1. O multilingüismo. Conceptos clave en situación de linguas en contacto


Recoñécense unhas 7000 linguas no mundo e só uns 200 estados, de maneira que a situación de linguas en contacto é a norma. A identificación entre un Estado (comunidade política) e unha única lingua (comunidade lingüística) é case sempre falaz e interesada.
A defensa desa diversidade lingüística constitúe o cerne do ecolingüismo, que considera que as linguas non son meros instrumentos de comunicación, senón que conforman identidades individuais e colectivas e contribúen ao coñecemento. Ou sexa, son mostra e vehículo dunha riqueza que caracteriza e beneficia a toda a humanidade. Cada lingua representa unha cosmovisión diferente e necesaria da realidade. 
No polo oposto, o supremacismo lingüístico entende o multilingüismo como un problema e sostén que só se deben manter as linguas poderosas. Por iso fai fincapé no carácter instrumental, de utilidade social e económica, de xeito que asume e xustifica os dominios imperialistas de determinados estados ao longo da historia.
Existe unha gran cantidade de familias lingüísticas, ademais dunhas 300 linguas illadas. Algúns datos:
  • As familias indoeuropea e sinotibetana, cunhas 700 linguas entre ambas, representan case o 75% da poboación mundial (máis de 4.000 millóns de falantes).
  • Fronte a elas, as case 1.000 linguas indíxenas de América contan con entre 20 e 40 millóns de falantes (as máis presentes son o quechua e o guaraní, con 8 e 7 millóns respectivamente); as 734 linguas indopacíficas só teñen en conxunto uns 6 millóns de falantes; e a familia das 260 linguas aborixes de Australia acada unicamente uns 30.000 falantes.
  • Por número de linguas, a familia Níxer-Congo é a máis numerosa, cunhas 1.500. A República de Nixeria, con 175 millóns de habitantes, posúe unhas 500 linguas (só o superan Papúa Nova Guinea e Indonesia).
Considérase bilingüismo a capacidade individual de facer uso de dous idiomas. Fálase de sociedades bilingües cando no seo destas se empregan dúas linguas diferentes como medio de comunicación, mais o “bilingüismo social” nunca é pleno (só algúns individuos son bilingües). Outra cousa é o bilingüismo territorial ou colingüismo: un territorio que está dividido en zonas con linguas diferentes (como Bélxica: o flamengo ou neerlandés é oficial en Flandes, o francés éo en Bolonia).
Pola contra, a diglosia ten un significado social: é a situación de contacto lingüístico na que unha lingua (A) se usa en ámbitos de poder e de prestixio e outra lingua (B) emprégase nos contextos populares e informais. A diglosia prodúcese en comunidades lingüísticas nas que unha lingua foránea se superpuxo á(s) autóctona(s). As súas causas, polo tanto, son históricas. E acarrexa unha serie de consecuencias, que aquí se exemplifican co galego.
  • A restrición de usos da lingua B: hai un emprego claramente minoritario nas funcións prestixiadas: medios de comunicación de masas, xulgados, igrexa, estamento militar, ámbito empresarial...
  • A presenza de prexuízos lingüísticos: créase unha identificación do galego coa falta de cultura e co atraso social e do castelán co progreso e a modernidade, o que redunda nun sentimento de minusvalorización por parte dos galegos da súa propia lingua. É o que se denominou autoodio e ten como desenlace a perda de falantes.
  • As interferencias lingüísticas: a influencia do castelán no galego contaminou todos os niveis da lingua, particularmente o léxico.
Pero a distribución de funcións propia da diglosia non é estable. Desde o momento en que a lingua dominada pretende recuperar os ámbitos dos que foi desposuída pola dominante, prodúcense tensións sociolingüísticas que derivan nunha situación de conflito lingüístico (ou diglosia conflitiva). 
Será a lealdade lingüística dos falantes, así como a implicación no proceso dos poderes públicos e das institucións culturais e económicas, o que decidirá cal será a resolución do conflito: ou a substitución lingüística da lingua B pola lingua A, ou a normalización lingüística, isto é, a recuperación dos ámbitos de uso da lingua B.
Así pois, o concepto de normalización lingüística aplícase ás accións de reversión das dinámicas substitutorias. O termo desenvólvese para acoller os esforzos revitalizadores da lingua minorizada en varias direccións simultáneas:
1) acadar un recoñecemento legal que, como mínimo, ampare o uso social e a institucionalización da lingua;
2) conseguir máis funcións sociais e maiores espazos de uso nos ámbitos da sociedade civil;
3) propiciar que os poderes públicos asuman a protección e promoción dos procesos normalizadores.
Os conceptos de lingua maioritaria e lingua minoritaria refírense á porcentaxe de falantes nun territorio determinado. Cómpre, entón, precisar o seguinte:
  • Se obviamos o anterior e situamos o criterio nun número de falantes moi elevado, serían minoritarias a absoluta maioría das linguas. Teñamos en conta que o 95% dos idiomas do mundo ten menos dun millón de falantes; ou que só o 0,7% (40 linguas) supera os 30 millóns.
  • Ao computar o número de falantes dun idioma, ás veces aténdese só ao carácter de primeira lingua (nativa) ou de lingua habitual, mais outras veces inclúense todas as persoas competentes ou mesmo todas aquelas que forman parte da comunidade política na que é lingua oficial. Son falantes de español quen usan habitualmente o guaraní, que son a maioría de habitantes do Paraguai? Ou sono de portugués os que se expresan en umbundo e quimbundo, que representan a metade da poboación de Angola?
  • Unha lingua pode ser maioritaria no seu propio territorio e minoritaria no ámbito estatal, caso do galego ata a actualidade. De igual xeito, pode ser maioritaria nun Estado e minoritaria noutro.
  • Estes "estatutos" non son inmutábeis, cambian ao longo da historia e de acordo coas configuracións dos estados.
Lingua minorizada, en cambio, é aquela á que se lle negan as condicións para poder desenvolverse con normalidade. Atópase nunha situación de inferioridade ao ver restrinxidos os seus usos públicos (medios de comunicación, administración de Xustiza, vida comercial, publicidade, ensino, burocracia, liturxia etc.) e mesmo privados. Fronte ás linguas minorizadas atopamos as linguas dominantes ou hexemónicas. Algunhas precisións:
  • Aínda que os idiomas con menor número de falantes adoitan ser os máis ameazados, tamén hai linguas pequenas (como o islandés) cunha grande vitalidade e unha situación de normalidade dentro do seu territorio.
  • O galego está entre as 160 linguas máis faladas do planeta, mais a súa protección e promoción está lonxe doutras estatais que contan cun número de falantes parello. 
A vitalidade das linguas minorizadas depende sobre todo do estatuto legal e xurídico (e o consecuente apoio institucional), da presenza nos distintos ámbitos sociais e da transmisión (familiar e escolar). Pódense establecer tres grandes graos:
  • En proceso de normalización. Por exemplo, o éuscaro.
  • En dobre proceso de normalización e substitución. É o caso do galego.
  • En proceso de substitución. O bretón, o astur-leonés...


