1. Mecanismos e procedementos

sol

A cohesión agrupa os mecanismos (léxicos e gramaticais) que relacionan as partes dun texto. Atinxe á referencia entre termos e á conexión das ideas.
Dentro da cohesión léxica actívanse a substitución, a recorrencia ou a elipse. A cohesión gramatical inclúe sobre todo os conectores e a puntuación.

Exemplo nun texto narrativo. Exemplo en textos argumentativos. [Teñamos en conta e valoremos que o artigo de opinión presenta trazos de cohesión plurais, froito das limitacións do espazo, do estilo da persoa autora ou do enfoque do tema (reflexión, advertencia, denuncia...)]

Algunhas deficiencias textuais típicas referidas a esta propiedade parten da pobreza léxica e do desleixo gramatical.

a) Pobreza léxica

- Léxico repetitivo. Recursos para evitalo  sinónimos, antónimos, hiperónimos, hipónimos, perífrases... Ex.: No seu novo traballo as obrigas obrigábano a traballar lonxe da familia moitos días > As súas novas responsabilidades laborais abrigábano...

- Palabras comodín. Solución  procurar termos máis exactos. Ex.: Díxonos unhas cousas incribles e eu xa nin sabía que facer.  > Contounos unhas historias incribles e eu xa nin sabía como actuar.

b) Desleixo gramatical

-Tamaño oracional excesivo (e anacoluto). Recomendación  as oracións non deberían superar as 30 palabras e, para iso, débense usar adecuadamente os signos de puntuación e mais os nexos.

- Orde inadecuada. Opcións  non separar os constituíntes do sintagma; evitar posicións dos complementos circunstanciais que provoquen confusión.

- Repetición de nexos (nomeadamente e e pero) e escaseza de marcadores. Alternativa  inserir puntuación axeitada, variar os nexos, inserir os conectores precisos.

Ex.: E nunca poñía o espertador e quedaba durmido e sempre chegaba tarde á escola > Nunca poñía o espertador, quedaba durmido e sempre chegaba tarde á escola / Nunca poñía o espertador, polo que quedaba durmido e sempre chegaba tarde á escola.

Tipo

Frecuente

Nexos alternativos

Adversativo

pero

mais, así a todo, senón, non obstante, porén, no entanto, con todo

Concesivo

aínda que

a pesar de que, malia que, ben que, mesmo que

Condicional

se

como, con tal que, en caso de que, sempre que

Causal

porque

xa que, posto que, dado que, a causa de que, por mor de

Consecutivo

polo tanto

daquela, así que, xa que logo, de modo que, de xeito que, de maneira que, por conseguinte

(Ollo: non son normativos os nexos *sen embargo e *anque)

Complementos

 

Actividades

1. Localiza neste pequeno texto os mecanismos sinalados e clasifícaos.

Anáfora (e deíxe adverbial)   Anáfora (pronome persoal)  Elipse
Expresión equivalente  Hiperonimia  Sinonimia

Casara o nobre Gundar un día de abril. A vida rebentaba daquela polos catro rumbos dos rosados ventos e a noiva confundíase coa primavera. O mozo ollábaa e sorría. A beleza da muller mancábao como unha seta de luz purísima. Comezar de novo desde a inocencia de Branca, acougar no castelo, ter fillos. Saír de cando en vez á fraga para medirse co xabaril e o corzo...

Nunca houbo noite nupcial. Esmorecía a namorada no desamor mentres o cabaleiro vagaba decote polo bosque co desexo morto

2. Reflexiona sobre o valor dos conectores a partir deste contraste. Que achegan?

3. Lede as seguintes oracións e organizádeas en parágrafos coherentes nun texto cohesionado. Axuda: son tres parágrafos que enfocan períodos e algún trazo especial das crianzas.

No quinto mes poderase comezar cos cereais e coa froita.

Só a partir dos dous anos o meniño alérxico terá unha dieta semellante á dos meniños da súa mesma idade.

Nos nenos alérxicos, a partir dos cinco meses comezarase cos distintos alimentos, pero de forma máis lenta ca a forma habitual.

O leite neste tempo mantense con fórmula de inicio, no caso de que non tome leite materno.

Ata o ano prodúcese a maduración de órganos e sistemas, cunha redución da secreción gástrica e pancreática, e a mobilidade intestinal e a resposta inmunolóxica.

Atrasaranse moito os alimentos máis susceptibles de producir alerxias, tales como o ovo, peixe e algunhas verduras.

Aos cinco meses, o bebé ten capacidade de transportar e tragar alimentos semisólidos postos na parte anterior da boca. ]

4. Inseride no seguinte texto cinco marcadores ou conectores que permitan comprendelo mellor. Servirán para -en orde- exemplificar, reforzar, concretar, contrastar ou contraargumentar e expresar unha consecuencia.

Un exemplo da falsa idea que se ten da homoxeneidade das linguas xorde cando aprendemos calquera idioma do mundo. É habitual que se pense que o ‘inglés’ é exclusivamente o que nos ensinan no colexio ou nunha academia; nesta situación estannos aprendendo un dos moitos ingleses que hai; trátase da variante formal de Oxford. Fixádevos que cando se fai mención a algunha característica do inglés americano, márcase como tal; é o inglés dos rapeiros de Nova York ou o dos surfeiros da Costa Oeste? O emisor debe escoller, dentro da variante diacrónica, entre o rexistro formal e o informal, entre a variante dialectal propia e a estándar, entre as diferentes xergas ou tecnolectos que domine, etc.

 

5. Mellorade a redacción do seguinte fragmento. Fixádevos en que todo el é unha única oración e conviña que fosen tres ou catro. Tal modificación esixirá usar mecanismos de substitución, algún marcador e unha puntuación axeitada.

 

Manuel Colmeiro situado pola súa obra de pintor entre os artistas máis significativos de España e de quen coñeciamos xa algúns sorprendentes exemplos de gravados que acreditan a graza con que sabe axustar o seu oficio ás demandas do espírito presenta agora unha serie destes gravados a punta seca onde culmina non só unha firme e louzanísima arte de gravador e a sensibilidade e imaxinación peculiares que desprega no xénero senón tamén algúns dos valores (os compatibles co gravado) que tanto nos encantan na fonda madurez da súa pintura.


Máis:

Texto e marcas