1. A cantiga de escarnio e maldicir

1. As cantigas de escarnio e maldicir procuran provocar o riso mediante a burla. Todas as clases sociais, sen excepción, foron obxecto da sátira.

Amosan a perspectiva do home -maiormente nobre- que compón: clasista, misóxino, homófobo... Mais, en todo caso, ninguén se salva do escarnio, tampouco o rei.
Son mostra, logo, dunha sociedade laica e crítica, aínda que profundamente prexuizosa. Constitúen, así, textos literarios de gran riqueza expresiva e, asemade, documentos valiosos para coñecer a sociedade medieval.

 

2. A cantiga de escarnio e maldicir nace da confluencia do sirventés provenzal e unha tradición satírica autóctona oral relacionada co entroido.

Tende, así, á subversión dos valores sociais e á procura da diversión a través da burla.

Fronte o sirventés provenzal, a composición de tipo moral é escasa. Búscase sobre todo o ataque burlesco sen intención moralizante.

Agora ben, malia a orixe carnavalesca, é tamén un xénero cortesán e as chanzas obedecen a un código previamente aceptado.

En calquera caso, reláxanse os convencionalismos poéticos e domina o realismo (no retrato da sociedade e na expresión lingüística).

 

3. Tematicamente, distínguense varios tipos de sátiras, especialmente a política, a literaria, a social e a obscena.

A sátira política critica certas accións dos nobres en feitos bélicos do s. XIII.

Sátira contra a igrexa (incluído o Papa) e os nobres que apoiaron a Afonso III (o Boloñés) fronte a Sancho II, crítica aos cabaleiros que abandonaron a Afonso X na guerra de Granada, etc.

A sátira literaria transmite rivalidades entre creadores e parodias do amor cortés.

Ridiculización da arte dos xograres, parodia dos trobadores que non seguen as normas do amor cortés (por exemplo de Soares Coelho, que cantou a unha ama de cría), etc. Vehicúlase por veces mediante tenzóns.

A sátira social éo de tipos e costumes que se censuran.

Burla da decadencia e pobreza dos infanzóns, censura da vida licenciosa das soldadeiras, crítica de avogados, astrólogos...

A sátira obscena baséase nas prácticas sexuais e no escatolóxico.

Escarnio obsceno da luxuria de cregos ou abadesas, das prácticas das persoas homosexuais, dos "cornudos", etc.

A sátira moral (sobre as virtudes, o triunfo da mentira, etc.) é escasa. Pode considerarse un xénero menor: sirventés moral.

 

4. Teoricamente e de acordo coa Arte de Trovar, podemos distinguir as cantigas de escarnio e as de maldicir segundo a actitude do falante lírico.

As de escarnio empregan expresións "encubertas", indirectas, ao conter recursos como o equívoco, a diloxía, a ironía ou o xogo de palabras. Exemplo.
As de maldicir danlle forma á burla mediante palabras directas e o uso de disfemismos (designacións pexorativas). Exemplo.

A Arte de Trobar é un tratado que precede a recompilación do Cancioneiro da Biblioteca Nacional.

O equívoco é a repetición dunha palabra polisémica con significado distinto en cada uso; tamén se realiza con palabras homónimas.

A diloxía, silepse ou dobre sentido é o emprego dun termo en sentido recto e figurado á vez.

5. Formalmente, ademais dos recursos satíricos, este xénero acolle trazos da cantiga de amor, como o dobre, o mordobre, a finda, etc.

Tamén incorpora con frecuencia formas narrativas, antíteses...

Contén, así mesmo, unha lingua máis popular e variada que os outros xéneros.

 

6. A difusión deste tipo de cantigas é bastante recente, pois durante tempo este xénero foi relegado no ámbito académico debido a prexuízos ante o escabroso e obsceno.

Nas últimas décadas reivindícase o valor deste corpus, unhas 430 cantigas, e están a saír novos estudos e ensaios.