Actividades

1. [Orais] Comentarios tras ler o texto de Ferrín "Unha lección de diglosia" (na actividade 6 deste documento) e de seguir a primeira parte (ata 8'49'') do seguinte vídeo.

a) Como se entende o termo bilingüismo nas primeiras intervencións? Estás de acordo con esa concepción?

b) Saberías poñer un exemplo de actuación conxunta dos tres factores dos comportamentos diglósicos?

c) O Consello de Europa aprobou en 1992 a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Nela recoñécese a pluralidade lingüística e declárase que é responsabilidade dos poderes públicos a defensa das linguas minorizadas. Que perspectiva sobre o contacto de linguas é necesario para garantir o seu cumprimento? Reflexiona empregando os conceptos clave vistos.

    • Artigo 12 1. No ámbito público, todo o mundo ten dereito a desenvolver todas as actividades na súa lingua, se é a lingua propia de onde reside.
    • Artigo 29 1. Toda persoa ten dereito a recibir a educación na lingua propia do territorio onde reside.

 

2. [Orais] Comentarios a partir da seguinte lista de reprodución.

a) Vídeos 1 e 2: Por que acadan especial valor campañas coma esas no proceso de normalización lingüística?

b) Vídeos 3 e 4: Que actitudes e accións asocian coa normalización as persoas do ámbito xudicial que interveñen? Cita dúas cando menos.

3. Resolve as cuestións a) e c) do exercicio 1 deste documento.

4. Responde as cuestións b) e c) do exercicio 4 deste documento. Aproveita ao elaborar a argumentación os contidos do texto de Carme Junyent, ben sexa empregando algún dato, ben citando a autora.


Complementos

[sol]