1. Claves

O texto dialóxico ou conversacional é un intercambio comunicativo, de interacción oral ou escrita, entre emisor e receptor.

¦→ Como proceso, é un tipo especial de comunicación derivado da situación comunicativa.

¦→ Como tipo de texto, é unha variedade do discurso que incorpora dúas ou máis voces.

Pode facer parte de xéneros mixtos (relato, banda deseñada...) ou constituír xéneros propiamente dialóxicos (leria ou chat, entrevista...).

Os diálogos orais poden ser espontáneos (sen plan organizativo previo) ou planificados (co tema, a estrutura e as pautas prefixadas).

¦→ Os espontáneos configúranse sobre todo como conversa, caracterizada pola naturalidade, a axilidade e a expresividade.

Neles pódense distinguir o saúdo, a orientación, o desenvolvemento, a conclusión e a despedida; o avance, en todo caso, é por asociacións.

¦→ Os diálogos planificados maniféstanse en xéneros como a entrevista, o debate ou o faladoiro (tertulia), que son multidireccionais.

Os textos dialóxicos escritos poden ser conversas persoais (de mensaxería, por exemplo) ou pertencer ao ámbito literario e da creación (nas narracións, no teatro, na banda deseñada, nos guións de cine ou das series).

¦→ Nos textos narrativos, o diálogo súmase ao fío da narración, contribúe a caracterizar os personaxes, achega vivacidade e pode vehicular a acción.

• Distínguense as citas en estilo directo (reprodución da voz do personaxe coas referencias deícticas inalteradas), en estilo indirecto (reprodución mediada, co sistema deíctico do narrador) e en estilo indirecto libre (voz inserida no discurso do narrador, específico da narración).

• No estilo directo o enunciado aparece xustaposto ao verbo dicendi ou identificado (en liña á parte, por exemplo); no estilo indirecto aparece subordinado ao verbo dicendi; no indirecto libre, sen verbo dicendi nin marca ningunha.

¦→ Nos textos teatrais, o diálogo é a tipoloxía dominante (acompañada das didascalias descritivo-narrativas) e acostuma ser definitorio do xénero: as "voces" fan avanzar a acción dramática.

Os trazos lingüísticos máis destacábeis do diálogo son: ampla presenza de deícticos (pronomes, adverbios), abundancia de exhortativas, exclamativas e interrogativas, apelacións, enunciados breves e fraseoloxía.

 

+ Estilos de citas con exemplos