A súa pegada percíbese desde o poemario Cantigas de Escarño e Maldecir, de Celso Emilio Ferreiro, ata as letras de rapeiros e rapeiras actuais, pasando pola regueifa e o escarnio punk.

 

Actividades orais

1. En que tipo de sátira se pode clasificar esta cantiga de Afonso Eanes do Cotom? Por que razóns? (Interpretada por Liviao do Marrao).

Bem me cuidei eu, Maria Garcia,

em outro dia, quando vos fodi,

que me nom partiss'en de vós assi

como me parti já, mão vazia,

vel por serviço muito que vos fiz,            vel: polo menos

que me nom destes, como x'homem diz,

sequer um soldo que ceass'um dia.

Mais desta seerei eu escarmentado:      serei eu escarmentado: quedarei escarmentado

de nunca foder já outra tal molher

se m'ant'algo na mão nom poser,          se antes non me pon algo na man,

ca nom hei porque foda endoado;         pois non teño por que foder de balde;

e vós, se assi queredes foder,

sabedes como: ide-o fazer

com quem teverdes vistid'e calçado.

Ca me nom vistides nem me calçades,

nem ar sej'eu eno vosso casal;                nin tampouco vivo eu na vosa casa;

nem havedes sobre mim poder tal

por que vos foda, se me nom pagades

ante mui bem; e mais vos en direi:

nulho medo, grado a Deus e a el-rei,        grazas a Deus e El-Rei, non teño medo ningún

nom hei de força que me vós façades.     da forza (abuso sexual) que me poidades facer.

E, mia dona, quem pregunta nom erra

- e vós, por Deus, mandade preguntar

polos naturaes deste lugar

se foderam nunca, em paz nem em guerra,

ergo se foi por alg'ou por amor.                  ergo: agás, a non ser

Id'adubar vossa prol, ai senhor,                  (fraseol.) Ocupádevos do voso

ca vedes: grad'a Deus, rei há na terra.       pois vede: grazas a Deus, o rei está na terra.

 

2. Cal é o obxecto da burla na cantiga "Ai, dona fea", de Garcia de Guilhade? A partir de aí xustifica a súa clasificación.

3. Que feitos se nos transmiten en "O que foi passar a serra", de Afonso X? Realiza unha paráfrase do texto e clasifícao.

4. Localiza a sátira de tipo moral nos seguintes inicios de cantigas de escarnio e maldicir.

5. Atopas escarnio ou maldicir nos seguintes fragmentos de cantigas de burlas? Xustifica a resposta en cada caso e indica con claridade que se critica.

Actividade escrita

1. Realiza unha análise formal dos seguintes aspectos da composición "Roi Queimado morreu con amor", de Garcia Burgalés. Na cantiga ridiculízase o excesivo artificio do amor cortés na escrita dun trobador con poucos dotes, en concreto o finximento e abuso do tópico da morte por amor.

  • Tipo de cobra (estrofa)
  • Cantiga de mestría / refrán
  • Presenza de finda e de atá-finda
  • Presenza de dobre e mordobre
  • Elementos paralelísticos
  • Recursos satíricos (ironía, hipérbole...)

Paráfrase:

Roi Queimado morreu de amor nas súas cantigas por unha dama que amaba pero que non lle facía caso; e para ir de bo trobador fíxose o morto nas cantigas, para logo resucitar no terceiro día. Isto fíxoo pola dona que amaba, e aínda vos diría máis: porque cre que así o borda, gústalle morrer nas súas cantigas, aínda que despois reviva. E faino porque el pode, que outro calquera non o faría. El non lle ten medo á súa morte, mais sabe ben que vivirá mellor tras morrer. E así morre nas súas cantigas, aínda que logo estea vivo. Vede o poder que Deus lle concedeu, quen o diría! Se Deus me concedese a min o poder de vivir despois de morto, nunca máis temería a morte.

Proposta

+

+

+