas acompañadas das evidencias que as apoien;
  • expresar a opinión mediante a presenza do emisor: con modalizadores (certeza, dúbida, valoración...), uso da 1ª persoa (ao meu ver...) ou implicación do receptor (como todos/as sabemos...);
  • empregar conectores e marcadores textuais para organizar a argumentación: de orde, de causa-consecuencia, de oposición, de certeza...
  • incluír exemplos que reforcen os argumentos ou que por si mesmos sexan argumentos;
  • usar estratexias discursivas para soster a credibilidade, establecer complicidade co receptor, implicar a audiencia ou facer ben comprensíbel o discurso;
  • concluír apuntando á tese, reafirmándoa ou explicitándoa agora no final.

Na revisión do escrito, valoraremos:

  • se queda clara a nosa opinión;
  • se conseguimos defendela;
  • se evitamos plenamente as falacias;
  • se a presentación é axustada e correcta.

 

3. Ampliacións

 

3.1. Os tipos de argumentos

Recoméndase revisar a tipoloxía con este documento do IES Rego de Trabe.

 

3.2. As falacias

Cualquera tipo de argumento pode converterse en falacia (ao transformar parte da realidade e enganar). Por exemplo, é unha falacia un argumento de autoridade con datos xa superados por investigacións posteriores ou a apelación a unha falsa autoridade.

Cómpre evitar, entón, a selección interesada de datos, a falsa xeneralización (por exemplo, a partir dunha experiencia persoal), as falsas causas, etc.

+ Falacias explicadas graficamente

 

3.3. A estrutura argumentativa clásica

É trimembre:

1. Introdución. Ten como finalidade presentarlle o problema ao receptor e obter del unha disposición favorábel. É frecuente relacionar o tema cun suceso de actualidade. Tamén é posíbel comezar coa cita dunha opinión allea para refutala, adherirse a ela ou matizala; ou coa formulación dunha ou varias preguntas cuxa resposta supón a tese que se pretende demostrar.

Asociada á introdución, adoita contemplarse a exposición da tese: o emisor amosa a súa posición de xeito claro. 

2. Corpo argumentativo. Parte central do discurso na que se achegan argumentos (e contraargumentos), razóns que avalan e apoian a tese. 

Ao defender unha opinión, pódese adoptar unha "argumentación positiva" (ou de proba) ou ben unha "argumentación negativa" (ofrécense razóns que refutan o rexeitan argumentos contrarios).

Teñen especial valor os argumentos lóxicos, de exemplificación, de autoridade, analóxicos, de datos estatísticos e causais. Convén ordenalos e distribuílos axeitadamente en parágrafos.

A argumentación terá un número suficiente de razóns. Cada unha será distinta ás demais e estará directamente relacionada coa tese. Convén que as razóns conten con evidencias que as apoien, como exemplos, datos ou experiencias. 

3. Conclusión. Lémbranse os puntos máis relevantes da argumentación, reafírmase a tese, establécese un propósito ou apúntase unha solución. 

Internamente, distinguimos:

Estrutura dedutiva ou analizante: presenta a tese ao inicio, seguida dos argumentos. Desde o principio advirte da conclusión á que se dirixe.

Estrutura indutiva ou sintetizante: presenta os argumentos en primeiro lugar para rematar enunciando a postura como conclusión. Predispón o receptor para aceptar a tese final.

Estrutura encadrada ou circular: presenta a tese seguida de todo o corpo argumentativo para volver a ela ao final. É a máis didáctica porque reitera a idea que se defende.